O IES A Xunqueira acollerá as xornadas técnicas da madeira de España

Participan 140 profesores e 52 centros de toda España

É a primeira vez que este encontro anual se realiza en Galicia

Do 12 ó 14 do próximo mes de abril celebraranse as Xornadas Técnicas de Madeira e Moble. O IES A Xunqueira, un centro referente na formación na póla da madeira (nunca mellor dito) e o moble non só de nivel galego, será o anfitrión deste encontro (Pazo da Cultura). Este centro obtivo senllos premios no Concurso de Deseño e Mobles Cidade de San Sebastián nos anos 1997, 2000 e 2006 e colabora coa Asociación Amencer realizando mobles adaptados a minusválidos.

Nestas xornadas de formación do profesorado e de intercambio de experiencias entre distintos centros participarán 140 docentes e 52 centros de toda España, incluída Canarias.

As xornadas foron presentadas onte polo director do IES A Xunqueira, Rafael Núñez  e a profesora do centro, Luz Lorenzo Crecho, que estiveron arroupados polo delegado de Educación, Cristóbal Fernández, e a concelleira Mª Xesús López, quen subliñaron a importancia desta experiencia e dos ciclos formativos, moi demandados pola sociedade actual, como alternativa ás ensinanzas universitarias.

Este encontro anual do profesorado de madeira e moble de distintas comunidades conta coa participación de importantes empresas do sector e os seus principais obxectivos son, entre outros, innovar, experimentar novas fórmulas e avaliar os resultados; intercambiar experiencias; investigar e experimentar novos modelos didácticos; fomentar o intercambio de todo tipo material, tanto bibliográfico como pedagóxico e técnico e apoiar e promover todas as actividades que contribúan a mellorar a imaxe e calidade da especialidade da madeira e o moble de formación profesional.

Ademais de conferencias e relatorios específicos sobre temas como o Tratamento de ignifugación, Novas tecnoloxías ou Patoloxía e tratamento da madeira contra xilófagos, haberá demostracións por parte das empresas participantes. Ademais, un dos centros participantes, o IFPS Bidasoa, de Irún, convocou o concurso nacional de proxectos de instalación e desenvolvemento de produtos de madeira e mobles, cuxos premios daranse no transcurso das xornadas, concretamente o día 14 de abril.

Por outra parte, haberá unha exposición de mobles realizados polos alumnos do centro pontevedrés no vestíbulo do Pazo dá Cultura.

Os participantes tamén terán un tempo de lecer cunha visita turística las ría de Pontevedra e Arousa, e un percorrido pola cidade de Pontevedra e polo seu Museo.

Fonte: La Voz de Galicia