Sintonía entre Concello e Educación para mellorar o ensino público

Extraído de En pontevedra .com
02/11/2005
Concello e Consellería de Educación replantexaron hoxe nunha xuntanza en Santiago diversos asuntos relacionados cos equipamentos educativos da cidade. O máis sustancioso foi o posíbel traslado da Escola de Adultos de Barcelos á actual sede de Ciencias da Educación, cando esta titulación se traslade ao seu novo edificio no campus, agora en construcción.


Queda así liberado o millón de euros que a consellería tiña destinado para ese fin, para incrementar a aportación que este departamento autonómico realizará ao novo Edificio das Artes, en fase de proxectación na actualidade…

O predio da Parda que o Concello tiña pensado entregar á consellería para ese fin será destinado ben á construcción dun novo edificio para a Escola de Hostelería Carlos Oroza, ou para a nova escola Infantil da Parda. En calquera caso, o Concello dispón de espazo naquel barrio para estas duas novas edificacións.

Con esta nova solución consíguense 4 melloras: aproveitar un edificio que queda valeiro, adiantar o traslado da Escola de Adultos, reducir o investimento necesario e destinar recursos económicos con máis facilidade para o Edificio das Artes.

Alcalde e concelleiro de Educación viñeron moi satisfeitos da xuntanza desta mañá en Santiago, na que fixaron os compromisos mútuos en materia educativa para os próximos 4 anos, entre os que tamén destaca un convenio que será asinado entre as duas administracións para a mellora xeral dos colexios públicos do termo municipal, unha das principais demandas da comunidade educativa.

Nesa mellora xeral dos colexios públicos contémplase a apertura vespertina para a prestación de servizos fóra do horario escolar, a mellora do sistema de comedores escolares e outros aspectos como as instalacións deportivas, os xogos infantís e os equipamentos tecnolóxicos.

O Alcalde solicitou tamén un incremento na aportación da consellería á UNED, xa que o actual resulta "irrisorio" para un centro que atende unha demanda crecente de estudios. A Xunta na actualidade aporta a mesma cantidade para toda Galiza que o Concello ao centro de Pontevedra, ao que tamén apoian Deputación e Caixanova.

Por último, solicitaron a posibilidade de crear unha nova titulación para a Escola de Restauración, a referida a restauracións editoriais, cousa que a Xunta quedou de estudar.