GRATUIDADE LIBROS DE TEXTO

DE MOMENTO COMPRADE OS LIBROS CON NORMALIDADE, PROXIMAMENTE SAIRÁ PUBLICADO NO DOG O SISTEMA EMPREGADO PARA FACER EFECTIVA A DEVOLUCIÓN.

TRANQUILIDADE QUE CALQUEIRA COUSA SERA MILLOR QUE PAGAR OS LIBROS

O Presidente da Xunta anuncia que a partir deste curso os libros de texto de toda a educación primaria serán gratuítos

A medida, dirixida a máis de 123.000 escolares, beneficiará a 82.000 familias galegas
Emilio Pérez Touriño destaca que Galicia, xunto con Castela – A Mancha, situarase á cabeza de España no camiño de converxencia con Europa neste ámbito

O Goberno galego investirá preto de 13 millóns de euros no cumprimento deste obxectivo
O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, anunciou hoxe que a partir do presente curso 2005-2006 os libros de texto de toda a Educación Primaria serán gratuítos. O xefe do Executivo autonómico informou desta iniciativa, que recibirá o visto bo do Consello da Xunta do vindeiro xoves, acompañado pola conselleira de Educación, Laura Elena Sánchez Piñón. Ambos compareceron ante os medios tras manter unha xuntanza coas confederacións de asociacións galegas de pais e nais de alumnos de centros públicos e privados, co fin de darlles a coñecer esta medida.

Emilio Pérez Touriño destacou “a extraordinaria importancia para as familias” desta decisión, coa que fai cumprimento da vontade expresada no seu discurso de investidura, así como dun dos seus 10 compromisos manifestados como candidato á Presidencia da Xunta.
O máximo mandatario autonómico subliñou que a educación constitúe o “primeiro factor de progreso individual e social” e que, polo tanto, supón “unha tarefa prioritaria” da acción do goberno que preside.
Fixo fincapé en que a partir do curso que está a piques de comezar o 100% do alumnado verase beneficiado por estas axudas, o que supón un total de 123.857 escolares. O presidente salientou que o prezo dos libros de texto representa o 90% do gasto estimado que ten que enfrontar cada familia ó inicio do curso. Ao seu xuízo, trátase pois dunha axuda “importante familiarmente, individualmente e tamén dende o punto de vista do custe” que asumirá a administración, que ascende a 12.990.208 euros.

Máis información

“Galicia será a segunda comunidade, despois de Castela-A Mancha, que vai acadar este obxectivo”, destacou o presidente, quen precisou que “permitirá avanzar na converxencia con Europa, avanzar no terreo da igualdade”. Lembrou que España é un dos tres países, xunto con Portugal e Irlanda, que non ten incorporada esta medida educativa. “Así Galicia pasa á cabeza de España neste punto”, aclarou.
O presidente da Xunta informou de que para a concesión destas axudas seguirase o sistema que xa se estaba a realizar, tamén semellante ó que empregan outras comunidades que están a desenvolver un proceso gradual de gratuidade dos libros de texto. Tralo visto bo do Consello do vindeiro xoves, e unha vez publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG), os pais e nais disporán dun prazo “non inferior a 40 días” para entregar os libros de texto dos seus fillos no centro educativo que lles corresponda e acollerse ás axudas.
Tal e como explicou o presidente, serán os centros os encargados de elaborar a relación de familias que solicitaron o seu acceso a esta axuda e de transmitirlla á Consellería de Educación. Emilio Pérez Touriño afirmou que “nun período non superior a dous meses estará culminada a totalidade do proceso”.
Os datos que manexa a Administración galega indican que o custo medio dos libros de texto na educación primaria sitúase en 128 euros. Se temos en conta que serán arredor de 100.000 os novos alumnos aos que alcanza esta gratuidade, o custo global do programa ascende a 12.990.208 euros.
Ata o curso 2004/2005 a medida da gratuidade só se aplicaba a 6º de primaria, polo que se beneficiaban da mesma 24.068 alumnos dun total de 127.760, o que representaba un 18% dos alumnos matriculados naquel ano académico.
A ampliación que o vindeiro xoves ratificará o Consello da Xunta beneficia a todos os alumnos de Educación Primaria, é dicir, a 123.857, o 100% do alumnado galego de Primaria. Tendo en conta que a media de fillos por familia é de 1,5, pódese afirmar que esta iniciativa afectará a unhas 82.000 familias galegas.
Non obstante, o presidente da Xunta puntualizou que “hai un compromiso que non se esgota no ensino primario” e recordou que a súa intención de “seguir avanzando ata completar todo o ensino obrigatorio”.