O convenio de “comedores” supón unha nova época na xestión de servizos da Federación

A FANPA, tras asinar onte, 27 de agosto de 2008, un convenio de colaboración co Concello de Pontevedra, quere móstrarse moi satisfeita polo logro acadado tras longos meses de xestión da súa directiva e renova para curso que vén a súa intención de seguir ampliando e mellorando o necesario apoio que precisa o sistema de educativo nos centros públicos.

Ata non hai moito tempo, os nenos e nenas das cidades como Pontevedra que asisten aos centros públicos de Infantil e Primaria non tiñan servizo de comedor nin servizos de flexibilización horaria para a entrada e saída do centro escolar. Nin posibilidade de telos pola carencia de infraestruturas nos centros, orzamentos que non consideraban estas necesidades e mesmo desorganización e prexuízos. E isto supoñía unha clara desigualdade respecto dos nenos que asisten á rede de centros concertados así como unha fonte de dificultades familiares para a conciliación laboral e familiar.

Hai que recoñecer que coa implicación e colaboración das familias, a xenerosidade das nais e pais voluntarios nas ANPA e os nosos propios da Federación así como das Administracións, tanto a galega como a local, a situación mudou moito para ben nos centros públicos de Pontevedra…

O convenio asinado ten como obxecto central o financiamento parcial, en calidade de apoio ás familias, do que se chaman os servizos complementarios para o período abranguido polo calendario escolar (entre 2008 e 2009) segundo a seguinte previsión estimativa:

Ano

Número de alumnos

Contía total da subvención/ano

2008

1.480

185.000,00 €

2009

1.600

200.000,00 €

E que se concretan no compromiso da FANPA para a xestión de programas e servizos educativos complementarias, tales como, xornadas de formación, programas “madruga”, comedores escolares, actividades de adquisición de hábitos e habilidades socio- saudábeis, entre outras, para pais, nais, alumnos/as dos centros de infantil e primaria do ensino público no Concello de Pontevedra.


O compromiso da FANPA, tal como fan as propias ANPA na súa colaboración cos centros, esténdese obviamente ao control da calidade do servizos e non á súa simple existencia e por iso se compromete dentro do convenio, a realizar polos seus medios ou por medio dos terceiros que presten estes servizos, as accións e actividades necesarias para a contratación e formación continua de monitores competentes e con perfil profesional especializado en actividades pedagóxicas de adquisición de hábitos saudables, comportamento nos xantares, de respecto ao entorno e instalacións, de reciclaxe e compostaxe, etc.., así como na realización de actividades de fomento do uso da lingua galega, animación á lectura e calquera outra que axude á ocupación do lecer creativo e formativo (xogos educativos, adquisición de hábitos, sociais e relacionais, reforzo do multilingüimo, etc.).

Cómpre facer aclaración explícita no sentido de que isto non supón ningún cambio na xestión, organización nin financiamento do que se coñece como actividades extraescolares (que non son “servizos”) nin no caso dos centros acollidos ao convenio nin a calquera outro no ámbito da Federación. Ademais tamén pode ser necesario aclarar que o convenio atinxe aos servizos que, por delegación das ANPA involucradas, realizou e realizará a Federación e non se dirixe a proporcionar financiamento ás ANPA directamente.

Con todo, a partir desta sinatura de convenio a Federación poderá por fín levar a cabo os proxectos que temos preparados e que pola falta endémica de financiamento non se podían desenvolver; entre eles, están cursos de formación para xuntas directivas de ANPA, tamén a formación para as nais/ pais que forman parte dos consellos escolares dos centros, e ademáis temos previsto sacar adiante uns cursos especiais para pais/nais sobre a Internet (o seu uso, os seus perigos e vantaxes), e algo que consideramos moi importante cómo é saber qué fan os nosos fillos nela internet e cómo asesoralos no seu bo uso e advertilos dos problemas que lle podería causar un mal uso, ( baseándonos no libro "Manual de hacker para padres" do que recomendamos a lectura), ademáis de por suposto, o desenvolvemento dos plans de comedor e almorzos madrugadores, que tan bos resultados están a dar.

Temos máis ideas que cremos resultarían útiles: conferencias-coloquio sobre educación que poidan ser de utilidade para todos, cinefórum (unha actividade baseada nunha pelicula moi constructiva feita por UNICEF, que leva unha unidade didáctica realmente interesante tanto para pais como para os nenos), actividades para a unión de acción comarcal, concursos de participación para o fomento de valores cívicos, mellora dos servizos e infraestrutura da propia Federación.  Proxectos concretos que tentaremos levar a cabo antes de que remate este ano 2008.

A FANPA, como sempre quere agradecer a todas as súas ANPA asociadas o seu interese e colaboración ao longo deste tempo, e dende logo agradecerlle tanto ao alcalde do Concello de Pontevedra, don Miguel Anxo Fernández Lores así como á concelleira de Educación, dona Margarita Castejón, o esforzo que se está a facer para a mellora do ensino público, parte fundamental da formación das nosas fillas e fillos.