O Concello de Pontevedra promove unha nova edición da Aula Folque Infantil

A Concellería de Cultura do Concello de Pontevedra promove e o Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín coordinan unha nova edición da Aula Folque Infantil de Pontevedra (2005/2006)
Para as idades de 5 a 12 anos


Grupos
1 – De 5 a 6 anos
2 – De 7 a 8 anos
3 – De 9 a 12 anos

Lugar:
Aulas do Antigo Conservatorio de Música de Pontevedra (r/ Alfonso XIII)

Comezo e remate:
Do 12 de novembro de 2005
até o 27 de maio de 2006

Horario:
Sábados de 11.00 a 13.30 h

Inscrición:
Chalé Fontoira. Departamento de Cultura (telf. 986896528)

Prezo matrícula para o curso completo:
Un único pagamento de 80 € (prazas limitadas) que se realizará ao comezo da actividade.

Presentación da actividade

A AULA FOLQUE INFANTIL DE PONTEVEDRA é un espazo muscal, unha cita semanal na cidade de Pontevedra. A AFI oferta un ensino aberto, creativo, eficaz e diversificado para a música galega facendo tamén referencia á música doutras culturas do mundo.

Os nenos e nenas convértense en intérpretes e compositores, con "ouvido, intelecto, mans e corazóns educados" (Z.Kodály), sacando á superficie toda a música que cada un deles (que cada un de nós) levamos dentro.

É un ensino baseado nas capacidades físicas e psicolóxicas dos rapaces e rapazas, nos seus intereses e motivacións, empregando varias experiencias de percepción sensorial que preceden á presentación teórica.

O xogo, a escoita, a interpretación, a creación, a lingua e a comunicación xunto coa técnica, sentimento e "propio gosto" individual serán os piares da AULA FOLQUE INFANTIL, partindo da riqueza que contén o patrimonio musical galego.

Na anterior experiencia da AFI, os nenos e nenas realizaron un CD de aula baixo a produción de Nacho Muñoz. Este CD é unha experiencia única e especial onde o alumnado demostrou toda a súa capacidade creativa para o ritmo, as letras e a improvisación.

O ensino da música tradicional galega en relación coa música doutros pobos e o emprego natural da tecnoloxía é a aposta da Asociación do CMTF para a infancia e a xuventude do século XXI.

Ugia Pedreira e Pilar Araújo

Programa

Cada sábado impartiranse dúas horas de media de formación musical diferenciadas e complementarias.

Sesión vocal- rítmica
Dedicada ao ritmo, ao movemento e á voz

Sesión instrumental
Achegamento práctico ás técnicas, calidades sonoras e personalidade propia dos instrumentos de percusión folk.

Sesión midi
Dedicada á composición e creación musical por ordenador partindo da improvisación e dos elementos traballados nas sesións anteriores

Sesións complementarias

Visitas de distintos músicos profesionais galegos para dar a coñecer os seus instrumentos: zanfoña, acordeón diatónico, requinta, gaita…

Sesións específicas
De baile galego e percusión tradicional galega

As aulas concluirán na produción en formato CD das gravacións que o alumnado vaia realizando ao longo das diferentes sesións.