Programas de cualificación inicial en Galiza

Orde do 13 de maio de 2008 pola que se regulan os programas de cualificación profesional inicial na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece no seu artigo 30 que lles corresponde ás administracións educativas organizar programas de cualificación profesional inicial destinados ao alumnado maior de dezaseis anos, cumpridos antes do 31 de decembro do ano de inicio do programa, que non obtivera o título de graduado en educación secundaria obrigatoria, co obxectivo de que alcance competencias profesionais propias dunha cualificación de nivel 1 da estrutura actual do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, así como de que teña a posibilidade dunha inserción sociolaboral satisfactoria e de que amplíe as súas competencias básicas para proseguir estudos nas diferentes ensinanzas. En casos excepcionais permite reducir o límite de idade a quince anos.

Por diferentes motivos, existe alumnado de educación secundaria obrigatoria con dificultades ou atrasos na súa aprendizaxe que poden pór en risco o alcance das competencias básicas e dos obxectivos previstos e, como consecuencia, a obtención da titulación correspondente. Malia tales dificultades, desfases ou limitacións, este alumnado posúe capacidades que cómpre potenciar a través de medidas axeitadas.

DOG 23/05/2008