Observatorio Galego da Infancia

Decreto 184/2008, do 24 de xullo, polo que se crea o Observatorio Galego da Infancia.

Créase o Observatorio Galego da Infancia como órgano colexiado de participación, investigación, asesoramento, análise, estudo e proposta en políticas de atención á infancia e á adolescencia, adscrito ao departamento da Administración autonómica con competencias en materia de infancia.

Artigo 2º.-Obxectivos.
O Observatorio Galego da Infancia ten como obxectivo contribuír ao fomento e ao respecto dos dereitos recoñecidos aos nenos e nenas polo ordenamento xurídico interno e polas normas internacionais, e velar para que o exercicio dos ditos dereitos estea garantido.

Artigo 3º.-Funcións.
As funcións do Observatorio Galego da Infancia, que se exercerán sempre desde a integración da perspectiva de xénero do principio de igualdade, son as seguintes:

1. Propoñer actuacións destinadas a promover dereitos da infancia recoñecidos na Convención sobre os Dereitos do Neno e no resto do ordenamento xurídico.

2. Realizar o seguimento e avaliación das políticas sociais que afectan a infancia en Galicia.

3. Promover as actuacións necesarias para sensibilizar a todos os cidadáns no coñecemento e respecto dos dereitos da infancia en Galicia e no mundo.

4. Caracterizar os problemas da infancia en Galicia e procurar as posibles solucións.

5. Participar no deseño, execución e avaliación dos plans e proxectos de infancia.

6. Recoller, analizar e divulgar a información sobre infancia e adolescencia xerada en Galicia e noutras comunidades e países.

7. Asesorar organismos e institucións públicas e privadas en materia de dereitos de infancia.

8. Servir de canle para a actuación coordinada e harmónica coa infancia entre os distintos departamentos da Administración e os profesionais que actúen no ámbito da infancia e a adolescencia.

9. Realizar estudos e informes técnicos de diagnose da situación da infancia en Galicia e no mundo.

10. Participar e manter relacións con outros observatorios españois e internacionais.

DOG 2/09/08