Segunda nota de prensa sobre comedores

A Federación de APAS de Pontevedra, dá a coñecer a seguinte declaración elaborada pola reunión das APA de centros públicos de Pontevedra

(Froebel, A Xunqueira I, A Xunqueira II, Álvarez Limeses, Barcelos, Vilaverde –Mourente-, Manuel Vidal, Xeve, Marcos da Portela, San Martiño, Monteporreiro, Campolongo)

 Reunidas o pasado día 20 as ANPAs dos colexios públicos de Pontevedra nos que este curso comezan a funcionar os comedores para analizar a situación do proceso de implantación dese servizo, e comprometidos como estamos a colaborar, dada a situación de urxente solución, manifestámonos publicamente só para evitar malinterpretacións e distorsións ante a proposta do concelleiro de Educación de cal é a nosa posición e o que pretendemos facer  para colaborar.

A nosa única finalidade é garantir o interese das nais e pais a quen representamos para conquerir un funcionamento aceptable dos comedores escolares para as nosas fillas e fillos no presente curso, por iso

 Declaramos que   
 
O servizos de comedor e almorzo escolar son unha necesidade social desde hai anos que vimos demandando que cubra a Administración. A propia Administración mantén sistemas diferentes, segundo os colexios, de modo que nalgúns casos xestiona o servizo directamente mentres noutros só presta axudas económicas e obriga a que as asociacións de nais e pais teñamos que suplir funcións que non nos son propias e que supoñen unha grave carga.

A asociación á ANPA de cada centro é voluntaria, polo que sólo aquela parte dos pais  máis conscientes e comprometidos coas carencias dos centros está asociada e colabora pero a actividade da ANPA de cada centro repercute directa e positivamente na calidade e no éxito educativo de todo o centro, dos nosos fillos e futuros cidadáns. E isto dínnolo os informes sobre o sistema educativo unha e outra vez. Necesitamos ter unhas ANPA efectivas e con recursos para sacarlle o mellor partido posible ao período educativo. Non podemos permitirnos unhas ANPA saturadas de traballo burocrático.

Debemos lembrar que esta carga recae sobre nós a maiores, que xa suplimos, sen apoio ningún en moitos casos, a carencia de actividades extraescolares (extraescolares pero incluídas na programación educativa dos centros) previstas pola lei e que, ademais de implicar un traballo, significa a negación da gratuidade do sistema educativo nos centros públicos.

Queremos que tanto as actividades extraescolares como os servizos complementarios sexan considerados como parte necesaria do sistema educativo público e que sexan asumidas como propias das Administracións educativas competentes.

Nós comprometémonos a colaborar nesa liña. Por iso, concretamente respecto dos servizos complementarios, adoptamos os seguintes

Acordos:

1.- Reclamar a aclaración e determinación clara de responsabilidades na organización dos servizos complementarios mediante a inclusión no contrato/acordo, que as ANPA asumen asinar conxuntamente co Concello e a empresa que vai prestar o servizo, dunha cláusula de exención de responsabilidade das ANPA, tanto no aspecto de responsabilidade civil e penal como financeira. Deberá deixarse claro que a función que debemos cumprir as asociacións é a de ser representantes dos intereses das nais e pais e o da vixilancia do correcto funcionamento do comedor.

Tamén deberá establecerse un regulamento xeral, para o coñecemento público, das normas de uso, mantemento e que estableza o procedemento para xestionar as incidencias de prestación do servizo en todas as súas circunstancias. Aspecto non previsto.

2.- Reclamar de novo ao Concello, posto que a Administración non corre coa xestión do servizo e para as ANPA pode supoñer unha nova carga inasumible, que sexa a Federación Provincial de ANPA de Pontevedra a que asine, por delegación das ANPA, o acordo/contrato como xa ocorre noutras cidades galegas  – como Vigo, A Coruña ou Ourense- para axilizar a tramitación e a funcionalidade da xestión do comedor, e, asemade reclamar a sinatura urxente coa Federación do convenio de axudas municipal para proporcionar os medios imprescindibles que soteñan a actividades das ANPA.

3.- Designar unha comisión encargada de celebrar urxentemente unha última reunión definitoria co concelleiro de Educación e maila empresa SERUNIÓN  SA co fin de concretar os puntos anteriores antes do comezo do mes de outubro e facer todas as xestións necesarias para lograr o bo fin das nosas demandas.

Para coñecemento público.

Pontevedra, 22 de setembro de 2006

A comisión delegada de comedores escolares das APA dos centros arriba indicados.

Referencias na prensa: La Voz