Condena por delito de abandono de familia por non levar aos seus fillos ao colexio

Os casos de absentismo escolar son frecuentes, pero poucos chegan aos tribunais e os procesos atrásanse durante anos. Na maioría das ocasións os xuíces optan por non acudir ao ámbito do penal. Pero neste caso non foi así 😮 Xulgado do Penal número 3 de Santander condenou os pais de tres menores a tres meses de cárcere para cada un por un delito de abandono de familia (art 226 do Código penal) polo absentismo escolar dos menores, e por promover incluso que a filla maior non acudise ao instituto para se facer cargo do irmán menor.

Segundo a sentenza a pena substituirase por traballos en beneficio da comunidade a razón de cinco horas por xornada, e polo pagamento das custas procesuais.

Na sentenza explícase que os pais, non adoptaron as medidas necesarias para a efectiva asistencia dos seus tres fillos menores que no momento dos feitos tiñan 17, 15 e 12 anos ao colexio e instituto. Ademais os acusados chegaron a promover que a filla maior non acudise ao instituto a escusa de coidar en casa ó irmán menor da familia.

Engade que no caso dos dous varóns o nivel de inasistencia ao colexio público foi dun 80%. Coa súa actuación, os condenados impediron a educación efectiva dos seus tres fillos sen ningunha xustificación nin escusa válida, conclúe na decisión.

Ata chegar á imputación penal dos pais polo absentismo escolar reiterado dos seus fillos, pásase por tres niveis de actuación. En primeiro lugar, actúan os centros escolares que tratan de intervir para que os nenos volvan ao colexio. Posteriormente, se a situación non se soluciona, o caso ponse en coñecemento dos equipos de orientación educativa e os equipos técnicos de absentismo, ambos organismos pertencentes a Educación.

Paralelamente, actúan os organismos sociais e se os menores non deixan de faltar a clase, chégase a un terceiro nivel no que intervén a comisión provincial de absentismo e a Fiscalía de Menores comeza a investigar o asunto.