OS NENOS/AS TAMÉN SOFREN

Dende a plataforma de familias  reclaman da Administración a posta en marcha da especialidade de psiquiatría infanto xuvenil. "Os nenos tamén sofren, tamén se deprimen, tamén padecen episodios de ansiedade, exactamente igual que os adultos, pero coa particularidade de que non o demostran de igual forma, de que moitas veces non saben ou non poden expresar o que lles está a pasar. De aí a importancia e a necesidade de que sexan profesionais especificamente formados en patoloxías infantís e xuvenís os que interpreten as súas reaccións, as súas bágoas, os seus xogos, os seus medos, os seus silencios,…, os que poñan nome a iso que observan e quen indiquen o mellor modo de afrontalo", así exprésanse os membros da plataforma.

"Cada vez hai máis casos de fracaso e acoso no ámbito escolar, de trastornos alimentarios a idades temperás. É moi importante actuar con prontitude para non converter estas situacións en problemas máis graves ou mesmo irreparables, pois non hai que esquecer que o suicidio é a segunda causa de morte entre os menores no noso país. Hai entre nós moitos nenos, adolescentes e novos con trastornos do desenvolvemento, da aprendizaxe e do comportamento. É certo que eses problemas non teñen un diagnóstico sinxelo, pero resulta imprescindible chegar a el, porque co tratamento axeitado e unha intervención multidisciplinar as persoas afectadas poderán ter unha vida máis doada. E isto non sucede hoxe por hoxe, porque o descoñecemento social deses trastornos e a falta de medios da nosa sanidade o dificultan ou o impiden", sinalan dende a plataforma.

Artigo completo

Fonte:Revista hospitalaria nº 281