Cursos para adultos.Salón do Libro 2007

mosimageVIII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. 2007.

Información de cursos para adultos. Por primeira vez son gratuítos e por primeira vez tamén funcionará unha gardería ludoteca no horario dos cursos para atender a nenas e nenos pequenos das persoas que o precisen.

Animación Á Lectura: A voltas co conto

Luns: Pavís Pavós “Iniciación á lectura desde a casa”

Pavís Pavós, grupo de contadores de Pontevedra de grande experiencia ofrece este ano un obradoiro no que, baixo o título Iniciación á lectura dende a Casa se tratará a relación dos pais cos nenos/as dende que nacen a través das nanas, ladaíñas, contos populares, contos obxecto… e introdución ó álbum ilustrado e o enfoque ás lecturas máis complexas.

Martes: Raquel Méndez e Eva Mejuto “Bruxas de contos”

Raquel Méndez, profesora de música con grande experiencia dentro deste campo no tratamento cos nenos, e Eva Mejuto colaboradora de diferentes editoriais galegas con ampla experiencia na literatura infantil achegan este ano ao VIII Salón do Libro un obradoiro que parte de propostas de animación á lectura a través dun coñecido conto popular turco no que a protagonista é unha bruxa.

Mércores: Elena Paz “O son dos contos”

Esta profesional, formada en moi diferentes ámbitos da música, como son o piano, o solfeo ou o jazz propón neste VIII Salón do Libro unha viaxe polas páxinas dos contos en busca de sons e melodías para crear cancións que conten máxicas historias.

Xoves: Estela Mariño “Proposta plástica a través dos contos”

Mestra de educación infantil con ampla formación no teatro e expresión artística así como no deseño de xoguetes, nesta VIII edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil Estela Mariño achéganos unha proposta plástica na que as cores e as texturas conxúganse misteriosamente dándolle corpo ós máis fermosos contos.

Venres: Todas “A voltas co conto”

Catro maneiras diferentes de ver un conto.

Literatura: A literatura… de medo.

Luns: Vicente Muñoz Puelles

Este polifacético autor de orixe valenciana, posuidor de premios coma o Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil  (Ministerio de Cultura) en 1999 por Oscar y el león de correosachegará un obradoiro de literatura dividido en 3 partes:

1.      O terror ao longo da infancia e na vida adulta

2.      O terror na literatura e a literatura de terror

3.      O terror na súa literatura, tanto na infantil como na destinada aos adultos.

Para este taller, servirase das súas propias explicacións e da lectura dalgúns fragmentos literarios.

Martes: Xabier P. Docampo

Xabier P. Docampo é un home de grandes inqueutedes que, como tal, foi actor, director de teatro, guionista e director na radio, vídeo e televisión, mestre (un traballo do que xa está xubilado) e, por suposto escritor, sendo autor de literatura infantil e xuvenil (nesta faceta da súa vida foron moitos os premios que o consagraron, coma o Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil ou o premio The White Ravens en 1997).

O obradoiro a realizar no VIII Salón do Libro será unha reflexión sobre a literatura de terror, feita desde a análise dos seus compoñentes fundamentais. Para iso, procurará nas obras máis representativas “os vimbios cos que se fixeron eses cestos”.

Tamén procurará a relación existente entre a literatura de terror e outros xéneros literarios que sempre se sitún preto dela: literatura fantástica, literarutra gótica, literatura de ciencia ficción e de anticipación…

Analizará os máis importantes exemplos de Literatura Infantil de terror.

Finalizará dando media ducia de argumentos para elaborar historias de terror.

 

Mércores: Armando Requeixo

Este coñecido profesor galego, amais de conferenciante e crítico de literatura volve neste Salón do Libro ao tema co que comezou os seus estudos literarios: Anxel Fole. En “Fole: un narrador de medo” realizará unha achega ao universo contístico foleano atendendo á presenza no mesmo do medo como eido tematolóxico principal.

Catalogará e a analizará exemplos dos diversos relatos de terror do escritor lugués, tendo presente para a súa clasificación tanto a natureza da realidade xeradora deses medos coma os efectos que os mesmos suscitan no lectorado de onte e de hoxe.

Xoves: Silvia Gaspar

Licenciada en Filoloxía Hispánica Españolola e Galego-Portuguesa, actualmente traballa na súa tese de doutoramento sobre literatura fantástica galega.

   Compaxina o seu traballo como Profesora de Ensinanza Secundaria de Lingua e Literatura Galega coa actividade da traducción e crítica literaria. Especializouse no estudo da narrativa contemporánea galega e, nos últimos anos, en literatura infantil e xuvenil, labor do que se derivaron boa parte das súas publicacións.

En Como se Constrúe o Medo, o taller que nos achega ao VIII Salón do Libro Infantil e Xuvenil tratará de amosarnos que a literatura de terror na súa vertente culta é un produto romántico, e responde a unhas características estruturais moi precisas baseadas tanto no medio en que se difundiu (habitualmente, prensa) como en función do efecto que se pretende.

O obradoiro consistirá nun paseo de carácter práctico polas posibilidades compositivas que o propio xénero ofrece (enfoque narrativo, construción do clímax, descrición, estilo, personaxes, etc), a partir dunha selección de textos breves sobre os que -probablemente- os participantes introducirían a súa escolla de variantes. Os textos seleccionados formarán parte do corpus deste xénero na nosa literatura, o que permitirá dar un repaso á historia desta literatura entre nós.

Venres: Ana María Machado

Importantísima autora brasileira, comprometida co traballo de UNESCO, e ex – corresponsal de importantes medios de comunicación mundiais, a súa carreira non se detivos nin polas adversidades políticas, converténdose hoxe en día nunha das grandes da literatrua a nivel mundial con premios tan importantes coma o Hans Christian Andersen polo conxunto da súa obra en literatura infantil.

A conferencia que ofrecerá no Salón do Libro levará por título Medos, historias, crianças e a autora abordará o papel de diferentes medos na narrativa en xeral, especialmente na literatura para nenos, focalizando a tradición das narrativas  populares e tamén as obras autorais mais contemporáneas. A análise terá exemplos de obras de autores europeos, norteamericanos e latinoamericanos.

Ilustración: Onde está a emoción.

Noemí Villamuza

Ilustradora de recoñecido prestixio aínda que cunha vida profesional moi ampla aínda por diante, as súas ilustracións xa forman parte de catálogos de ilustración internacional, coma o da Fira de Bologna ou o Victionary Design for Kids de Hong Kong.

No Taller de Ilustración que nos achega a Pontevedra este 2008, “Onde Está a Emoción”, ofreceranos unha charla introductoria ao tema do taller e a os métodos creativos que utiliza como autora. Creará tamén unha pequena polémica para cambiar opinións sobre o factor emocional na ilustración.

Durante os catro primeiros días do taller realizaranse catro exercicios que partirán dunha palabra referencia que cada alumno deberá buscar, dita palabra deberá estar ligada ao emocional. Nun proceso de catro “actos” irase desfiando a atmosfera necesaria para ilustrar ese concepto, buscando os recursos adecuados en canto á técnica, composición, formato, cor, movemento…

Catro puntos de vista dunha mesma mensaxe. Catro ilustracións que funcionen coma catro ingredientes dunha receta.

No quinto día, o exercicio deberá conseguir cunha imaxe concluínte, contruída a partir das ilustracións anteriores, unha síntese que se achegue o máis posible á emoción que se pretende expresar. Co obxecto de facelo de forma sinxela e poética.

Música: A música galega na escola.

Paulo Nogueira e Magoia Bodega

Ámbolos dous mestres de música da provincia de Pontevedra, Paulo Nogueira e Magoia Bodega experimentaron a música galega dende moi diferentes puntos de vista: formando parte de coñecidos grupos, colaborando con grupos e solistas coma Rodrigo Romaní e Susana Seivane, sendo autores de composicións, libros musicais, producindo algunhas obras…

Mediante o obradoiro “A música galega na escola” pretenden mostrar distintas formas de plantexar e tratar a música galega na escola, propoñendo actividades para os distintos bloques desta área por medio de cantigas, audicións, movemento, linguaxe musical, instrumentacións, etc.

Os contidos do taller poderíanse resumir nos seguintes apartados:

1.- Audición musical activa:diferentes propostas de audición de música galega utilizando como recurso o movemento, a prosodia rítmica, musicogramas, linguaxe musical, cantigas, contos, instrumentacións, etc.

2.- Cantigas: repertorio de cantigas galegas infantís, de oficios, acumulativas, do ciclo anual. Recursos didácticos para a aprendizaxe das mesmas.

3.- Instrumentacións:diferentes propostas de utilización dos instrumentos escolares coa nosa música. Xogos e cantigas con instrumentos.

4.- Instrumentos populares galegos:diferentes propostas para que o alumnado coñeza e recoñeza visual e auditivamente os instrumentos galegos.

5.- Ritmo e movemento:xogos de movemento baseados nos ritmos populares galegos.

 

Inscrición

Podedes inscribirvos en calquera dos cursos na AS-PG, telf. 986 852 710 ata o xoves 1 de febreiro. Prazas limitadas.

Estes cursos teñen solicitada a homologación perante a Consellería de Educación.

Os obradoiros son de 14 horas, 10 horas de cursos e 4 de conferencias. A asistencia ás conferencias é obligatorioa para completar o número de horas.

Este ano os matriculados nos cursos de adultos teñen a súa disposición de maneira gratuíta a Ludoteca Viaxeira, un espazo onde os seus fillos xogarán e estarán atendidos mentres os maiores asisten aos obradoiros.