Entregáronse os premios do concurso de reportaxes fotográficaas para ANPA de Pontevedra

Nun sinxelo acto celebrado hoxe, ás 12 da mañá a presidenta da Federación, María José Rodríguez Teso, acompañada pola concelleira de Educación de Pontevedra e o vicepresidente da Federación, Antón Méixome, entregou os premios do Concurso de Reportaxes Fotográficas para ANPA que a Federación convocou este ano entre as ANPA do Concello de Pontevedra.

O concurso establecía dúas categorías, "En positivo" que foi a máis concorrida, e "En negativo" na que un dos dous premios quedou deserto, segundo decisión do xurado que se reuniu o pasado mércores.

Os traballos premiados son:

Na categoría "En positivo" resultaron gañadores os traballos presentados por

–  ANPA do CEIP Vilaverde co título " Carreira de Cross Escolar" que ademais do formato en papel presentou un interesante traballo multimedia combinando imaxe e música.

-ANPA do CEIP Pontesampaio, sen título, que fixo coas imaxes e o texto un relato levemente poético sobre as actividades que os nenos desenvolveron ao longo do ano, tanto das organizadas pola propia ANPA como polo Colexio

Na categoría "En negativo" resultou gañador o traballo "Este edificio é unha ruína…" ,  o título xa é esclarecedor, presentado pola ANPA do CEIP Froebel

Os gañadores recibiron cadansúa cámara fotográfica dixital e os participantes recibirán un pendrive de 512 MB como agasallo e incentivo á participación.

Noraboa aos gañadores, para o ano farémolo con máis tempo e máis participación… e a ver se temos un momento para ilustrar mediante o noso web os traballos premiados tal e como nos comprometimos nas bases da convocatoria.

Non podemos deixar de agradecer, tamén, a colaboración dos membros do xurado (Marga Barros, Pablo Lago, María Lores e Margarita Gil) do que actuou como secretario o vicepresidente da Federación, Antón Méixome. Así mesmo expresamos o noso agradecemento á Concellería de Educación do Concello de Pontevedra que cofinancia o importe dos premios entregados.

¡¡Felices vacacións rapaces.!!

A Federación.