PRETO DE 40.000 RAPACES PARTICIPARÁN NA EDICIÓN 2008 DO CORRELINGUA

As carreiras pola lingua comezarán o día 6 de maio na Coruña e rematarán en Ourense o 16, percorrendo 13 comarcas galegas baixo o lema "En galego cabe todo. Presentouse en Santiago a edición 2008 do Correlingua, unha actividade que se celebra de xeito regular desde o 2000, consistente en diferentes carreiras a prol do galego que se celebran en 13 vilas de Galiza, e na que se prevé unha participación de preto de 40.000 rapaces e rapazas procedentes da maioría de centros educativos de todo o país.
Correlingua é a denominación que adoptaron de maneira común as diversas carreiras en prol do idioma que se convocan no país. É unha proposta de carácter lúdico-educativo que pretende convidar a mocidade e os centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro.

En Galego Cabe Todo foi o lema escollido para a presente edición, facendo referencia á capacidade das memorias dos Mp3 e I-pods, onde todo o que se faga en galego ten cabida e, por tanto, trasladando que na nosa vida diaria, en todas as nosas actividades o noso idioma pode estar presente.

Na presente edición do Correlingua incorporouse o A Polo Ghit do Correlingua en colaboración coa Radio Galega e Vieiros. O Ghit do Correlingua 2008 buscouse entre 51 grupos de música galega, que o alumnado tivo a oportunidade de descargar da páxina web do Correlingua e votar. Resultou elexido o grupo Sínefres de Boiro, que actuará en 8 das festas finais do Correlingua. En outras 5 festas actuará o Xabarín Club da TVG. En todas as vilas e cidades nas que se celebra o Correlingua, desenvolveranse espectáculos teatrais que contarán coa participación de Touriñán e Marcos, de Ppablo e os Ghazafellos, ou do Grupo Chévere, entre outros.

O Correlingua está organizado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), a Confederación Intersindical Galega _ Ensino (CIG-Ensino), a Mesa pola Normalización Lingüística, e os Concellos de Lugo, Pontevedra, Santiago e Vigo, e conta tamén coa colaboración da Vicepresidencia do Goberno Galego, as Consellarías de Cultura, a Secretaría xeral de Política Lingüística, Dirección Xeral de Xuventude, a Consellaría de Innovación e Industria a través do Xacobeo, a Radio Galega e a TVG, que realizará un documental sobre a actividade, ademais de diferentes concellos das comarcas onde se desenvolven as actividades, ás que se suma a Rede Galega de Escolas Infantís Galescolas. As entidades organizadoras consideran fundamental implicar a mocidade, un sector fundamental no proceso de normalización da lingua galega que debe ter un papel activo no mesmo.

Próximamente editarase o segundo número da revista Correlingua que contará coa participación de alumnos e alumnas de diferentes centros de ensino do País, e onde se publicarán os traballos gañadores do Concursos da edición 2008.

No acto celebrado esta mañá participaron, por parte das entidades organizadoras, Anxo Louzao e Marta da Costa, de CIG-Ensino, Carlos Callón e Fran Rei, por parte da Mesa pola Normalización Lingüística e a súa sección xuvenil, respectivamente; Olga Patiño, da AS-PG, e Guadalupe Rodríguez, concelleira de Educación e Normalización Lingüística de Santiago. Tamén estivo presente Luis Bará Torres, director xeral de Creación e Difusión Cultural, e Xurxo Souto, xefe de programas da Radio Galega.

O presidente da Mesa, Carlos Callón, animou aos rapaces e rapazas a seguir empregando a súa lingua en todos os eidos, e recordou que toda a sociedade en xeral está chamada a participar na manifestación nacional que, baixo o lema "Polo dereito a vivirmos en galego", convoca a asociación en defensa da lingua para o vindeiro 18 de maio en Santiago de Compostela.

CALENDARIO CORRELINGUA

A Coruña 06/05/2008 A Coruña

A Barbanza 07/05/2008 Ribeira

Ferrolterra 07/05/2008 Ferrol

A Mariña 08/05/2008 Foz

Salnés 08/05/2008 Vilagarcía

Lugo 09/05/2008 Lugo

Santiago de Compostela 12/05/2008 Santiago de Compostela

Pontevedra 13/05/2008 Pontevedra

Vigo 14/05/2008 Vigo

Baixo Miño 15/05/2008 Salceda de Caselas

Ribeira Sacra 15/05/2008 Monforte de Lemos

Monterrei 16/05/2008 Verín

Ourense 16/05/2008 Ourense

Máis información