Día do Pobo xitano en Galicia

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL APROBADA DO PARLAMENTO GALEGO NO DÍA INTERNACIONAL DO POBO XITANO

No Día Internacional do Pobo Xitano, o Parlamento de Galicia manifesta a súa vontade de promover a igualdade efectiva entre todos os cidadáns e cidadás que integran o pobo galego. É responsabilidade de todos e todas impulsar a normalización das condicións de vida da colectividade xitana no noso país, mellorar a súa incorporación efectiva aos servizos da sociedade do benestar e protexer e desenvolver a súa identidade cultura.

Unha sociedade sá non debe permitir que a intolerancia e a intransixencia alimenten os prexuízos sociais e dificulten a convivencia. O coñecemento e o respecto mutuo é imprescindíbel para avanzarmos nunha transformación social na que todas as persoas, con independencia dos colectivos ou grupos sociais a que pertenzan, sexan os protagonistas das súas vidas.

Só coa plena implicación de todos os poderes públicos para desenvolver accións integrais –no ámbito da educación, a vivenda, a saúde, a formación e o emprego, a cultura e a participación social- será posíbel mellorar as condicións de vida da comunidade xitana e construír a sociedade máis plena, xusta e integradora coa que todos e todas estamos comprometidos.

Santiago de Compostela, 08 de abril de 08.