Política Lingüística financiará a actualización dos fondos bibibliográficos dos centros públicos

Así o acordou Política Lingüística cos representantes da Asociación Galega de Editores, hoxe en Santiago de Compostela.

mosimage A Secretaría Xeral de Política Lingüística vai financiar a actualización dos fondos bibliográficos dos departamentos de galego dos centros de ensino públicos existentes en Galicia e dos centros de estudos galegos que existen en 42 universidades de fóra do territorio de Galicia.

Así o acordou hoxe a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, cos representantes da Asociación Galega de Editores, no marco dunha xuntanza que tivo lugar hoxe en Santiago de Compostela. Os editores encargaranse de elaborar e distribuír os novos materiais, entre os que se incluirán títulos de literatura infantil e xuvenil.

Este acordo xorde da primeira xuntanza celebrada entre a secretaria xeral de Política Lingüística e os representantes dos editores galegos. Marisol López destacou que «é fundamental a colaboración cos editores para afondar no apoio á lingua, e nesta primeira reunión houbo unha sintonía total».

Pola súa banda, o presidente dos editores galegos, Miguel Anxo Fernán Vello, explicou que con esta toma de contacto «queda desbloqueada a relación entre a asociación e o departamento de Política Lingüística, o que abre novas perspectivas para traballar en común a prol da normalización da lingua».

A actualización dos libros farase adaptando títulos xa existentes á normativa do galego aprobada en 2003 e tamén coa distribución de novos materiais, que se irán concretando en vindeiras reunións.

Por outra banda, na xuntanza estudouse a posibilidade de materializar novas vías de colaboración entre a Administración autonómica e os editores, de xeito que estes se involucren na elaboración de material escolar de apoio e para o ensino non regrado de lingua galega. Nesta e noutras iniciativas relativas á edición en galego vaise afondar nunha vindeira xuntanza, que se celebrará o 28 de decembro.