Educación incrementa o apoio ao servizo de comedor escolar en 2007

# A Administración educativa galega desenvolve un conxunto de accións encamiñadas a mellorar esta prestación e avanzar na conciliación da vida laboral e familiar.

# O servizo de comedor escolar beneficia este curso a máis de 50.000 alumnos.

# Ultima unha nova normativa que recollerá, por primeira vez en Galicia, a atención concreta que merece o alumnado con algún tipo de intolerancia ou alerxia.

# Convocará unha nova liña de axudas destinadas a ANPAS que xestionan comedores en centros públicos achegando un millón de euros.

(sábado 20 de enero de 2007)

XORNAL I Santiago .- Un total de 52.015 alumnos e alumnas benefícianse este curso 2006/2007 do servizo de comedor escolar. Ao redor de 266 centros teñen comedor propio xestionado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e algo máis de 115 están rexidos polas Asociacións de Nais e Pais de Alumnos (ANPAS). Destes 52.015 alumnos, 40.059 son bolseiros da Consellería de Educación; 6.776 comen en comedores de ANPAs; e os restantes 5.180 son alumnos contribuíntes en comedores escolares de centros docentes públicos.

Por provincias, 17.479 alumnos e alumnos comen diariamente na provincia de A Coruña en comedores escolares de centros públicos galegos; 11.916 na de Lugo; 9.010 na de Ourense; e 13.550 na de Pontevedra.

O comedor escolar é unha prestación complementaria de carácter educativo que, ademais de servir como factor importante para a escolarización, desenvolve unha destacada función social e educativa. Así, os comedores escolares, ademais de cumprir unha función básica de alimentación e nutrición, están integrados na vida e organización dos centros de ensino de maneira que a súa programación, desenvolvemento e avaliación forma parte da programación xeral anual do centro educativo.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria é consciente dos cambios experimentados na sociedade actual, especialmente no que atinxe ás dificultades para compaxinar a vida laboral coa educación dos nenos e nenas. Así, co obxectivo de acadar esa conciliación, a Administración educativa autonómica traballa na ampliación e mellora dos servizos educativos complementarios, e, en concreto, desenvolve un conxunto de medidas encamiñadas a potenciar os comedores escolares.

Unha destas accións foi a concesión en 2006 e como novidade de axudas directas ás asociacións de nais e pais responsables da xestión de comedores escolares en centros públicos, que foron sufragadas pola Consellería de Educación achegando un millón de euros. Así, coa posta en marcha desta medida, só na cidade de Pontevedra pasaron a dispor do servizo de comedor un total de 1.050 alumnos e alumnas que ata este curso comían nas súas casas.

A Consellería de Educación continuará este ano 2007 esta liña de axudas, de xeito que proximamente se fará unha convocatoria nova por importe de 570.000 euros para o período xaneiro-xuño, e unha segunda, por importe de 430.000 euros, para o período setembro-decembro deste ano.

MELLORA DAS INFRAESTRUTURAS.- A Administración educativa galega investiu en 2006 ao redor de 2 millóns de euros na execución de obras de reparación de cociñas e comedores, así como en equipamento específico de cociña e comedor. En concreto, na provincia de A Coruña, algúns dos comedores escolares que comezaron a funcionar este curso cunhas instalacións melloradas foron os dos Colexios de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Praia Xardín, de Boiro; Portofaro, de Cambre; San Ramón, de Moeche; Felipe Castro, de Noia, e do Centro de Educación Especial (CEE) de Xordos, de Santiago de Compostela. En Lugo, acometéronse obras nos CEIP Antonio Pedrosa Latas, de Viveiro; e no de Palas de Reis. En Ourense, o investimento realizouse na cociña do Centro Residencial Docente (CRD) de Ourense.

Na provincia de Pontevedra reparáronse as cociñas e comedores dos CEIP Pío Cabanillas Gallas, de Dozón; García Barbón, de Vigo; e Fontes-Baíña, de Baiona; e dos CEIP de Soutelo de Montes, no Concello de Forcarei; e Carballedo, no municipio de Cotobade, así como no Campolongo e o San Martiño, de Pontevedra. Tamén nos Institutos de Educación Secundaria (IES) A Xunqueira I e A Xunqueira II, da mesma cidade. Por outra banda, habilitáronse comedores na práctica totalidade dos CEIP do Concello de Pontevedra.

NOVO DECRETO DE COMEDORES.- A Administración educativa galega está ultimando un novo decreto de comedores escolares, que xa foi debatido coas federacións provinciais de asociacións de nais e pais e polas organizacións sindicais, e que conta cos informes favorables do Consello Escolar e do Consello Consultivo. Esta norma atenderá as necesidades familiares, facilitando a compatibilidade da vida familiar e laboral dos pais; terá en conta que hai comedores escolares xestionados por ANPAS; e, por primeira vez en Galicia, recollerá a atención concreta que merece o alumnado con algún tipo de intolerancia ou alerxia.

De xeito paralelo a estas medidas, o departamento educativo galego está a desenvolver importantes programas na mellora da alimentación e da vida saudable do alumnado galego usuario do comedor escolar, tales como o programa Consumo de peixe fresco, iniciado en 2006 e no que participaron 20 centros públicos. Este ano 2007 participan 36 novos centros ademais dos 20 que xa o fixeron o ano pasado, beneficiándose en total ao redor de 10.000 comensais.

Ademais, a Comunidade galega participa no programa Perseo, promovido polos Ministerios de Educación e Ciencia e de Sanidade e Consumo, en colaboración con outras Comunidades Autónomas. Este proxecto ten como principal obxectivo a promoción da alimentación saudable e a actividade física no ámbito da escola, e del se benefician 1.450 alumnos de oito centros docentes de Galicia.