Só 16 centros no programa de potenciación do ensino en lingua galega en infantil

Laura Sánchez Piñón e Marisol López presentaron un conxunto de accións de cara a fomentar o uso do galego no ensino no vindeiro curso escolar

Ao redor de 800 alumnos participarán nesta iniciativa

Política Lingüística organizará módulos centrados en aspectos léxicos do galego dentro do Plan Anual de Formación do Profesorado

Santiago, 29 de agosto de 2006.- A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria e a secretaria xeral de Política Lingüística, Laura Sánchez Piñón e Marisol López Martínez, respectivamente, presentaron esta mañá en rolda de prensa unha serie de iniciativas que a Administración educativa autonómica desenvolverá a prol do fomento do galego no ensino no curso 2006/2007.

A máxima responsable do departamento educativo galego referiuse, en concreto, a catro accións: o programa de potenciación do ensino en lingua galega en educación infantil; a convocatoria de 10 proxectos de innovación en lingua galega; a actualización de material e ferramentas postas a disposición da comunidade educativa a través do portal de contidos educativos da Consellería de Educación; e a convocatoria de cursos de lingua galega en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística destinados ao profesorado.

Así, Sánchez Piñón destacou que un total de dezaseis centros de ensino galegos e ao redor de 800 alumnos participarán no programa de potenciación do ensino en lingua galega en educación infantil. Estes centros recibirán da Administración educativa formación e asesoramento para o profesorado implicado a través dos centros de Formación do Profesorado, que proporcionarán o apoio e asesoramento tanto para a elaboración dos seus proxectos específicos como para o seu desenvolvemento. Ademais, o departamento de Educación, xunto coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, proporcionará aos centros materiais e recursos en lingua galega; difundirá as experiencias a través da rede e os materiais educativos producidos. Ao mesmo tempo, o inspector responsable do centro educativo velará polo desenvolvemento do proxecto.

Outra das medidas que se van desenvolver desde o Goberno galego de cara a fomentar o emprego do galego no ensino no vindeiro curso é a convocatoria de 10 proxectos de innovación en lingua galega. Sánchez Piñón salientou que esta iniciativa, que está dirixida a centros de educación secundaria, permitirá implicar a toda a comunidade educativa promovendo o emprego da lingua galega fóra do ámbito estritamente académico; fomentar o ensino en galego entre o alumnado participante; actualizar a pedagoxía en materia de ensino en galego; e dispoñer de traballos e estudos sobre a práctica educativa da lingua galega.

Laura Sánchez Piñón destacou ademais o papel do portal de contidos educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través do cal se pon a disposición da comunidade educativa material actualizado e ferramentas para facilitar o ensino en galego en todos os niveis e idades. Así, a máxima responsable da Administración educativa autonómica sinalou que estes recursos van desde unidades didácticas ata xogos.

No mesmo senso, a secretaria xeral de Política Lingüística fixo referencia aos cursos en lingua galega destinados ao profesorado. Así, Marisol López sinalou que foron un total de 18 os cursos de iniciación e perfeccionamento para mestres e profesores os que se realizaron o pasado curso académico na Comunidade galega. Ademais, a secretaria xeral de Política Lingüística adiantou que, como novidade para este curso, introdúcese a posibilidade de ofrecer módulos centrados en aspectos léxicos do galego dentro dos cursos e das actividades formativas do Plan Anual de Formación do Profesorado que se organizan nos Centros de Formación e Recursos do Profesorado (Cefores). Ao mesmo tempo, sinalou que tamén se baralla a posibilidade de organizar cursos específicos que demanden os propios profesionais dos centros de ensino.