ORDE do 23 de xullo de 2014 pola que se regula a implantación para o curso 2014/15 dos cursos primeiro, terceiro e quinto de educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o calendario de aplicación da Lei orgánica 8/2013, para a mellora da calidade educativa.

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta orde ten por obxecto establecer, para o curso 2014/15, as disposicións necesarias para a implantación dos cursos primeiro, terceiro e quinto da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia de acordo co establecido na disposición derradeira sexta da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e segundo a disposición derradeira quinta da Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, pola que se establece o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo establecida pola citada lei.

2. Esta orde será de aplicación nos centros educativos correspondentes ao ámbito de xestión da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Principios xerais

1. A finalidade da educación primaria é facilitarlle ao alumnado alumnas as aprendizaxes da expresión e da comprensión oral, a lectura, a escritura, o cálculo, a adquisición de nocións básicas da cultura, os hábitos de convivencia, de estudo e de traballo, o sentido artístico, a creatividade e a afectividade, co fin de garantir unha formación integral que contribúa ao pleno desenvolvemento da súa personalidade e de preparalo para cursar con aproveitamento a educación secundaria obrigatoria.

2. A acción educativa nesta etapa procurará a integración das experiencias e as aprendizaxes do alumnado e adaptarase aos seus ritmos de traballo.

3. A etapa de educación primaria forma parte do ensino básico e, por tanto, ten carácter obrigatorio e gratuíto.

4. A etapa de educación primaria abrangue seis cursos académicos, que se cursarán ordinariamente entre os seis e os doce anos de idade, e organízase en áreas, que terán un carácter global e integrador.

DOG Núm 154