Educación suspende as clases en todos os centros de Galicia

Santiago, 20 de setembro de 2006.-

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ante a previsión da chegada á Comunidade dos restos da tormenta tropical Gordon, e como medida preventiva, decidiu pechar durante a xornada de mañá todos os centros de ensino non universitarios de Galicia.

Esta decisión está sendo comunicada aos preto de 2.000 centros que xa comezaron o curso académico. Ademais, a Administración educativa autonómica está informando ás empresas que realizan o servizo de transporte escolar na Comunidade.

Segundo prediccións de MeteoGalicia e do Instituto Nacional de Meteoroloxía emitido ás 12,30 horas, este fenómeno afectará a Galicia de xeito que se poderán alcanzar rachas furacanadas de ata 130 km/h. Ademais, segundo estas informacións, tamén é probable que precipitacións localmente intensas comecen a afectar a primeiras horas de mañá xoves á Comunidade, estendéndose posteriormente ao resto do cuadrante noroccidental e zona Centro.