DEBATE – Difusión MUSEOS

Ramón Núñez: "Hai que achegar as aulas á vida e educar unha ciencia máis libre"

[27/01/2006 10:00] Pouco amigo de etiquetas, Ramón Núñez defínese como divulgador ou educador científico. Este coruñés, nado en 1946, dirixe dende 1983 os museos científicos da súa cidade, colabora con publicacións periódicas e ofrece conferencias ou cursos a mestres co gallo de facer da ciencia algo útil para a xente. Cun ton amable e interesado, móstrase disposto a contestar calquera pregunta sen rozar temas nacionalistas. O latín sacouno máis dunha vez dun apuro. Unha entrevista de Iolanda Martínez.
*Tomada de Vieiros

Dado que rexeita que o etiqueten baixo unha profesión só polo feito de estudar unha carreira determinada, neste caso Química, entre os 17 e os 23 anos, ¿como se autodesigna?
Sempre me pareceu curioso que o etiqueten a un segundo os seus estudos. As etiquetas non me gustan moito. Cando me preguntan que son, contesto que divulgador científico. Deseño programas para museos, leo conferencias, escribo artigos científicos, elaboro guións e programas para o planetario, imparto cursos para mestres, etc. No fondo o que fago é educación científica. Cando un di que é químico soa a que está nun laboratorio. E se digo que son educador científico pénsase que son profesor de ciencia.

Di que a súa familia ten varias xeracións de mestres e que a vostede o frustra non selo. ¿Non foi docente, vostede?
Eu o que non fun é mestre de profesión. Cando eu era cativo escoitábase a frase: "Pasas máis fame ca un mestre de escola". Na miña estancia en Nova York escoitei a mesma sentencia en inglés e pareceume curioso que sexa algo universal a falta de recoñecemento deste oficio. Nun libro en inglés atopei unha definición de mestre que me encandilou: "Mestre é alguén que comezou a andar antes ca ti". É dicir, aquelas persoas que tomamos como referencia e seguimos a súa estela.
De novo, impartín clases durante dous anos na Universidade De Nova York nun proxecto de ciencias. Agora, no fondo, dende os museos o que facemos é educación: prestar uns estímulos para que a xente aprenda.

Define a ciencia como un conxunto de actitudes (curiosidade, creatividade, racionalidade, espírito crítico…) e habilidades (saber observar, medir…) ¿Cre que se poden aprender?
Si, por suposto que si, ámbalas dúas se aprenden e desenvolven. Por exemplo, a curiosidade foméntase facendo preguntas. Un erro do sistema educativo actual é que as preguntas por veces se minusvaloran. Hai que facer que as preguntas dos nenos parezan moi importantes, e desenvolvelas, sacando delas outras. Hai que acostumar os infantes a una nova maneira de observar. No tocante ás habilidades, na escola ensínanse máis, pero aínda hai moitas descoidadas, por exemplo estímase pouco que hai de medir algo sen regra, a ollo.

Vostede, critica o sistema educativo actual por ensinar a química de xeito "aburrido" e árido, pois destacan os suspensos. ¿Que modelo educativo propón implantar nas escolas?
No sistema elemental as criaturas teñen que facer ciencia: o que fan os científicos: observar, describir, clasificar… O mestre podería propoñerlle unha clasificación de botóns segundo os criterios que eles escollan. Mostrarlle con outros traballos que hai outras clasificacións válidas. Facer subclasificacións. Ensinarlle a que solventen problemas por si propios, porque o importante é a vivencia do feito experimental.
Na escola de hoxe, os experimentos fanse cun fin determinado, pretende ensinárselle ao neno unha consecuencia de algo. Non, a educación científica ten que ser máis libre. Se o mestre xa o sabe todo o máis cómodo é preguntarllo. Non, hai que evitar esta dinámica. Este sistema educativo tende a afianzar no infante a idea que todas as respostas están compiladas nun libro gordo ou nun mestre. Pero logo saen ao mundo é ven que na vida non todo ten respostas. Hai que ensinarlle á xente a buscarse a vida e iso faise ofrecéndolle ferramentas.

Aplaude, por exemplo, a proposta de sacar os nenos das aulas para ver museos como unha práctica frecuente nos centros educativos
Todo o que sexa achegar as aulas á vida é bo. Tanto as visitas aos museos coma a lectura de medios de comunicación son prácticas que enriquecen a visión que un ten de algo. Os museos non son escravos do currículo. Un director de museo lúcido pode escoller os temas que lle interesan á xente. O problema dos currículos é que están ancorados no pasado, na enciclopedia de Diderot. Ese compendio do saber humano abondaba cando os coñecementos humanos variaban pouco. Hoxe non é así. O coñecemento varía a velocidade de vertixe. E seguro que o xornal de hoxe publica moitas noticias científicas interesantes. A clave logo, está nos Mestres, con maiúscula.

¿E como se fan Mestres?
Non sei, a compoñente vocacional é fundamental. Os meus compañeiros de facultade querían ser indagadores do CSIC, químicos de laboratorio… A maioría, hoxe, son mestres, pero non mestres vocacionais senón por resignación. A educación científica ten que ser unha meta e iso podería conseguirse impartindo máis créditos obrigatorios de didáctica dentro das carreiras de ciencias.

A súa proposta varía o museo tradicional, e o seu enfoque educativo parece propoñer tamén unha outra escola, xa dende a gardería ¿ten algún referente do que tirar influencias?
Todos os exemplos que propuxen antes son parte de métodos estudados de didáctica. Dende a década dos anos noventa, fixéronse moitos intentos por mudar o sistema educativo. Nos Estados Unidos de América reformouse o sistema educativo nas ciencias logo do lanzamento ruso do Sputnik, había que competir. No Reino Unido tamén houbo intentos semellantes. Pero fallaron porque non se actuou de maneira efectiva cos mestres. A reciclaxe de mestres é a clave, aí é onde se deberían de gastar os orzamentos en reformas educativas. Ter un libro e ler nel as respostas que se lle ofrecen aos rapaces é moi doado. Aí está o problema.

¿Cre na dicotomía: xente de "ciencias" e xente de "letras"?
Esa dicotomía de feito existe, aínda que non debería. A vida sería máis divertida sen esa barreira. Non se debería separar na escola aos nenos en itinerarios de ciencias e letras. Tanta especialización ten a culpa de que non se estude historia coma un todo. A historia da ciencia é fundamental impartila, coma a historia da arte, ou da música. Pero prímase a historia política. Habería que explicar a Newton no seu contexto socio-económico e cultural e non illado. O estudio da historia é o que máis une dende unha óptica interdisciplinar. Non recibimos unha educación en cociña, pracer, humor, amor…

Parece que quere rachar a barreira entre alta cultura (museos, ópera) e baixa cultura (a popular) co tipo de museos que propón. ¿Que opina desa distinción?
Hai culturas de elite. A min cústame clasificar os niveis dunha cultura, pero hainos. No caso da alta cultura, ou de cinco estrelas como eu a designo, téndese á mistificación, e eu penso que non é ningún misterio. Son afeccionado á arte contemporánea e cando non comprendo nada nun artigo deste tema entón sospeito. Creo que hai moito farsante, porque nestes eidos son máis difíciles de desenmascarar.

¿O tipo de museos que dirixe poderían funcionar no arte clásico e contemporáneo?
Por suposto. Estou convencido que se a exposición do Guernica, ao pé do cadro, mostrase un xogo infantil interactivo para mudarlle cores, obxectos… por outros, esta obra, coma calquera outra, coñeceríase mellor, porque o espectador se metería nela. Estes museos poderían existir para todas as disciplinas. Nos da Coruña tamén facemos exposicións de poesía e arte.

Define a ciencia como parte da cultura. A súa experiencia nos museos da cidade da Coruña podería ser un espello para o proxecto da Cidade da cultura de Compostela ¿Que lles proporía ou aconsellaría ao fío da súa experiencia?
Non teño ningún contacto con este proxecto. Pero creo que cando se monta unha cousa hai que ter claro antes de comezar as obras: a finalidade, o orzamento, o tipo e cantidade de público, os usos, o transporte ao lugar… Aí non se fixo. E agora chegou o tempo de pararse e pensar. Non está nada fácil. No caso do Domus, nós xa dispoñiamos de parte dos contidos, todos programados, antes de encargarlle o museo ao arquitecto Arata Isozaki. Non tivemos que pechar nin un so día dende que abriu o sete de abril de 1995

¿A subvención pública deulle inconvenientes no caso dos museos da Coruña?
Os museos de cultura nunca se autofinancian, entendendo por financiamento o que paga o espectador en concepto de entradas ou gastos de bar, souvenirs, etc. Esta parte supón un trinta por cento do orzamento total. O resto, en España, póñeno as administracións públicas. Nos Estados Unidos, un modelo máis liberal, póñeno empresas que así se benefician de exención fiscal. A min non me parece mal que o último criterio de avaliación sexa a xente. Eu mido o éxito en función do público. E o concello da Coruña (que financia o total dos tres museos científicos) vaille ben esta xestión polo prestixio que teñen en España, pola publicidade que lle reporta, polo turismo que chega á Coruña, algún exclusivo dos museos… Deste xeito non hai ningún conflito.

¿Cre que a investigación científica debería estar limitada eticamente?
Non creo nas limitacións previas. Non se lle pode poñer freo á investigación pero si ao uso non ético do poder, o froito das investigacións. Cando un ser humano inventa un coitelo ou un coche aínda non se sabe o que se está inventando. Despois de inventalo hai que educar á xente para que non malutilice, e prohibir os malos usos.

Cre no conxunto de trazos culturais que configuran a identidade dun pobo, sen embargo non cre na nación ¿Non é o mesmo?
Sei que existen as nacións, o que digo é que o concepto non me resulta útil. Eu podo ir polo mundo sen bandeira. Estou inmerso nunha cultura e adáptome para non destacar e entenderme o mellor posible coa xente. A min escolleume Galiza para nacer pero eu tamén a escollo, concretamente á Coruña, para residir. Vivín en Barcelona, Castellón cunha bolsa, Nova York, Madrid… e alí ofrecéronme traballos moi bos, pero volvín.

¿Cre que a ciencia é universal ou universalizable?
Penso que é as dúas cousas. Universal nos seus principios. O principio de Arquímedes é o mesmo aquí e na Patagonia. E universalizable nas súas técnicas.

¿Non son os trazos culturais tamén universalizables (iso si coa consecuencia do imperialismo cultural)?
No caso da cultura, as linguas naceron como vehículo de comunicación, pero tamén se usan como vehículos de identidade. Un uso lícito penso.

¿E a ciencia non se pode usar como vehículo de identidade? (crítica de Vandana Shiva e outras filósofas que tildan a ciencia de ideoloxía dominante característica dun tempo e un lugar (Occidente)
Non coñezo ese punto de vista. Nas publicacións científicas de prestixio comoScience escriben tanto orientais como occidentais. De feito as matemáticas son unha disciplina tomada por hindús e paquistanís, son os que máis escriben da materia.

¿Cal cre que é a posición das mulleres dentro da ciencia? ¿Hai representación nos seus museos de mulleres apoiando a iniciativa electoral do PSOE (o concello da Coruña é socialista)?
A composición de persoal dos museos é moi paritaria. Somos moi coidadosos ao plantear todo o referido ao ser humano con escrupuloso respecto polas mulleres. As mulleres son un símbolo da identidade humana. A Domus nun comezo chamouse Casa do Home pero eu, consciente de que parte da poboación estaba molesta, mudeille o nome para ao latín. Cando a diferenza de sexo non é relevante para as actividades que se fan tanto ten que sexan mulleres ou homes. No caso das especies animais non hai polémica ao designalos en masculino, pero na especie humana é máis delicado. Somos considerados co tema. Cando montamos un módulo do ser humano é lle poñemos un símbolo, escollemos o rostro por ser universal e poñémoslle un rostro de muller porque a maioría dos humanos neste planeta son mulleres. Deberiamos tomar conciencia en todos os aspectos da vida desta realidade. Ata fai ben pouco nos semáforos de Barcelona os peóns estabamos representados cunha icona de ser humano con bombín e bastón, un home. Se hoxe puxeramos unha muller, con saia e coleta, habería que educar aos homes para que cruzasen tamén. Ademais de na linguaxe, hai que reparar tamén noutros espazos da vida, coma a iconografía, tamén moi importante.

No 1992 recibiu un premio de xornalismo científico pola súa labor de divulgador. ¿En que medios colabora na actualidade?
Cando me deron o premio facía máis divulgación científica que agora. Colaboraba nun suplemento económico de La Vanguardia, enEl País, Muy Interesante, Diario 16, El Mundo, RNE, Antena3 Radio, COPE , TVG, TV de Andalucía, etc. Na actualidade, manteño unha páxina en Muy Interesante que se titula "Un científico na cociña" e escribo de cando en vez para La Voz de Galicia, que me piden algo para a sección "¿Que é?". Agora dedícome sobre todo á tarefa de xestión dos museos.