Educación fixa as avaliacións de sexto de primaria para os días 11, 12 e 13 de maio e as de terceiro para os días 24 e 25

  • O director xeral de Educación presentou hoxe as probas, e insistiu en que non terán efectos no expediente académico dos alumnos, pero si servirán para implementar plans de mellora da calidade do sistema educativo
  • Abranguen a un total de 44.000 nenos e nenas de 800 centros públicos, privados e concertados de toda Galicia
  • Os resultados son de uso interno dos docentes, dos alumnos e dos seus pais e titores, polo que en ningún caso se establecerán ránkings de centros
  • Manuel Corredoira sinalou que, a raíz da avaliación de 3º que se fixo por primeira vez no curso pasado, un total de 69 centros de Primaria beneficiáronse dos contratos-programa da Consellería e dun docente externo de apoio para desenvolver plans de mellora vinculados aos seus resultados nesa proba

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de fixar para o mes de maio as datas das probas de terceiro e sexto de Educación Primaria establecidas na Lomce. Tal como informou o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, este ano -en cumprimento da normativa vixente- celebrarase por primeira vez a avaliación final de 6º de Primaria, que en Galicia será os días 11, 12 e 13 de maio. Así mesmo, xa por segundo ano, tamén se realizará a proba de 3º de Primaria, que será os días 24 e 25 de maio. O Diario Oficial de Galicia publicará os vindeiros días a Resolución na que se especifica, de xeito detallado, o desenvolvemento desta proba, e que poderá consultarse ao longo do día de hoxe no portal web da Consellería.

Ambas probas están baseadas e deseñadas segundo os estándares dos currículos de 6º e de 3º respectivamente. “Isto é, -especificou o director xeral- adaptadas ás franxas de idade dos rapaces e rapazas ás que van dirixidas”. Ademais, Manuel Corredoira insistiu en que en ningún dos casos se trata de ningunha reválida xa que nin a de 3º nin a de 6º computan a efectos de ningunha cualificación e non se avalían materias específicas senón algunhas competencias concretas.

Pola contra, son avaliacións individualizadas de carácter informativo e orientador para o alumnado, para os centros, para as familias e para a Administración educativa; e tamén probas diagnósticas cuxos resultados permitirán mellorar os procesos de docencia e de aprendizaxe.

Avaliación de 6º de Primaria

Este curso é a primeira vez que se aplica esta proba que, -como explicou Manuel Corredoira-, en liñas xerais é practicamente idéntica á de 3º, só que se incrementa o número de competencia avaliadas xa que se introduce a proba de inglés e outra de ciencia e tecnoloxía e, precisamente por ese motivo, se estende durante tres días.

Os 22.000 alumnos e alumnas que están cursando 6º de Primaria en Galicia realizarán unha proba de competencia matemática; outra de competencia en comunicación lingüística na que se avalía por separado o coñecemento e destreza en galego, en castelán e en inglés; e unha terceira de competencias básicas en ciencia e tecnoloxía.

O director xeral de Educación explicou que a aplicación da avaliación de 6º farase seguindo a mesma dinámica e o mesmo procedemento que se levou o ano pasado coa de 3º e que este curso se volverá repetir.

Avaliación de 3º de Primaria

Neste caso non hai ningunha novidade con respecto ao ano pasado e, polo tanto, seguirase avaliando as competencias matemática por un lado, e en comunicación lingüística por outro cunha proba conxunta e integrada en galego e en castelán. Esta proba farase entre o 24 e 25 de maio e ten como obxecto comprobar o grao de dominio de destrezas, capacidades e habilidades en expresión e comprensión oral e escrita e en cálculo e resolución de problemas.

Execución e corrección das probas

A Consellería de Cultura e Educación encargarase de proporcionar aos centros o apoio necesario (tanto material como soporte informático) para materializar as probas. Deste xeito, disporanse cadernos (en formato papel) para cada unha das avaliacións e das competencias obxecto de avaliación, así como cuestionarios de contexto para profesores, dirección do centro, alumnado e as súas familias.

Con carácter xeral, as probas deberán ser corrixidas por profesores/as que non impartan clase nas materias relacionadas coas competencias obxecto da proba aos alumnos/as avaliados, e os centros disporán ata o 31 de maio inclusive para cargar os datos da proba de final de Primaria, e ata o 3 de xuño inclusive para a de terceiro.

Comentarios3

Os comentarios están pechados. Xa non pode engadir novos comentarios.

  1. Na prensa de hoxe di que a federación galega de nais e pais pide que nos se leve aos nenos ao colexio eses días, cal é a postura a adoptar pola federación de Pontevedra, levamos ou non, polo que pon na prensa si que é avaliable, posto que se lle dira aos pais a conveniencia ou non de repetir o curso, co cal xa non é só informativa e para medir a calidade dos centros.
    Un saudo.

    1. Prezado Eusebio,

      A pesar do que poida parecer, a Xunta aínda non publicou a Orde no DOG sobre a convocatoria, simplemente o conselleiro fai unhas declaracións á prensa falando de que, no caso galego se limaron os aspectos máis espiñentos da que publica o Ministerio (e que a FANPA, a través de CONFAPA Galicia e CEAPA) rexeitan como se pode consultar aquí.

      Por esta razón, a FANPA non pode asumir as palabras do conselleiro, especialmente no que se refire ao carácter valorativo das probas. Mesmo resulta paradóxico que se pretenda que non van ter carácter valorativo sobre os alumnos cando o artigo 20.2 da LOMCE así o establece explicitamente:
      “2. El alumno o alumna accederá al curso o etapa siguiente siempre que se considere que ha logrado los objetivos y ha alcanzado el grado de adquisición de las competencias correspondientes. De no ser así, podrá repetir una sola vez durante la etapa, con un plan específico de refuerzo o recuperación. Se atenderá especialmente a los resultados de la evaluación individualizada al finalizar el tercer curso de Educación Primaria y de final de Educación Primaria.”

      É posible que a Consellería non vaia cumprir coa lei que promove o Goberno?

    2. A posición da FANPA está clara desde hai tempo: en total desacordo con este sistema de avaliacións. Non obstante, respecto de asistir/boicoteara as probas, a posición da FANPA é que é unha decisión persoal dos pais. Sexa cal sexa a FANPA apoiará ás nais e pais, porque a confusión promovida pola Administración é totalmente inaceptable. Este xoves, ademais de facer unha reunión informativa, a FANPA sacará un comunicado público o máis concreto posible.