DECRETO 254/2012, do 13 de decembro, polo que se regula a admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten as ensinanzas de segundo ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación Este decreto ten por obxecto regular os criterios e o procedemento de admisión do alumnado nos centros docentes sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia que imparten as ensinanzas de segundo ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato, reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, en diante Lei orgánica de educación. Artigo 2. Principios xerais 1. Todo o alumnado ten dereito a unha praza escolar que lle garanta o ensino básico. Ten dereito, así mesmo, a un posto gratuíto no segundo ciclo da educación infantil. 2. A consellería competente en materia de educación realizará a programación xeral e a oferta anual de prazas escolares tendo en conta a oferta existente de centros públicos e privados concertados e, como garantía de calidade da educación, realizará unha adecuada e equilibrada escolarización do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. 3. A escolarización do alumnado nas ensinanzas a que se refire este decreto asegurará o exercicio do dereito á educación, o acceso en condicións de igualdade e a liberdade de elección de centro por parte de nais, pais, titoras ou titores legais de alumnas e alumnos. 4. En ningún caso haberá discriminación na admisión do alumnado por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social, nin poderá exixirse a formulación de declaracións que poidan afectar a súa intimidade, crenzas ou conviccións.