Probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio e de grao superior de formación profesional

Resolución do 18 de decembro de 2007, da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, pola que se convocan probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio e de grao superior de formación profesional específica en centros docentes sostidos con fondos públicos.

A disposición segunda da Orde do 1 de abril de 2002, pola que se regulan as probas de acceso aos ciclos formativos de formación profesional específica, determina que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convocará, polo menos unha vez por ano, unha proba para o acceso aos ciclos formativos que se impartan na Comunidade Autónoma de Galicia. A esta proba unicamente poderán concorrer as persoas que non cumpran os requisitos académicos que permitan o acceso directo aos ciclos formativos.

A disposición derradeira primeira da devandita orde autoriza a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para ditar as instrucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e a aplicación do previsto nela.

Na súa virtude, esta dirección xeral

RESOLVE:

Anunciar a convocatoria de realización das probas de acceso a ciclos formativos de grao medio e grao superior de formación profesional específica para o curso 2008-2009, consonte as seguintes disposicións:

Capítulo I

Ciclos formativos de grao medio

Primeiro.-Probas de acceso a ciclos formativos de grao medio.

O Real decreto 1538/2006, do 15 de decembro, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo, no seu artigo 22.2º determina que para acceder pola vía de proba de acceso aos ciclos formativos de grao medio se requirirá ter como mínimo dezasete anos cumpridos no ano de realización da proba.

Esta proba de acceso defínese na Orde do 1 de abril de 2002 pola que se regulan as probas de acceso aos ciclos formativos de formación profesional específica, así como na Orde do 30 de xaneiro de 2007 (DOG do 15 de febreiro, con corrección de erros no DOG do 5 de marzo), pola que se modifica a anterior. A proba acreditará se a persoa aspirante posúe coñecementos e habilidades suficientes para cursar con aproveitamento estas ensinanzas, é común para todos os ciclos formativos de grao medio, e o seu contido atenderá aos aspectos sociocultural e científico-tecnolóxico da educación secundaria obrigatoria. Consta de dúas partes:

Parte sociocultural.

Comprensión e expresión de textos escritos con propiedade, autonomía e creatividade, en galego e en castelán.

Coñecemento da historia, a xeografía e as actitudes da nosa tradición e do noso patrimonio cultural, así como análise dos mecanismos e os valores que rexen o funcionamento das sociedades.

Parte científico-tecnolóxica.

Resolución de problemas nos campos das matemáticas e da tecnoloxía, mediante procedementos de razoamento lóxico.

Realización de exercicios que utilicen códigos científicos e técnicos. Aplicacións do desenvolvemento científico e tecnolóxico, e a súa incidencia no medio físico e social.

A proba de acceso cualificarase numericamente entre cero e dez para cada unha das partes. A nota final da proba calcularase sempre que se obteña polo menos unha puntuación de catro en cada unha das partes e será a media aritmética destas, expresada con dous decimais. Será positiva a cualificación de cinco puntos ou superior.

Non se terá en conta para o cálculo da nota final a exención da materia de lingua galega e literatura. No caso de exención total da proba, a cualificación final será 5,00 puntos.

Segundo.-Probas de acceso adaptadas ás persoas que acrediten discapacidades.

As persoas con necesidades específicas derivadas de discapacidades físicas, psíquicas ou sensoriais que teñan a declaración legal de diminución poderán solicitar os recursos adicionais necesarios para desenvolver a proba de acceso.

Quen solicite proba adaptada deberá cubrir o modelo de solicitude que figura como anexo III desta resolución e presentar o correspondente certificado acreditativo de minusvalidez emitido polos equipos de valoración e orientación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, así como o seu ditame técnico facultativo. A Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, en función do grao de discapacidade, determinará as medidas ou os recursos adicionais e, de ser o caso, adaptará a proba de acceso que deban superar estas persoas, que, en todo caso, deberá respectar o esencial dos obxectivos fixados nos decretos que regulan os currículos das materias da proba.

Terceiro.-Exencións das probas de acceso.

A solicitude de exención deberase formular no momento da inscrición para a proba. Quen a solicite farao constar na solicitude de inscrición que aparece no anexo VI da corrección de erros da Orde do 30 de xaneiro de 2007, pola que se modifica a Orde do 1 de abril de 2002 pola que se regulan as probas de acceso aos ciclos formativos de formación profesional específica, e achegará xunto coa súa solicitude a documentación que corresponda.

1. Poderán quedar exentas da realización da proba as persoas que acrediten ter superadas as probas de acceso á universidade para maiores de 25 anos. Quen desexe facer efectiva esta exención non terá que inscribirse para a proba de acceso. Poderá participar no proceso de admisión a ciclos formativos consonte o procedemento que se regula na Orde do 5 de xuño de 2007 (DOG do 15 de xuño).

2. Consonte o disposto no Decreto 124/2007, do 28 de xuño (DOG do 29 de xuño), polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo, o alumnado que se incorpore ao sistema educativo de Galicia en cuarto curso de educación secundaria obrigatoria ou en bacharelato, procedente doutras comunidades autónomas ou dun país estranxeiro con lingua oficial castelá, poderá obter a exención da cualificación das probas de avaliación de materia de lingua galega durante dous cursos académicos.

Con base no exposto, o alumnado que se presente ás probas de acceso aos ciclos formativos de formación profesional inicial e teña exención en vigor deberá facelo constar expresamente no momento de realizar a inscrición, achegando copia da resolución de concesión.

O director ou a directora do centro onde se presentase a documentación deberá verificar a vixencia das certificacións de exencións concedidas e envialas, xunto co resto das solicitudes de exención, á Subdirección Xeral de Formación Profesional nos prazos previstos para a súa incorporación á aplicación informática de xestión das probas de acceso.

Cuarto.-Publicación de listaxes provisionais e definitivas de inscrición, exención, probas adaptadas, cualificacións e lugares de realización da proba.

Quen desexar información puntual no relativo ás publicacións en todo o proceso do desenvolvemento das probas de acceso poderá dirixirse ao lugar onde realizase a súa inscrición, ao centro onde realice as probas ou ben á páxina web http://www.edu.xunta.es/fp, onde se publicarán as listaxes correspondentes. Así mesmo, na devandita páxina poderase consultar, logo de identificación, información personalizada en calquera momento do proceso.

Quinto.-Inscrición e calendario de realización das probas de acceso aos ciclos de grao medio.

1. Con anterioridade ao día 9 de maio, as delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria comunicarán por escrito á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais o seguinte:

-Os lugares onde se vaian realizar as probas e os centros adscritos, para que se fagan públicos o día 12 de maio.

-Os inspectores e as inspectoras provinciais responsables do proceso das probas de acceso.

-As persoas integrantes das comisións de realización das probas, por proposta da inspección educativa.

2. A solicitude de inscrición para as probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio presentarase por duplicado na secretaría de calquera dos institutos de educación secundaria (en diante IES) ou centros integrados de formación profesional (en diante CIFP) onde se impartan ensinanzas de formación profesional específica, no prazo comprendido entre os días 21 e 30 de abril de 2008, ambos os dous incluídos, segundo o modelo do anexo VI recollido na corrección de erros, publicada no DOG do 5 de marzo, da Orde do 30 de xaneiro de 2007 (DOG do 15 de febreiro), pola que se modifica a Orde do 1 de abril de 2002 (DOG do 12 de abril). O centro que tramite a devandita solicitude deberá entregarlle á persoa solicitante unha copia selada desta.

Na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp pódese realizar a inscrición para as probas. A folla de inscrición deberase presentar na secretaría dun dos centros anteriormente citados para lle dar validez á inscrición.

3. As persoas solicitantes de proba adaptada deberán cubrir o modelo de solicitude que figura como anexo III desta resolución e presentar o correspondente certificado acreditativo de minusvalidez emitido polo equipo de valoración e orientación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, así como o seu ditame técnico facultativo.

4. A relación provisional de persoas admitidas e excluídas para a realización da proba publicarase o día 5 de maio. No caso das exclusións, farase indicación do motivo que as ocasione. Poderase presentar documentación complementaria e reclamacións contra esta listaxe os días 6, 7 e 8 de maio. A relación definitiva de persoas admitidas e excluídas para a realización da proba nesta convocatoria farase pública o día 9 de maio.

5. No caso do alumnado que solicite exención de lingua galega ou proba adaptada, a dirección do centro remitirá á Subdirección Xeral de Formación Profesional, pola vía de urxencia, a relación de persoas solicitantes e a documentación correspondente de cada unha delas, de xeito que se garanta a súa recepción o día 15 de maio. A documentación restante arquivarase no propio centro educativo.

6. De se detectaren erros no número do documento de identificación (DNI, NIE, pasaporte ou documento de identidade dun Estado da Unión Europea), poderase solicitar a súa corrección en calquera momento a través dunha reclamación, segundo o modelo de solicitude dispoñible no anexo V desta resolución e na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp. A esta solicitude deberáselle achegar unha fotocopia do documento de identificación, e deberá estar asinada polo director ou a directora do centro, que enviarán por vía de urxencia a reclamación orixinal presentada na secretaría do centro á Subdirección Xeral de Formación Profesional. Non cumprirá que o centro realice ningún trámite adicional coa aplicación informática.

7. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria elaborará as probas de acceso aos ciclos formativos consonte o establecido na Orde do 1 de abril de 2002, modificada pola Orde do 30 de xaneiro de 2007 (DOG do 15 de febreiro).

8. As probas de acceso aos ciclos de grao medio terán lugar o día 5 de xuño de 2008 no horario que se indica a seguir:

Ás 9.00 horas: presentación.

Das 10.00 ás 12.00 horas: parte sociocultural.

Das 12.30 ás 14.30 horas: parte científico-tecnolóxica.

As persoas inscritas deberán presentar, para a realización da proba, o seu documento de identidade e copia da folla da solicitude de inscrición.

Sexto.-Información, orientación e tramitación de solicitudes.

1. Todos os IES e CIFP que impartan ensinanzas de formación profesional deberanlles ofrecer ás persoas interesadas información e orientación sobre estas ensinanzas, así como sobre o procedemento de inscrición e desenvolvemento das probas de acceso.

2. Os IES e CIFP onde se impartan ensinanzas de formación profesional específica tramitarán a información referente ao alumnado participante nas probas de acceso a ciclos formativos a través da aplicación informática facilitada pola Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais.

Sétimo.-Resolución de exencións, proba adaptada e reclamacións.

1. A resolución provisional de exención de lingua galega e literatura e de proba adaptada farase pública o día 20 de maio.

2. Contra estas resolucións provisionais poderase presentar reclamación os días 21, 22 e 23 de maio, ante o presidente ou a presidenta do tribunal único, no centro onde se realizase a inscrición. Os centros cargarán na aplicación as reclamacións e deberanas remitir, por vía de urxencia, á Subdirección Xeral de Formación Profesional, de xeito que se asegure a súa recepción o día 29 de maio. A resolución definitiva farase pública o día 3 de xuño.

Oitavo.-Listaxes de cualificacións da proba e reclamacións.

1. Os resultados das cualificacións provisionais das probas de acceso aos ciclos formativos publicaranse o día 13 de xuño.

2. Poderase presentar reclamacións contra a cualificación provisional os días 16, 17 e 18 de xuño, ante o presidente ou a presidenta do tribunal único, no centro onde se realizase a inscrición ou naquel onde se realizase a proba. Neste período, os centros cargarán na aplicación estas reclamacións e deberanas remitir, por vía de urxencia, á Subdirección Xeral de Formación Profesional, de xeito que se asegure a súa recepción o día 20 de xuño. Ese mesmo día, o presidente ou a presidenta da comisión de realización entregará os exames na Subdirección Xeral de Formación Profesional para a súa revisión polo tribunal único. A cualificación definitiva publicarase o 27 de xuño.

Noveno.-Recursos.

Contra a resolución de exencións e de proba adaptada, e contra as cualificacións definitivas da proba de acceso, poderase interpor recurso de alzada no prazo dun mes ante o director ou a directora xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Décimo.-Certificacións.

A superación da proba acreditarase mediante unha certificación, segundo o modelo que figura no anexo II da Orde do 1 de abril de 2002, que será expedida pola secretaría do centro onde se realizase a proba. En ningún caso se estenderá certificación que se refira á superación parcial da proba.

A certificación de ter superada a proba terá validez en todo o Estado como requisito de acceso a calquera ciclo formativo de grao medio.

Capítulo II

Ciclos formativos de grao superior

Décimo primeiro.-Probas de acceso a ciclos formativos de grao superior.

O Real decreto 1538/2006, do 15 de decembro, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo, no seu artigo 24.2º establece que para acceder pola vía de proba de acceso aos ciclos formativos de grao superior se requirirá ter dezanove anos cumpridos no ano de realización da proba, ou dezaoito se se acredita posuír un título de técnico relacionado con aquel ao cal se desexa acceder.

Esta proba de acceso defínese na Orde do 1 de abril de 2002 pola que se regulan as probas de acceso aos ciclos formativos de formación profesional específica, así como na Orde do 30 de xaneiro de 2007 (DOG do 15 de febreiro, con corrección de erros no DOG do 5 de marzo), pola que se modifica a anterior. Consta de dúas partes:

-Parte xeral: neste exercicio, a persoa aspirante deberá acreditar a madureza en relación cos obxectivos do bacharelato, fundamentalmente en contidos procedementais de lingua galega e literatura, de lingua castelá e literatura, de lingua estranxeira (opción de inglés ou de francés) e de matemáticas.

A cualificación da parte xeral será a media aritmética das puntuacións logradas en cada unha das materias que a integran.

-Parte específica: a persoa aspirante deberá acreditar a súa capacidade de formación profesional de base relacionada co campo profesional do ciclo formativo ao cal solicita acceder. Esta parte avaliará os coñecementos en relación coas materias que se indican na segunda columna do anexo I desta resolución. Cada aspirante elixirá a opción que lle permita o acceso ao ciclo formativo que desexe cursar.

A proba de acceso cualificarase numericamente entre cero e dez para cada unha das partes. A nota final da proba calcularase sempre que se obteña polo menos unha puntuación de catro en cada unha das partes e será a media aritmética destas, expresada con dous decimais. Será positiva a cualificación de cinco puntos ou superior.

Non se terá en conta para o cálculo da nota final a exención da materia de lingua galega e literatura nin a exención da materia ou das materias da parte específica da proba. No caso de exención total da proba, a cualificación que se empregará no proceso de admisión será 5,00 puntos.

Décimo segundo.-Probas de acceso adaptadas para quen acredite discapacidade.

As persoas con necesidades específicas derivadas de discapacidade física, psíquica ou sensorial, que teñan a declaración legal de diminución, poderán solicitar os recursos adicionais necesarios para desenvolver a proba de acceso.

Quen solicite proba adaptada deberá cubrir o modelo de solicitude que figura como anexo III desta resolución e presentar o correspondente certificado acreditativo de minusvalidez emitido polos equipos de valoración e orientación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, así como o seu ditame técnico facultativo. A Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, en función do grao de discapacidade, determinará as medidas ou os recursos adicionais e, de ser o caso, adaptará a proba de acceso que deban superar estas persoas, que, en todo caso, deberá respectar o esencial dos obxectivos fixados nos decretos que regulan os currículos das materias da proba.

Décimo terceiro.-Exencións das probas de acceso.

A solicitude de exención deberase formular no momento da inscrición para a proba. Quen a solicite farao constar na solicitude de inscrición que aparece no anexo VII da corrección de erros da Orde do 30 de xaneiro de 2007, pola que se modifica a Orde do 1 de abril de 2002, pola que se regulan as probas de acceso aos ciclos formativos de formación profesional específica, e achegará xunto coa súa solicitude a documentación que corresponda.

1. Poderán quedar exentas da realización da proba as persoas que acrediten ter superadas as probas de acceso á universidade para maiores de 25 anos. Quen desexe facer efectiva esta exención non terá que se inscribir para a proba de acceso. Poderá participar no proceso de admisión a ciclos formativos consonte o procedemento que se regula na Orde do 5 de xuño de 2007 (DOG do 15 de xuño).

2. Da parte específica da proba poderán quedar exentas as persoas que acrediten polo menos un ano de experiencia laboral en campos profesionais que se correspondan cos coñecementos das materias que se indican na segunda columna do anexo I desta resolución, para os estudos que se pretenda cursar.

A solicitude desta exención deberase formular no momento da inscrición, e cumprirá achegarlle a seguinte documentación:

-Certificación da empresa, segundo o anexo II desta resolución, onde se fagan constar especificamente as actividades laborais desenvolvidas pola persoa interesada relacionadas co campo profesional que se corresponda cos estudos que pretenda cursar, así como o número de horas dedicadas a elas. En caso de traballadores e traballadoras por conta propia, ademais, certificación de alta no imposto de actividades económicas e, de ser o caso, xustificantes do seu pagamento.

-Certificación da Tesouraría da Seguridade Social ou da mutualidade laboral en que a persoa solicitante estivese afiliada, onde conste a empresa e o período de contratación. No caso de persoal das Forzas Armadas, certificación de vida laboral expedida pola pagadoría do centro de destino actual, onde consten os empregos desempeñados por destino, coa especialidade militar e o período de exercicio.

A resolución sobre as exencións correspóndelle ao tribunal avaliador que se indica no punto sexto, número dous, da Orde do 1 de abril 2002.

Entregaráselle á persoa solicitante a resolución das exencións que lle correspondan o mesmo día da realización da proba. As resolucións de exención que non se recollan o día das probas arquivaranse nas secretarías dos centros en que estas se realicen, onde se poderán retirar logo de identificación.

Quen dispoña de resolución positiva de exención poderá presentala en futuras convocatorias; neste caso, a devandita resolución manterá a súa validez sempre que se manteñan as mesmas circunstancias.

3. Consonte o disposto no Decreto 124/2007, do 28 de xuño (DOG do 29 de xuño), polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo, o alumnado que se incorpore ao sistema educativo de Galicia en cuarto curso de educación secundaria obrigatoria ou en bacharelato, procedente doutras comunidades autónomas ou dun país estranxeiro con lingua oficial castelá, poderá obter a exención da cualificación das probas de avaliación de materia de lingua galega durante dous cursos académicos.

Con base no exposto, o alumnado que se presente ás probas de acceso aos ciclos formativos de formación profesional inicial e teña vixente a exención concedida deberá facelo constar expresamente no momento de realizar a inscrición, achegando copia da resolución de concesión.

O director ou a directora do centro onde se presentase a documentación deberá verificar a vixencia das certificacións de exencións concedidas e envialas, xunto co resto das solicitudes de exención, á Subdirección Xeral de Formación Profesional nos prazos previstos para a súa incorporación á aplicación informática de xestión das probas de acceso.

Décimo cuarto.-Publicación de listaxes provisionais e definitivas de inscrición, exención, proba adaptada, cualificación e lugares de realización da proba.

Quen desexar información puntual no relativo ás publicacións en todo o proceso do desenvolvemento das probas de acceso, poderá dirixirse ao lugar onde realizase a súa inscrición, ao centro onde realice as probas ou ben á páxina web http://www.edu.xunta.es/fp, onde se publicarán as listaxes correspondentes. Así mesmo, na devandita páxina poderase consultar, logo de identificación, información personalizada en calquera momento do proceso.

Décimo quinto.-Inscrición e calendario de realización das probas de acceso aos ciclos de grao superior.

1. Con anterioridade ao 7 de febreiro, as delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria comunicarán por escrito, á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, o seguinte:

-Os lugares onde se vaian realizar as probas e os centros adscritos, para que se fagan públicos o día 8 de febreiro.

-Os inspectores e as inspectoras provinciais responsables do proceso das probas de acceso.

-As persoas integrantes das comisións de realización das probas, por proposta da inspección educativa.

2. A solicitude de inscrición para as probas de acceso aos ciclos formativos de grao superior presentarase por duplicado na secretaría de calquera dos IES e dos CIFP onde se impartan ensinanzas de formación profesional específica (agás o CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro, de Ferrol), no prazo comprendido entre o día 21 e o 31 de xaneiro de 2008, ambos os dous incluídos, segundo o modelo do anexo VII recollido na corrección de erros, publicada no DOG do 5 de marzo, da Orde do 30 de xaneiro de 2007 (DOG do 15 de febreiro) pola que se modifica a Orde do 1 de abril de 2002 (DOG do 12 de abril), así como o modelo do anexo X desta resolución. O centro que tramite a devandita solicitude deberalle entregar á persoa solicitante unha copia selada desta.

Na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp pódese realizar a inscrición para as probas. A folla de inscrición deberase presentar na secretaría dun dos centros anteriormente citados para lle dar validez á inscrición.

3. Quen solicite proba adaptada deberá cubrir o modelo de solicitude que figura como anexo III desta resolución e presentar o correspondente certificado acreditativo de minusvalidez emitido polo equipo de valoración e orientación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, así como o seu ditame técnico facultativo.

4. A relación provisional de persoas admitidas e excluídas para a realización da proba publicarase o día 1 de febreiro. No caso das exclusións, farase indicación do motivo que as ocasione. Poderase presentar documentación complementaria e reclamacións contra esta listaxe os días 4, 5 e 6 de febreiro. A relación definitiva de persoas admitidas e excluídas para a realización da proba nesta convocatoria farase pública o día 7 de febreiro.

5. No caso do alumnado que solicite exención de lingua galega ou proba adaptada, a dirección do centro remitirá á Subdirección Xeral de Formación Profesional, pola vía de urxencia, a relación de persoas solicitantes e a documentación correspondente de cada unha delas, de xeito que se garanta a súa recepción o día 13 de febreiro. A documentación restante arquivarase no propio centro educativo.

6. De se detectaren erros no número do documento de identificación (DNI, NIE, pasaporte ou documento de identidade dun Estado da Unión Europea), poderase solicitar a súa corrección en calquera momento a través dunha reclamación, segundo o modelo de solicitude dispoñible no anexo V desta resolución e na páxina web http://www.edu.xunta.es/fp. A esta solicitude deberáselle achegar unha fotocopia do documento de identificación e deberá estar asinada polo director ou a directora do centro, que enviarán por vía de urxencia a reclamación orixinal presentada na secretaría do centro á Subdirección Xeral de Formación Profesional. Non cumprirá que o centro realice ningún trámite adicional coa aplicación informática.

7. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria elaborará as probas de acceso aos ciclos formativos, consonte o establecido na Orde do 1 de abril de 2002, modificada pola Orde do 30 de xaneiro de 2007 (DOG do 15 de febreiro).

8. As probas de acceso aos ciclos de grao superior realizaranse o día 18 de abril de 2008, no horario que se indica a seguir:

Ás 9.00 horas: presentación.

Parte xeral da proba.

Das 10.00 ás 12.00 horas: área lingüística (lingua galega e literatura, lingua castelá e literatura, e lingua estranxeira, con opción de francés ou inglés).

Das 12.30 ás 14.00 horas: área de matemáticas.

Parte específica da proba.

A partir das 16.30 horas: materias específicas da opción vinculada ao ciclo formativo para o cal se solicitase a proba de acceso, segundo o anexo I desta resolución.

A duración máxima para cada materia desta parte será de dúas horas.

As persoas inscritas deberán presentar, para a realización da proba, o seu documento de identidade e copia da folla da solicitude de inscrición.

Décimo sexto.-Información, orientación e tramitación de solicitudes.

1. Todos os IES e CIFP que impartan ensinanzas de formación profesional deberán ofrecer ás persoas interesadas información e orientación sobre estas ensinanzas, así como sobre o procedemento de inscrición e desenvolvemento das probas de acceso.

2. Os IES e CIFP onde se impartan ensinanzas de formación profesional específica tramitarán a información referente ao alumnado participante nas probas de acceso a ciclos formativos a través da aplicación informática facilitada pola Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais.

Décimo sétimo.-Resolución de exencións, proba adaptada e reclamacións.

1. A resolución provisional de exencións da proba e de proba adaptada farase pública o día 18 de febreiro.

2. Contra estas resolucións provisionais poderase presentar reclamación os días 19, 20 e 21 de febreiro, ante o presidente ou a presidenta do tribunal único no centro onde se realizase a inscrición. Os centros cargarán na aplicación as reclamacións e deberanas remitir, por vía de urxencia, á Subdirección Xeral de Formación Profesional, de xeito que se asegure a súa recepción o día 27 de febreiro. A resolución definitiva farase pública o día 3 de marzo.

Décimo oitavo.-Listaxes de cualificación da proba e reclamacións.

1. O resultado das cualificacións provisionais das probas de acceso aos ciclos formativos publicarase o día 25 de abril.

2. Poderase presentar reclamación contra a cualificación provisional os días 28, 29 e 30 de abril, ante o presidente ou a presidenta do tribunal único, no centro onde se realizase a inscrición ou naquel onde realizase a proba. Neste período os centros cargarán na aplicación estas reclamacións e deberanas remitir, por vía de urxencia, á Subdirección Xeral de Formación Profesional, de xeito que se asegure a súa recepción o día 6 de maio. Ese mesmo día, os presidentes e as presidentas das comisións de realización entregarán os exames na Subdirección Xeral de Formación Profesional para a súa revisión polo tribunal único. A cualificación definitiva publicarase o día 13 de maio.

Décimo noveno.-Recursos.

Contra a resolución de exencións e de proba adaptada, e contra as cualificacións definitivas da proba de acceso, poderase interpor recurso de alzada no prazo dun mes ante o director ou a directora xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Vixésimo.-Certificacións.

A superación da proba acreditarase mediante unha certificación, segundo o modelo que figura no anexo III da Orde do 1 de abril de 2002, que será expedida pola secretaría do centro onde se realizase a proba. No caso de que a persoa aspirante alegue a exención da parte específica, o acceso estará limitado aos ciclos para os cales teña a exención recoñecida. En ningún caso se expedirá certificación que se refira á superación parcial da proba. As certificacións que se lles expidan ás persoas que teñan superada a proba de acceso a ciclos formativos de grao superior especificarán o nome dos ciclos formativos aos cales dá acceso, consonte as opcións do anexo I desta resolución.

A certificación de ter superada a proba terá validez como requisito de acceso en todo o Estado e manterá a súa vixencia sempre que non se modifique o título nin as ensinanzas correspondentes ao ciclo formativo.

Disposición adicional

Na xestión dos procesos a que se refire esta resolución respectarase a normativa sobre protección de datos, consonte a lexislación vixente. Os centros onde se realizasen as probas conservarán toda a documentación xerada durante os tres meses seguintes á finalización do proceso. No caso dos exames reclamados e dos impugnados, a documentación conservarase durante un período de cinco anos.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2007.

Antonio Vázquez Vázquez
Director xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais