Educación amoesta a uns 120 colexios por incumprir a normativa do galego

Se o próximo curso persisten en non respectar a norma lingüística, incoaráselles un expedente disciplinario.

A Consellería de Educación amoestou a uns 120 colexios para que cumpran a norma sobre o uso do galego nas clases. Se no próximo curso perdurasen os incumprimentos, a Xunta advírtelles que procederán á apertura dun expedente disciplinario. As irregularidades na aplicación da normativa lingüística foron detectadas tras unha campaña de inspección realizada entre o 31 de xaneiro e o 31 de maio na que se someteron a control a práctica totalidade dos centros escolares galegos, uns 1.500.
Durante este período os inspectores da Consellería de Educación percorreron os centros educativos para comprobar se os docentes empregaban a lingua galega naquelas áreas nas que se considera obrigatorio e se se utiliza o correspondente material de texto tamén en galego.

O grao de cumprimento rolda o 92 por cento. Sen embargo, un oito por cento destes centros, uns 120, non respectan a normativa lingüística. "O que se fai é lle enviar unha comunicación ó colexio, lle instando a lo cumpri", advirte o subdirector xeral de Inspección Educativa, Xosé Graña.

Segundo explicou, non adoita ser un incumprimento xeneralizado da normativa do galego en todo o centro senón só nalgunhas clases. "Pode ser por profesores que aínda non se atopan moi seguros impartindo as clases nesta lingua e pásanse ó castelán", aclara. Por este motivo, o responsable de Inspección Educativa mostra seu "relativa satisfacción" polos resultados da campaña de inspección realizada este ano.

Aínda que asegura que "o desexable" sería que o cen por cen dos centros respectase a normativa, Xosé Graña subliña que a situación mellorou.

Esta é a primeira vez que se fai unha campaña de control do uso do galego na totalidade dos centros educativos, aínda que outros anos facíanse xa inspeccións selectivas naqueles colexios nos que se sospeitaba que había incumprimentos. Así, en 2005 se someteron a control varios centros, a maioría en Pontevedra, e descubríuse que un 20 por cento non respectaba a normativa lingüística. "Aínda que ambas campañas non son comparables, creo que ó menos melloramos o grao de cumprimento nun 5 por cento", di Graña.

É nas cidades onde se detectan maiores irregularidades, ó igual que nos centros de titularidade privada.