Sobre o que vén, a aplicación da LOE e novo decreto de comedores

Na constitución da Xunta Autonómica de Directores  (un novo órgano dos profesores) interveu a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, María José Pérez Mariño, quen trasladou aos membros da Xunta o desenvolvemento lexislativo da LOE na Comunidade. Así, Pérez Mariño indicou que, neste momento, os distintos sectores da comunidade educativa están implicados na configuración dos deseños curriculares das materias de educación primaria e de secundaria obrigatoria. Ademais, a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa destacou que, de acordo coa LOE, a Administración educativa autonómica está a traballar nun novo decreto que regule a admisión de alumnos nos centros educativos.

Pérez Mariño referiuse tamén na súa intervención ao Real Decreto de Ensinanzas Mínimas que regula as asignaturas e horarios que terán os nenos de entre 6 e 12 anos, que foi aprobado polo Consello de Ministros o pasado 8 de decembro, e que, segundo indicou a directora xeral, foi redactado segundo os principios da igualdade básica de todos os nenos e da distribución das materias en función das recomendacións da Unión Europea, é dicir, a partir das competencias básicas. Por outra banda, María José Pérez Mariño informou aos membros da Xunta Autonómica de Directores do orzamento destinado en 2007 a gastos de funcionamento dos centros docentes públicos, que se incrementará con respecto ao investido neste ano. Así, na educación primaria investiranse 1,2 millóns de euros, mentres que a secundaria contará cunha partida de 3,7 millóns de euros.

Novo decreto de comedores escolares
Pola súa banda, o secretario xeral da Consellería de Educación destacou que a Consellería de Educación elaborou un novo decreto de comedores escolares, que neste momento está sendo estudado polo Consello Consultivo e en breve vai ser remitido ao Consello da Xunta para posteriormente publicalo no Diario Oficial de Galicia (DOG). Benito Fernández salientou que a intención da Administración educativa autonómica é sacar inmediatamente unha orde que desenvolva este decreto. O secretario xeral salientou que esta norma, que foi debatida coas federacións de asociacións de nais e pais e polas organizacións sindicais, atenderá ás necesidades familiares, facilitando a compatibilidade da vida familiar e laboral dos pais; terá en conta que hai comedores escolares xestionados por ANPAS; prestará atención ás alerxias e intolerancias a algún alimento; e reducirá a ratio coidador/escolares atendidos, entre outros aspectos.

Ademais, Benito Fernández informou aos membros da Xunta Autonómica de Directores do novo procedemento acordado polas Consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e de Educación e Ordenación Universitaria que permitirá axilizar o proceso de cobertura de substitucións de persoal non docente nos centros de ensino galegos. Segundo salientou o secretario xeral de Educación, o novo sistema, que se implantou a finais do mes de outubro, posibilita que estas substitucións se podan cubrir nun máximo de 3 días.

Benito Fernández indicou que, con esta medida, redúcese o tempo medio en realizar este proceso, que no sistema utilizado ata entón era de 10 días. Deste xeito, mellorarase o funcionamento de numerosos servizos educativos como o de comedor ou a atención que se presta nos centros ao alumnado con necesidades educativas especiais. O secretario xeral de Educación sinalou que este novo procedemento se basea na utilización de técnicas telemáticas que permiten reducir o tempo que transcorre desde que se produce a necesidade de persoal nos centros ata que se materializa a provisión do substituto.

Por outra banda, Benito Fernández destacou o esforzo realizado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria en materia de dotación aos centros de ensino non universitario de material informático. Así, o secretario xeral da Administración educativa galega indicou que, en 2006, este departamento puxo á disposición da comunidade escolar un total de 27.000 ordenadores (17.000 equipos de última tecnoloxía que se enviaron aos centros; e 10.000 axudas para mercar ordenadores dirixidas ás familias). Neste senso, Benito Fernández destacou que en 2007 farase un esforzo semellante, polo que, en dous anos, a Consellería de Educación facilitará á comunidade educativa galega preto de 55.000 ordenadores, investindo da orde de 38 millóns de euros nestas accións.