Programa de apertura de centros educativos públicos fóra do horario lectivo

 O sábado 14 de xuño o Presidente da Xunta de Galicia e a  Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria acompañados  do Presidente da FEGAMP explicou os contidos dos proxectos que recolle o Programa de apertura de centros educativos públicos fóra do horario lectivo, que nunha primeira modalidade se centran no apoio ás actividades de promoción de hábitos saudables nos comedores e as relacionadas cunha dieta sa. A este respecto, indicou que as iniciativas subvencionadas nesta materia van dirixidas, principalmente, ao alumnado de Educación Infantil e Primaria e que están pensadas para desenvolverse ao inicio do día, antes das clases, con “almorzos saudables”, e en horario de xantar, cun carácter lúdico-deportivo (xogos de mesa, expresión corporal, musical…); de habilidades persoais (bos hábitos na mesa); ou de promoción da saúde (para evitar o sedentarismo).

A segunda modalidade do programa de apertura céntrase nas actividades de apoio ao éxito escolar e de prevención do absentismo e do abandono temperán dos estudos, que, segundo indicou Touriño, “ben serán deseñadas polos concellos –de xeito individual-, ou ben por agrupacións de concellos”.

Para que os proxectos dos concellos cumpran os fins desta modalidade, Touriño indicou que as accións de mellora do éxito escolar dirixiranse ao alumnado de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de Secundaria, con varias opcións para o deseño das actividades.

No que atinxe aos proxectos dirixidos á prevención ou intervención ante o absentismo e abandono temperán dos estudos, o plan terá como destinatarios últimos os rapaces comprendidos na etapa desde 4º da ESO ata os 24 anos.

“En definitiva, o Programa tenta contribuír á mellora da formación do alumnado, de cara a reforzar o éxito escolar, motivando aos rapaces e rapazas para a realización de actividade deportivas, artísticas ou saudables, como elementos transversais da súa educación integral”, asegurou Touriño. Destacou, ademais, que a iniciativa tamén facilita a contratación de persoal especializado para atender as necesidades educativas e sociais do alumnado durante o tempo extraescolar, ao tempo que contribúe á xestión de recursos e espazos escolares para que a planificación fóra do horario lectivo se adecúe ao funcionamento diario dos colexios.

DOGA

TRÍPTICO

CORRECCIÓN DE ERROS ( DOG 18/06/08)