DEBUXANDO PALABRAS, ESCRIBINDO DEBUXOS. O ladrón de palabras

  • Organiza: Concellaría de Normalización Lingüística
  • Colaboran: Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística de centros educativos de educación infantil e primaria.
  • Lugar onde se desenvolverá: Pazo da Cultura de Pontevedra
  • Data: sábado 15 de marzo.
  • Horarios:
    • 1ª sesión, das 10.30 h. ás 11.30 h.
    • 2ª sesión, das 11.45 ás 12.45 h.
    • 3ª sesión, das 13.00 ás 14.00 h.
  • Número de prazas dispoñíbeis: 150 (50 en cada sesión)
  • Idade recomendada para participar: de 5 a 10 anos
  • Esta actividade está baseada no libro O ladrón de palabras.
  • Imparte a actividade Anxo Fariña, autor do libro.
  • Material: Os participantes deberán levar material para escribir e debuxar: lapis, papel e goma.
  • Os nenos e as nenas participantes terán cadanseu libro, facilitado polo Concello de Pontevedra Concellaría de Normalización Lingüística.
  • Como inscribirse:
    • As prazas son limitadas, polo que para asistir a esta actividade é necesario realizar a inscrición previa no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, no soto do Chalé Fontoira; tel. 986 845 195 (de 8 a 15 h.) ou no correo electrónico normalizacionlinguistica@concellopontevedra.es

 

Obxectivos da actividade:

–         Dinamizar a lingua galega na infancia

–         Incentivar a creatividade en galego e desde o galego

–         Reforzar o uso da lingua galega fóra dos ámbitos escolar e familiar

–         Ligar a lingua galega a actividades de interese para os nenos e as nenas

–         Valorar a lingua galega como un ben propio da nosa cultura

–         Potenciar o gusto pola lectura, a escritura e a expresión en galego ligados a actividades de lecer

O eixo da actividade

No mesmo título da obra, O ladrón de palabras atopamos o fío condutor da actividade. As palabras preséntanse ante os nenos como algo de sumo interese e valor, tanto como para que un ladrón as roube. Finalmente os personaxes da historia expóñense á perda das palabras, dado que o ladrón decide destruílas. Fronte a este problema o tío dos nenos, un dos personaxes protagonistas da historia, explícalles que as palabras están no corazón das persoas non da súa cabeza (de onde foran aspiradas); e que de aí ninguén llelas poderá roubar.

Destácase no libro que as palabras non son nin boas nin malas, depende do uso que cada un lles dea: podemos facer BOMBAS ou BICICLETAS. A elección é nosa. A partir do mundo visual das ilustracións, preténdese un achegamento ao mundo da escrita combinando os dous nun só. Coas letras podemos debuxar obxectos. Combinando estes podemos crear imaxes complexas dotadas de significado.

Actividade

Este obradoiro estréase en Pontevedra, xa que se basea no conto O ladrón de palabras, de Anxo Fariña, novidade editorial de A Nosa Terra. Na primeira parte da sesión o autor do libro contará a historia, mesturando esta con ilustracións feitas alí mesmo, proxeccións e pequenos xogos lúdico – motrices. A intención é que os asistentes participen activamente na narración.

A continuación, e unha vez repartido o material, explicaráselles aos asistentes a relación entre debuxos e letras. Utilizando o sistema do libro, crearanse debuxos a partir de palabras dunha forma guiada. Finalmente, animarase aos asistentes a crear as súas propias composicións mesturando palabras e debuxos creados con letras dotados de significado, para acadar pequenos “poemas visuais”.