Implantación das modalidades de bacharelato en centros públicos de Galicia

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, dispón que é competencia plena da Comunidade Autónoma galega o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que, conforme o punto primeiro do seu artigo 81, o desenvolvan, e das facultades que lle atribúe ao Estado o artigo 149.1.30ª da Constitución.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no capítulo IV do seu título I determina a organización do bacharelato en diferentes modalidades.

Nesta liña, o Real decreto 1467/2007, do 2 de novembro, polo que se establece a estrutura do bacharelato e se fixan as súas ensinanzas mínimas, determina os aspectos básicos do currículo de bacharelato que formarán parte do currículo que aproben as administracións educativas para estas ensinanzas.

Por outra parte, o Real decreto 806/2006, do 30 de xuño, polo que se establece o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo, establecida pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, determina no seu artigo 15 que no ano académico 2008-2009 se implantarán, con carácter xeral, as ensinanzas correspondentes ao curso 1º de bacharelato reguladas pola Lei orgánica 2/2006, e deixarán de impartirse as ensinanzas correspondentes ao 1º curso do bacharelato reguladas pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

De conformidade co exposto, esta consellería
DISPÓN:
Primeiro.-Autorizar a implantación das modalidades do bacharelato establecido pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, a partir do curso escolar 2008-2009 e segundo os datos que figuran no anexo desta orde.

DOGA 4/06/2008