Entrevista coa conselleira de Educación

Entrevista publicada en Xornal.com

Sánchez Piñón informa sobre a posta en marcha das Galescolas, a fuga de cerebros, a elección entre ensino público ou concertado, a adaptación á escola galega do alumnado inmigrante, a gratuidade dos libros de texto, a incorporación das novas tecnoloxías ós centros formativos, ou a situación laboral do profesorado interino.

A responsable da carteira de Educación defínese como "claramente socialista", asegura que "o cambio xa comezou" e considera que "non hai volta atrás". Sobre o proxecto das Galescolas, puntualiza que as familias "decidirán en qué lingua escolarizan aos seus fillos". Asegura que o obxectivo "é que os estudantes, ao remate da etapa obrigatoria teñan competencia lingüística nas dúas linguas". Considera necesaria a reforma da "Formación Profesional en Galicia para facela máis flexible". Laura Elena Sánchez Piñón explica tamén ós internautas de Xornal.com que confía "plenamente en que a LOE perdure o tempo necesario para que se vexan cumpridas todas as expectativas que espertou".

1.- Cando escoitou que se criticaba ao Gabinete do Bipartito por contar con moitos técnicos e poucos políticos ¿qué lle pareceu? ¿Coida que é preciso estar afiliado a un partido político para estar comprometido co seu ideario?

– Eu non son militante do PSOE pero defínome como unha persoa claramente socialista, dende hai máis de 20 anos. Penso que na política non se pode ser independente, eu claramente estiven por un proxecto socialista, e teño colaborado na preparación dos programas do partido. Estou implicada no proxecto socialista para Galicia. Polo tanto, considérome unha persoa socialista.

2.- ¿Vostede cre que se poderán atopar diferenzas entre a época Fraga e a de Feijoo?

– Penso que o futuro dunha Comunidade non debe depender da personalidade dunha ou doutra persoa, senón dun proxecto de partido e en Galicia, o cambio xa comezou, polo que non hai volta atrás. Dito esto, non é a miña intención opinar en casa allea, pero confío en que o pobo galego permita que o señor Feijoo poida continuar adquirindo a experiencia en política, que quizais o diferencie con Fraga, desde a posición que o seu partido vén ocupando desde xuño do ano pasado.

3.- ¿Comparte o entusiasmo da Vicepresidencia coas Galescolas? ¿Considera que son unha boa proposta educativa? Hai quen di que van promover o sectarismo e que copian ás ikastolas. ¿Qué di vostede?

– A LOE establece que de 0 a 6 anos é etapa educativa. Esta medida non copia as ikastolas. Considero que a educación debe partir do dereito de igualdade e da posibilidade de elección dos pais. Temos unha gran sorte de poder usar dúas linguas, sen ningún conflito, e cremos que a educación ten que ser nas dúas, e estase niso. As familias decidirán en qué lingua escolarizan aos seus fillos. O obxectivo do departamento educativo galego é que os estudantes, ao remate da etapa obrigatoria teñan competencia lingüística nas dúas linguas.

4.- Boas conselleira, como saberá moita da nosa mocidade opta por marchar de Galicia logo de culminar con éxito a súa etapa formativa. Como conselleira de Educación, ¿non considera que son fracasos da nosa sociedade cuestións como a chamada “fuga de cerebros” ou o feito de que moitos dos nosos universitarios non atopen traballo acorde coa súa formación?

– A fuga de cerebros é un feito que está aí, pero desde o Goberno galego temos que loitar para converter Galicia nun destino atractivo, non só para os nosos universitarios, senón tamén para os doutras comunidades autónomas e estranxeiros. Quizais á Consellería de Educación lle corresponda poñer os primeiros ladrillos deste proxecto, e neste sentido, a Administración educativa aposta polos recursos humanos e a investigación. A investigación e a promoción da actividade investigadora é un dos eixes da actuación da Administración educativa galega, que se concreta en accións como os premios á excelencia académica, que Educación convoca por primeira vez na Comunidade e que pretenden facilitar o desenvolvemento de estudos universitarios no SUG dos alumnos con aproveitamento académico excelente. Estes galardóns teñen unha contía de 3.000 euros e, nesta primeira ocasión, son un total de 60: 50 para alumnos residentes en Galicia e 10 para estudantes doutras Comunidades. Con estas últimas axudas búscase captar para o SUG alumnos foráneos que conten cun expediente brillante.

Por outra banda, a Consellería de Educación colabora coa de Innovación e o Ministerio de Educación e Ciencia (MEC) no desenvolvemento do Programa de Incentivación da Incorporación e Intensificación da Actividade Investigadora (Programa I3). Este proxecto desenvolverase mediante a concesión de axudas xestionadas polo Executivo autonómico dirixidas ás universidades e centros de investigación que se concretarán en dúas liñas de actuación complementarias: a incorporación estable de investigadores ao sector e a intensificación da actividade investigadora.

5.- ¿Qué planes teñen dende a Consellería para potenciar e poñer en valor a Formación Profesional? ¿Coida que Galicia ten un catálogo de cualificacións profesionais acorde ao seu mercado laboral?

– A Consellería de Educación considera necesario reformar a Formación Profesional en Galicia para facela máis flexible ao mercado laboral e ofertar as titulacións que demanda a sociedade. O noso obxectivo é conseguir que os profesionais que demandan as empresas actualmente se formen en Galicia, como é o caso do téxtil e a moda. Nesta liña, estamos a elaborar o II Plan Galego de Formación Profesional, que persegue acadar unha formación acorde coas necesidades do mundo produtivo, facilitando unha inserción laboral inmediata e de calidade. Así, o II Plan Galego de Formación Profesional ten catro obxectivos estratéxicos fundamentais: traballar na mellora da xestión, para rendibilizar os recursos humanos das empresas; fomentar a comunicación entre empresa e centros de formación; afondar na aprendizaxe permanente; e na incorporación aos nodos científico-tecnolóxicos. Neste proxecto contamos co asesoramento do sector produtivo, que é o que detecta as necesidades laborais do mercado. Os centros integrados son outra aposta por adecuar a oferta á demanda, e o fomento dos estudos tradicionalmente pouco atractivos para o alumnado pero con moita demanda por parte das empresas constitúe outro dos puntos fortes da Administración en ensinanzas de Formación Profesional.

6.- ¿Qué argumentos lle plantexaría a uns pais que optan pola educación privada por non confiar na calidade da pública?

– A aposta do Goberno galego polo ensino público é clara e decidida. Proba disto son as medidas postas en marcha pola Administración educativa galega neste curso escolar 2005/06 tales como a extensión da gratuidade dos libros de texto; a implantación da figura do acompañante no transporte escolar no 60% das rutas que o precisan; o Programa de Reforzo, Orientación e Acompañamento (PROA) que se implantou xa en 40 centros galegos e que estenderase en breve a outros 36, e co que se pretende atender á diversidade e loitar contra o fracaso escolar; ou a sinatura de dous convenios de colaboración cos concellos de Lugo e Pontevedra para a apertura de centros de ensino fóra do horario escolar, na liña de favorecer a conciliación da vida laboral e a familiar. Ademais, pretendemos implicar ao profesorado na consecución de maiores cotas de calidade.

7.- ¿Qué medidas van tomar diante dos apaños que se fan na admisión de alumnos nas escolas concertadas?

– A Consellería de Educación está enviando aos inspectores aos colexios para recadar información sobre posibles irregularidades na concesión de puntos para a admisión de alumnos nos centros galegos. Ben é certo que, para un colexio, é complicado comprobar a veracidade dos datos ofrecidos por un solicitante, e por iso as delegacións poden colaborar cos centros neste proceso cando o consideren preciso. O noso obxectivo é acadar o proceso de normalidade entre todos os afectados.

8.- ¿Confía en que a LOE vai mellorar o sistema educativo en Galicia?

– Confío plenamente en que a LOE perdure o tempo necesario para que se vexan cumpridas todas as expectativas que espertou. Penso que é un dos textos máis progresistas dos últimos tempos, xa que garante a igualdade de oportunidades e a liberdade de elección de centro dos pais, entre outros principios fundamentais. Ademais, vén de formalizarse o primeiro reparto de fondos, no tramo de tres a seis anos, o que corresponde á educación infantil. Así, neste primeiro reparto, a Comunidade galega obterá 9.080.000 euros atendendo a criterios como o número de nenos de 3 a 6 anos e a dispersión xeográfica. De seguro, esta maior inversión levará consigo unha mellora na calidade da educación.

9.- ¿Hai plans de actuación específicos para a integración na escola galega do alumnado que chega do estranxeiro?

– A Consellería de Educación está traballando na elaboración dun plan de entorno nos concellos para facilitar a inmersión e a integración das familias inmigrantes. Esta medida novidosa do departamento educativo autonómico forma parte dos programas específicos de apoio que o departamento educativo está a poñer en marcha para o coñecemento da lingua galega polo alumnado inmigrante. A Administración educativa galega considera necesario aplicar este plan nun territorio para que, tanto os concellos como as asociacións veciñais, de profesionais e sociais, organicen non só talleres, senón tamén actividades que permitan a inmersión das familias e do propio grupo dentro da poboación. Para o colectivo inmigrante, así como para a poboación en xeral, a educación representa unha peza fundamental. Ademais, nestes momentos estamos a desenvolver un plan de acollida nas escolas que atenden a alumnado inmigrante en Galicia que supón desde medidas iniciais para que coñezan os deberes e dereitos da forma de traballar do sistema educativo; ata medidas específicas dedicadas ás necesidades lingüísticas.

Por outra banda, os alumnos inmigrantes de ensinanza post-obrigatoria teñen dereito durante dous anos a solicitar material de apoio en lingua galega, ademais de ser obrigatoria a asistencia durante outros tantos anos a clases de galego.

10.- Ás veces os pais descansámonos das nosas responsabilidades e botámoslle a culpa de todas as eivas educativas dos nosos fillos aos mestres. ¿Parécelle que estamos diante dunha xeración de proxenitores desentendidos da educación dos nosos fillos salvo para pedir e esixir? Ás veces penso que usamos as escolas como aparcadoiros de nenos en horario laboral….

– Penso que a educación dos mozos galegos é unha tarefa que debe levarse a cabo de maneira conxunta entre a Administración, o profesorado, as familias, a sociedade, e o propio alumnado. A educación que eu concibo é aquela na que nos implicamos todos. Preparar aos mozos como cidadáns dun mundo globalizado non só consiste en dotar ao alumnado de contidos académicos. A educación debe ser tratada nun sentido máis amplo, fomentando nas nosas escolas a aprendizaxe de ensinanzas transversais, isto é, a educación en valores. Pero a formación para a vida que se lles da aos alumnos nas escolas non servirá de nada se non se reforza coa educación que reciben dos pais, que son parte fundamental da construción persoal dos seus fillos. Persoalmente, penso que a atención aos nosos fillos non debe estar reñida co horario laboral. O importante é a calidade do tempo que se pasa cos fillos e a transmisión de valores como o esforzo e a capacidade de superación. A conciliación da vida laboral e familiar é un reto para este goberno, pero tamén o é educar desde todos os ámbitos. Por iso, desde aquí, animo ás familias a participar de forma activa na educación dos mozos galegos, e achégolles todo o apoio do departamento que dirixo para percorrer xuntos ese camiño.

11.- A gratuidade dos libros de texto contentou aos pais e amolou aos libreiros, ¿hai previsto algún tipo de compensación para este sector?, disque principalmente se veu afectado o pequeno comercio…

– Cónstame que o programa de gratuidade dos libros de texto suscitou entre as familias galegas amplos apoios. A Consellería de Educación aposta por esta iniciativa porque consideramos que redunda en beneficio da calidade do sistema educativo galego. Agora ben, non somos alleos ás solicitudes dos representantes do sector do libro, que teñen plantexado outros sistemas alternativos ao actual, que se basea no préstamo. Así, a Xunta estableceu un calendario de xuntanzas entre as Consellerías implicadas –Educación, Cultura e Innovación- e o sector do libro para traballar sobre a gratuidade e avanzar cara un sistema que sexa beneficioso para todos. Os plans de apoio á la lectura e á dotación das bibliotecas escolares creo que son un dos camiños máis axitados neste sentido.

12.- Sra Conselleira, Son profesor interino con máis de dez anos de servizos na Consellería. O ano pasado, como moitos compañeiros/as estiven varios meses en paro. Este ano pasarei o veran en situación de desemprego e sen cobrar. ¿Que queda das promesas electorais sobre o regulamento das condicións laborais e a estabilidade no emprego do profesorado no numerario?

– O actual goberno da Xunta de Galicia leva menos de un ano nas súas funcións. Sen embargo, xa foron moitos os pasos dados para cambiar as cousas despois dun período de 16 anos de inmobilismo. Efectivamente, a aposta polo emprego é un dos piares deste Executivo e desde a Consellería de Educación tamén se referenda esa promesa. Neste sentido, fixemos unha convocatoria de prazas nas oposicións deste ano, na que por vez primeira desde o curso 1999/2000 hai 125 prazas de nova creación. Ademais, do importante acordo alcanzado coas organizacións sindicais sobre retribucións a todo o profesorado non universitario, incluíndo interinos e substitutos, a Consellería de Educación está a abordar cos sindicatos, no marco da Mesa Sectorial, a situación deste profesorado.

13.- Dona Laura, os profesores interinos queremos ver o cambio na Galiza, queremos realidades, queremos un futuro laboral. ¿Cando se propón o Goberno autonómico asumir a paga das vacacións dos profesores interinos? É de xustiza.

– Precisamente, na Mesa Sectorial da semana pasada comezouse a estudar unha proposta presentada pola Administración educativa para que o profesorado interino cobre as mensualidades de xullo e agosto a partir do próximo curso.

14.- En moitas ocasións os mestres do ensino público quéixanse de falta de medios e da necesidade de incorporar no ensino ás novas tecnoloxías ¿Hai capacidade de reacción neste ámbito ou está o orzamento da súa carteira excesivamente comprometido no gasto diario (soldos, mantemento de equipacións, bolsas, etc)?

– O compromiso coas novas tecnoloxías desta Consellería pasa por introducir a Sociedade da Información nas aulas, para o que a Administración educativa tenta equipar todas as aulas de acceso a Internet. Ademais, estamos a dotar os centros con equipamento multimedia -PC’s, portátiles, tablets PC, proxectores multimedia e pizarras dixitais- a través de convenios bilaterais de cooperación e cofinanciamento. Os docentes tamén poden atopar contidos educativos na web de contidos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria; no proxecto Lanzadeira (espazo para o profesorado) que é unha iniciativa pioneira que xa espertou o interese doutras Comunidades Autónomas; e no portal do Centro Nacional de Información e Comunicación Educativa (CNICE), do MEC.

Dentro do obxectivo da Administración educativa autonómica de fomentar as novas tecnoloxías na ensinanza, este departamento convocou axudas para a compra de ordenadores para dez mil familias galegas, achegando 300 euros en cada caso. Ademais, en 10 centros da comunidade están funcionando telecentros piloto, ideados como espazos multitarefa que faciliten o acceso de toda a comunidade educativa e das familias do alumnado a contornos compartidos de aprendizaxe aberto e atractivo, aproveitando ao máximo os recursos implantados no centro.

15.- ¿Pensa que iniciativas como o Proxecto Ponte dos Brozos da Fundación Amancio Ortega constitúen un referente no futuro da educación no país?

– Este centro é un exemplo máis da aposta que o departamento educativo galego está a facer por favorecer, en igualdade de oportunidades, o acceso ás novas tecnoloxías e a aprendizaxe de idiomas entre o alumnado da Comunidade.

16.- ¿Estase a cumprir o Plan de Normalización Lingüística no ámbito do ensino o vaise con retraso neste senso?

– O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega foi asinado por todas as forzas do Parlamento Galego en 2004, e na súa aplicación está comprometida toda a sociedade galega. Desde a Consellería de Educación, xa iniciamos o camiño de aplicalo coa oferta a partir do próximo curso de ensino en galego na etapa de educación infantil para todos aqueles pais que o soliciten e sempre que o centro poda ofertar tamén o ensino tal e como ven impartíndose ata de agora. Ademais, a intención da Administración educativa pasa por reformar o decreto de ensino en galego, pero facelo paralelamente ao desenvolvemento da Lei Orgánica de Educación. Ao mesmo tempo, acabamos de intensificar o labor dos inspectores para que comproben a aplicación da norma actual en materia de ensino en galego e no programa de gratuidade de libros de texto, que inclúe a adaptación dos textos ao galego normativo.