Educación e Emigración presentan un conxunto de materiais orientados a mellorar a integración do alu

O secretario xeral de Emigración e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa expuxeron no CEIP O Coto de Negreira estes materiais elaborados en 10 idiomas

Esta nova ferramenta didáctica divídese en cinco apartados: as guías do sistema educativo e de comunicación básica, modelos de documentos, carteis de sinalización e un dicionario visual multimedia

Educación e Emigración presentan un conxunto de materiais orientados a mellorar a integración do alumnado estranxeiro

Santiago, 21 de outubro de 2008.- O secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez González; e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Consellería de Educación, María José Pérez Mariño, realizaron esta mañá unha visita ao Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) O Coto, de Negreira, onde presentaron unha serie de materiais para a escolarización de alumnado procedente do estranxeiro. O acto tamén contou coa asistencia do alcalde de Negreira, Juan García Fuentes, do delegado provincial da Consellería de Educación en A Coruña, José Mouriz Cabalo, e do director do centro, Manuel Sanmartín. Durante a súa intervención, Pérez Mariño destacou que “a multiculturalidade é unha riqueza” e, neste senso, indicou que este material “está orientado a mellorar a integración do alumnado estranxeiro, a promover o concepto de multiculturalidade no sistema educativo e a favorecer a ensinanza doutros idiomas e culturas”. “A educación é un traballo de todos e xoga un papel crucial para a integración, a cohesión social e a formación en igualdade”.

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa sinalou que este material está elaborado en 10 idiomas e está pensado para resolver todas as dúbidas e as preguntas sobre o sistema educativo galego, ao tempo que atende tamén ao ensino da lingua galega a través das novas tecnoloxías. Así, María José Pérez Mariño agradeceu o seu traballo aos profesores, directores e orientadores dos centros que participaron na elaboración desta ferramenta educativa.

Pola súa banda o secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, valorou dunha forma especial “o labor de todos os que participan na vida académica do día a día, no contexto dunha sociedade cambiante na que a incorporación aos nosos centros de ensinanza de alumnos procedentes doutros países é unha constante á que non permanecen alleas nin Galicia nin este concello de Negreira” e definiu o material que hoxe se presentaba como “unha ferramenta de gran utilidade para todos os que participamos, con independencia do papel ou posición no que nos atopemos, na normalización da vida escolar desde o punto de vista da incorporación dos alumnos procedentes do estranxeiro ao sistema educativo galego”.

Rodríguez tamén subliñou “a importancia da colaboración entre as distintas administracións públicas no deseño e desenvolvemento de políticas de integración” poñendo como exemplo a cooperación establecida entre a secretaría xeral de Emigración e a Consellería de Educación para a elaboración deste material educativo.

O material presentado hoxe divídese en cinco apartados: a guía do sistema educativo, a guía de comunicación básica, modelos de documentos de uso habitual nos centros, carteis de sinalización das distintas dependencias dos centros en dez idiomas, e un dicionario visual multimedia. En canto á guía do sistema educativo, a directora xeral explicou que está publicada en dez idiomas para entregarlle un exemplar ás familias en función do seu país de procedencia e que nela se inclúe desde a estrutura do sistema educativo e dos centros ata os servizos aos que teñen dereito tanto as familias como o alumnado.

Ademais, a guía de comunicación básica consiste nun conxunto de tarxetas nas que se recollen 40 preguntas básicas que pode formularlle o centro ás familias e outras 40 que poden xurdir das familias aos centros, traducidas todas elas a dez idiomas para evitar barreiras de comunicación. Como material de apoio, tal e como explicou Pérez Mariño, tamén se elaboraron modelos de documentos de uso habitual nos centros en varias linguas, tales como convocatorias de reunións coas familias, permisos para saídas do alumnado ou outras autorizacións.

Estes materiais complétanse cun dicionario visual multimedia. Trátase dunha ferramenta interactiva composta de láminas temáticas que representan paisaxes habituais do día a día e que recollen palabras básicas referidas ás situacións nas que se desenvolve a vida dos nenos e nenas. Este dicionario contén outras actividades de carácter lúdico que pretenden facilitar a adquisición da lingua galega, tales como sopas de letras ou xogos para elixir a palabra correcta a través de etiquetas.

Alumnado estranxeiro en Galicia
Nas aulas galegas estudan este curso 2008/09 un total de 13.165 alumnos e alumnas doutras nacionalidades, unha cifra que representa un 3,6% con respecto ao alumnado total.

O conxunto de guías en soporte físico e canais virtuais poden consultarse no portal educativo da Xunta (www.edu.xunta.es).