Educación comeza a traballar na elaboración dos novos contidos curriculares da LOE

A Administración educativa chama á participación dos docentes no deseño

Santiago, 21 de setembro de 2006.- O Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEG), está a albergar desde onte e ata mañá o seminario de traballo dos equipos que elaborarán os novos currículos das materias de Primaria e da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), en virtude da aplicación da nova Lei Orgánica de Educación (LOE).

A máxima da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria é o fomento da participación de todos os sectores da comunidade educativa na elaboración destes currículos. Por este motivo, invitou ao profesorado a implicarse na configuración dos deseños curriculares. Participan nestes equipos de traballo asociacións de profesores das diferentes áreas de coñecemento a través da representación de un ou dous docentes. A chamada á colaboración realizada pola Administración educativa está a obter unha resposta positiva por parte da maioría da comunidade educativa. En total, participan neste seminario ao redor de 35 profesores.

Nestes grupos de traballo participarán diversos especialistas na materia. Neste momento, dirixe o seminario o profesor Amador Guarro, da Universidade de La Laguna (Tenerife). Este experto posúen unha ampla experiencia neste tipo de traballos, xa que ten participado na elaboración de currículos en ocasións anteriores.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria comeza así a traballar na configuración dos deseños curriculares, que segundo o Real Decreto que fixa o calendario da LOE comezarán a aplicarse no curso 2007-2008.