CORRESPONDENCIA ANPAS

 Sabemos que nos mandastes corréos electrónicos e cartas pero o ANPA do noso centro non as recibe, tampouco recibímo-la revista de CEAPA. ¿Temos dereito a que nos chegue correo á enderezo do colexio?    Pensamos que é posible que non queiran facilitarnos demasiado as cousas. ¿Que podemos facer sen provocar enfrontamento?
   As ANPA e APA forman parte da comunidade escolar e o normal é que a súa sé social sexa o propio centro, por tanto teñen dereito a recibi-la correspondencia e o correo electrónico dirixido a elas. Sempre que exista espazo no centro tamén poden dispor dun local propio.
É aconsellable que dispoñades dun buzón e un pequeno taboleiro de anuncios.
   Podedes facer unha protesta a través dos vosos representantes no consello escolar e na inspección pero iso é un último recurso xa que pode provocar situacións desagradables ou enfrontamentos non desexables para a convivencia entre os distintos sectores.
    Primeiro debedes asegurarvos de que  os vosos datos figuran sen erros na nosa  Federación facendo unha chamada ou por e-mail, e se o voso encargado de recolle-la correspondencia faino frecuentemente e vos comunica o que recibe.
   Se comprobades que non existe ningún problema pola vosa parte e non vos atrevedes a propolo ó equipo directivo poñédesvos en contacto con nós co fin tentemos soluciona-lo problema da mellor forma posible.
   Desgraciadamente o voso problema é demasiado frecuente e algúns centros non teñen asumida a importancia que ten a participación das familias a través das súas asociacións na mellora da escola pública. AMM