CONFAPA e CONGAPA valoran positivamente a supresión da xornada reducida en xuño e setembro

A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria presentoulles aos representantes das confederacións de APAs de centros públicos e concertados a proposta de manter a mesma xornada durante todo o curso

Santiago, 27 de marzo de 2007.- A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, reuniuse esta tarde cos representantes provinciais da Confederación Galega de APAs de centros públicos (CONFAPA) e, posteriormente, con representantes da Confederación Galega de Asociacións de Pais de Alumnos (CONGAPA), para presentarlles a proposta da Administración educativa galega de cara ao calendario escolar do próximo curso 2007/2008. Logo da xuntanza coa CONFAPA, a titular do departamento educativo autonómico indicou que a Consellería traballa para que “a xornada escolar sexa a mesma durante todo o curso, do mes de setembro ao mes de xuño”, o que conleva a supresión da xornada reducida en xuño e setembro. Sánchez Piñón salientou que “todas as federacións provinciais manifestaron o seu apoio a esta proposta, que é unha vella reivindicación deste colectivo”. Neste senso, a conselleira de Educación indicou que esta iniciativa irá acompañada da extensión dos servizos complementarios de transporte e comedor escolar á totalidade do ano académico

O presidente da Federación de APAs de centros públicos de Lugo e vicepresidente da CONPAFA, Francisco Silvosa, destacou a conveniencia da proposta que lles presentou a conselleira de Educación, porque “a nosa postura é que o curso empeza en setembro e remata en xuño”. Ademais, os representantes provinciais da CONFAPA valoraron positivamente esta iniciativa “porque desde a Consellería se nos garantiu a continuidade dos servizos complementarios nestes meses”.

Pola súa banda, o presidente da CONGAPA, Alfonso Alcalá, destacou a cordialidade e positividade desta entrevista, e indicou que “aínda non puidemos facer unha valoración sobre o que pensan todos os colexios ao respecto, pero temos un estudo de hai tres anos que era partidario desa conciliación da vida familiar e laboral” que leva implícita a proposta da Consellería.

A conselleira de Educación sinalou que estas dúas reunións forman parte dunha “rolda de contactos” que está a manter a Administración educativa autonómica “para garantir o máximo consenso” nunha medida “que consideramos que é importante” e na que “tentaremos sumar a todos os actores: pais, profesores e direccións dos centros”. Precisamente, Sánchez Piñón lembrou que a semana pasada reuniuse coa Xunta Autonómica de Directores, “que se manifestaron totalmente de acordo” con esta iniciativa”.

Ademais, a titular de Educación indicou que mañá celebrarase a Mesa Sectorial de Educación, “na que continuaremos a negociación cos sindicatos para conseguir chegar a un acordo”.

Sánchez Piñón sinalou que a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, María José Pérez Mariño, reunirase esta tarde coa Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos (FOANPA) de centros públicos e mañá manterá unha xuntanza coa Federación de ANPAs de Ferrol e comarca, dúas federacións que non están integradas na CONFAPA.