O galego e os galegos I

Esaxerando e manipulando non imos a ningunha parte. Aquí están uns datos oficiais do 2003

Este tipo de datos son importantes e claros. O novo Decreto de regulación das linguas na educación é moi semellante ao que xa leva en funcionamento 10 anos en Baleares, comunidade rica e turística por exemplo, sen maiores dificultades.

A aplicación do Decreto en Galicia tamén se prevé no texto como gradual. É dicir, que se implantará progresivamente alí onde non se está cumprindo xa ese mínimo do 50% en galego. Hai moitos centros en que, desde hai anos, se utiliza  maioritariamente o galego como lingua vehicular, e tampouco se ten documentado ningún problema de garantía de adquisición do castelán.

O que si é novo é que agora todos os centros terán que elaborar o seu proxecto lingüístico especificamente. Entre os aspectos máis importantes, especialmente nos graos inferiores (infantil e primeiro ciclo de Primaria) será fundamental establecer o punto de partida: cal é a lingua materna, a lingua do entorno? quen vai decidir iso?

Segundo o Decreto serán os claustros de profesores directamente quen o determinen pero, iso si, baseándose nos datos oficiais sobre o uso das linguas en cada zona de Galicia. Logo será visto polo Consello Escolar do Centro e mesmo revisado pola Inspección da Consellería de Educación.

Por iso eses datos son moi relevantes. Conseguir que os rapaces dominen as dúas linguas con igual destreza é perfectamente posible, como levan demostrando os rapaces galegofalantes desde hai décadas… é hora tamén de formar aos rapaces de entornos castelánfalantes para que teñan as mesmas oportunidades de enriquecerse.

O que demostran eses datos de aí arriba é que nin o castelán é a lingua maioritaria, nin o descoñecemento do galego é tal que poida provocar dificultades aos rapaces á hora de formarse.