ORDE do 26 de xullo de 2012 pola que se establece a oferta de programas de cualificación profesional inicial en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 1. Obxecto
Determinar a oferta formativa dos módulos do primeiro e do segundo curso dos programas de cualificación profesional inicial para o curso 2012/13, nos centros públicos que se relacionan nos anexos I e II. O Fondo Social Europeo cofinancia nun 80 por cento os gastos de funcionamento dos módulos profesionais dos programas de cualificación profesional inicial.
Artigo 2. Réximes e modalidades
1. Os programas de cualificación profesional inicial poderán cursarse no réxime ordinario ou no réxime integrado a través de distintas modalidades.
2. No réxime ordinario, os módulos do primeiro curso poderán cursarse a través das seguintes modalidades e condicións:
a) Modalidade A, en que todos os módulos profesionais e os módulos formativos de carácter xeral do primeiro curso se imparten nun mesmo centro educativo, agás o de formación en centros de traballo.
b) Modalidade B, en que os módulos profesionais se imparten nun centro educativo, agás o de formación en centros de traballo, e os módulos formativos de carácter xeral do primeiro curso se imparten noutro.
c) Modalidade C, en que poderán participar as corporacións locais, as asociacións profesionais, as asociacións non gobernamentais e outras entidades, baixo a coordinación e logo de autorización da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, unicamente na opción de programas mixtos en que os módulos formativos de carácter xeral se imparten en centros educativos e os módulos específicos fóra deles.