NOVAS – NOITES ABERTAS

O programa de Noites Abertas continua este venres e sábado ampliando a súa oferta de actividades con varias novidades.
 
 

O programa Noites Abertas continúa esta fin de semana con actividades para as noites do venres e do sábado, ademais da mañá do sábado cun obradoiro divertido de clown baixo o título “Esperta coa risa”.
Esta fin de semana, Noites Abertas multiplica o número de actividades e de espazos para disfrutar de xeito libre e divertido da fin de semana. O variado repertorio de actividades vai dirixido á mocidade entre os 12 e os 30 anos.
O venres 24 as actividades concentraranse entre o Colexio Froebel, a Casa Azul (rúa Sor Lucía), o Centro Cultural de Monte Porreiro e o Centro de Estudos Méndez Núñez. Tamén continúa o xogo de rol en vivo pola nosa cidade e no que xa participan máis de 40 mozos e mozas maiores de 18. Se aínda estás interesado/a en participar podes acudir a calquera espazo de Noites e solicitar o contacto co director do xogo, ou ben entrar na web www.rolenvivo.com onde cun simple correo electrónicos poderás inscribirte e entrar a formar parte do xogo.
No Colexio Froebel a actividade comezará ás 19 h co xadrez, para continuar ás 20,30 coa esgrima , ás 21,30 os bailes latinos con rumba, bolero e chachachá; e finalmente ás 23h. unha nova sesión de esgrima para os que cheguen máis tarde á actividade.
Mentres, na Casa Azul ás 21 h. dará comezo unha nova sesión de baile tradicional galego onde xa están a participar 10 mozas. Logo desta actividade, ás 23 h. dará comezo no mesmo lugar unha primeira sesión do Psicoerotismo para parellas mozas, actividade coordinada pola Asociación Inzar e destinada a mozos e mozas maiores de 16 anos. Se desexas participar nesta actividade, acode á mesma e solicita a túa inscrición no momento.
No Centro Cultural de Monte Porreiro comeza a actividade a partir das 21 h. coas Noites Flamenkas a cargo da Fundación Secretariado Xitano, con guitarra, percusión e cante. A partir das 23 h comezarán os obradoiros de breakdance, xogos e malabares, coordinados pola Asociación Cultural A Mimosa.
E para rematar, a partir das 20 h. no Centro de Estudos Méndez Núñez a actividade “A arte con nós”, ofrece este venres unha actividade musical co cantautor galego Xurxo Mares, habitual colaborador da Asociación de Diminuídos Psíquicos Virxe da O, e que dirixirá unha actividade musical colectiva. Esta actividade continuará o sábado pola mañá, de 12 a 14 h no mesmo lugar.
O sábado continúan as Noites Abertas pola mañá co obradoiro de clown “Esperta Coa Risa” a cargo de Llu Llu Teatro no Colexio Froebel a partir das 11 da mañá.
Tamén neste lugar o chi kun da Asocaición Multicultural Sinfronteras volve a partir das 19 h, xunto cos xogos musicais, o Trivial Rock, as adiviñas e o Clinic de batería do Colectivo Painkiller, con atractivos premios musicais.
Os deportes estarán presentes este sábado con rugby a partir das 19 h no Pavillón Multiusos da Xunqueira, e coa Ximnasia artística no Pavillón Municipal dos Deportes a partir da mesma hora.
O obradoiro de debuxo de cómic terá lugar no Local da Asociación de veciños Eduardo Pondal (ao lado do albergue de peregrinos) a partir das 19 h . Alí tamén, a Asociación de Lectores de Banda Deseñada dá a posibilidade de acceder aos seus fondos documentais de cómics de diverso tipo.
E xa para rematar, esta fin de semana comezan as actividades no Local da Sociedade Cultural de Mourente onde o sábado da partir das 19 h. terá lugar o curso de masaxe e relaxación.
Anímate e participa na actividade que máis se adapte aos teus gustos,necesidades e intereses, e ten en conta que son de acceso libre e gratuíto.
Para calquera información e suxestión, só tedes que contactar coa coordinación do Programa Noites Abertas na Oficina de Xuventude (Casa Azul, r/ Sor Lucía, 2, 3º Pontevedra), no teléfono 986 840 367 de luns a venres de 9 a 15 h , ou mandar un correo electrónico a xuventude@concellopontevedra.es. Tamén podes consultar a web www.noitesabertas.com