Comunicado da Xunta Directiva sobre o contrato de comedores

PARA:
 -ANPA que teñen delegada na Federación a xestión do contrato de comedores
– Nais e pais e comunidade escolar dos centros correspondentes
– Xeral coñecemento

Á parte de remitir unha breve nota de prensa aos distintos xornais e medios de comunicación para intentar corrixir o dano causado ás ANPA e á propia Federación polas declaracións do concelleiro de Educación de Pontevedra así como o malestar creado e  persoas dignas da mellor consideración, decidimos publicar este comunicado para dar a coñecer o fondo e a verdade da situación, plasmándoo nun resumo da xestión realizada por esta Directiva.

Se, o pouco tempo do que dispoñemos tanto nas ANPA coma na Federación, temos que gastalo en reunións inútiles, defendernos de burdas manipulacións e sobrevivir a manobras… mal vamos.

Referencias á nota de prensa nos xornais:
La Voz


mosimage

Comunicado

"O pasado día 11 de xaneiro aparecían en La Voz unhas manifestacións do señor concelleiro da área de Educación de Pontevedra nas que se nos acusa á Federación de poñer inxustificamente en risco o Servizo de comedores escolares por un suposto malentendido e mediante unha decisión unilateral, por parte da Federación, de rescindir o contrato vixente de comedores.

Ante a gravidade do asunto, que non ten nada que ver coa realidade que coñecedes perfectamente, e que nos compromete publicamente, debemos defendernos e queremos facer chegar a todos os pais que non foi ningún malentendido senón quizais un erro, por parte desta FANPA, asinar un contrato de boa fe, fiándose da palabra da Concellería de que logo se asinaría o convenio que fixese explícitas as garantías necesarias, cousa que catro meses despois aínda non se fixo e, por considerar no seu momento que se a FANPA non asinaba, non tería habido comedores nin se terían as garantías de responsabilidade civil e de aval do Concello que agora podemos reivindicar. Desas garantías benefícianse hoxe, non só as ANPA que están acollidas ao contrato colectivo, senón aquelas que asinaron por libre.

E isto vén porque como sabedes, o servizo ofreceuse subvencionado ao 50% ( un 25% vía subvencións da Consellería e o restante ata o 50% vía convenio co Concello de Pontevedra ). Do 50% ao 100% é pagado directamente polos pais á empresa. Niso non hai ningún problema.

O problema xorde cando a contía das axudas concedidas pola Consellería non cubren o 25% comprometido nas reunións que sostivemos tanto co concelleiro como cos representantes da Consellería (director xeral de Servizos Complementarios e Delegado de Educación) e cando, por outra parte, o convenio co Concello (do que depende outro 25%) segue sen asinarse. Ademais, como se comentaba antes, o Concello é o garante e o aval imprescindible da Federación para o noso compromiso coa empresa porque nin a Federación – nin as ANPA- teñen por si mesmas nin fondos nin capacidade financeira legal para endebedarse nunhas contías tan importantes como implica servir máis de mil comidas diarias nos nosos centros. Nin é a nosa función.

A Federación asumiu a sinatura do contrato na vosa representación, nos casos en que así o manifestastes explicitamente e para evitarmos que as ANPA tivesen que cargar cun traballo burocrático, engadido a todos os demais que xa soportan, e tamén para que o seguimento do servizo se puidese realizar de forma máis eficaz ao establecer un único interlocutor coa empresa. Por tanto, a Federación só está neste asunto por delegación das ANPA e unicamente co fin de facilitar a xestión administrativa -que como as ANPA manifestaron nunha reunión de setembro do ano pasado-, desborda na maioría dos casos a súa capacidade de traballo.

Ao recibir a resolución das axudas e ver que, só neste primeiro trimestre a Consellería achegaba só un 17%, na vez do 25% que comprometera, que quedaba unha débeda que o Concello só asumía verbalmente negándose a asinar un compromiso escrito (de eximir
ás ANPA de calquera responsabilidade económica que se puidese derivar do incumprimento do pago por parte da Administración); ou, no seu defecto, que os pais que quixeran asegurar o servizo de comedor, puidesen pagar os 3.99 € que custa o menú para evitar que a débeda aumentase no segundo e terceiro trimestres e cando reclamamos que se fixesen efectivas as promesas. A formalizar este compromiso, tanto a Concellería como a Delegación, se negaron acusándonos de obsesión e desconfianza e alegando que coa súa palabra xa deberiamos ter suficiente. Nesa reunión á que tamén asististes todas as ANPA, só volveu a haber palabras sen respaldo formal. Ao seu ver, non facía falta asinar nada.

Como alí manifestamos, non estabamos de acordo porque, dígase o que se diga, e respecto da empresa o compromiso legal témolo as ANPA, mentres que da Administración non tiñamos máis ca palabras. Cremos que é evidente e claro que tanto as persoas que representamos ás ANPA como as que representan á Administración somos circunstanciais e que un asunto tan importante como este debe xestionarse con por todas as partes con todo rigor, completa transparencia e a máxima profesionalidade posible; desde logo con papeis. Por iso, e como unha mostra máis da confianza na súa palabra, á espera do convenio que non sabemos cando se vai asinar, propuxemos engadir unha pequena addenda ao contrato que nos puxese a salvo de eventuais reclamacións económicas que se poden producir por moi diversos motivos.

A Federación, a través dos seus representantes, entregoulle a proposta de addenda (que engadimos anexa a este comunicado) ao concelleiro na semana de Nadal para que, definitivamente, o concelleiro tomase unha decisión antes do día 26 dese mes co fin de telo solucionado todo antes da volta das vacacións. Pasado o prazo sen resposta, o día 28, o concelleiro ponse en contacto coa Federación para unha nova reunión na que nos comunica que non vai asinar a addenda nin el, nin o delegado, nin a empresa porque, segundo el, era unha redundancia do contrato xa que nel consta, no primeiro punto, o Concello como garante e aval das obrigas do contrato. O concelleiro parece non querer ver que o que tamén consta no contrato, no seu punto 7º é :

“As ANPA dos centros educativos nos que se presta o servizo de comedor serán responsables das obrigas e aboamentos dos custos do servizo no importe de 1,99 €/menú, o cal será aboado mensualmente á conta que XXXX dispoña. O período de cobro dos ditos importes será de 15 días, unha vez recibidas por parte das ANPA as achegas correspondentes para o efecto da Consellería de Educación da Xunta de Galicia a través da correspondente subvención e do Concello de Pontevedra por medio do convenio asinado para tal efecto”

En vista de que o único que tiñamos era unha “promesa”, verbal, e teméndonos que nos dous trimestres posteriores podería ocorrer o mesmo, a Xunta Directiva desta FANPA tras recoller o parecer das ANPA implicadas, toma a decisión de notificar formalmente ao Concello e á empresa (o 13 de decembro) que se vai producir, de feito, un incumprimento do contrato por falta do financiamento comprometido. Por tanto, non rescinde unilateralmente senón que informa que, ante o incumprimento do compromiso de pago por parte da Administración, a situación é insostible e por iso sería irresponsabilidade pola nosa parte non infomar á empresa para que, se o considera oportuno, resolva o contrato.

A FANPA, reiteramos, carece de recursos para afrontar o servizo de comedor, e a nosa decisión non se toma precipitadamente senón despois de todas estas reunións, tras ser informadas todas as ANPA, e como consecuencia de que non somos comprendidos en todos os intentos de solución posible. Quedou así bloqueada a situación.

Do mesmo modo, insistimos en que a comunicación remitida o día 13 de decembro foi unha decisión tomada polos 14 membros da actual Xunta Directiva. Non a tomou o presidente en funcións a título persoal (de ningún modo, porque ademais de non ser certo, é imposible).

O presidente en funcións, saínte do cargo despois de 17 anos de desinteresada, profunda e moi fecunda implicación no movemento social das ANPA ten sobradamente acreditada a súa bonhomía e a súa capacidade para sumar e contaxiar ilusión; o seu prestixio e o respecto gañado foi refrendado aínda moi recentemente nun cerrado aplauso de recoñecemento que tivemos oportunidade de brindarlle na nosa última Asemblea Xeral de novembro. Alfonso Moreno Mora, debería recibir unhas desculpas públicas por parte de quen o difama dicindo que actúa en contra dos intereses dos pais e dos nenos de Pontevedra.

Todos traballamos moito este Nadal, non só a Concellería de Educación. A Administración evitaríase a sí mesma como a nós, moitas dores de cabeza se fose ela quen contratase coa empresa concesionaria e non as ANPA, que iso é un abuso do concepto de participación, o noso único labor.

Ante a inminencia do comezo do segundo trimestre e coa situación empantanada, o concelleiro convoca para outra reunión á Federación e ás ANPA o día 3 de xaneiro, co convencemento de que, a pesar de que non hai garantías escritas, as ANPA, ante o temor a perder o servizo de comedor, asinarían o contrato individualmente. A proposta do concelleiro resultaba tremendamente delicada e conflitiva para as ANPA que se vían obrigadas a asumir, agora directamente, a inseguridade deste contrato. Así llo comunicaron incluso por escrito ao concelleiro. Só algunha ANPA estaba disposta a resignarse e asinar o contrato nesas condicións.

Finalmente, o concelleiro presentanos, asinado, un documento similar á addenda que a Federación lle propuxera no que, no seu punto catro, declara que o Concello asume a responsabilidade financeira total de modo que nos exime ás ANPA ou á Federación de toda responsabilidade económica no pagamento do servizo. Esta era a garantía que tantas veces lle demandamos e que pon o problema en vías de solución razoable, aínda que quedan moitos aspectos aínda sen concretar.

Neste intre, e dado que por fin temos un compromiso escrito por parte do concello no que se compromete o financiamento necesario e se nos exime de responsabilidade económica, as ANPA solicitan á Federeción poder continuar co contrato a través da Federación sen que se produza interrupción á volta de vacacións. A Federación, unha vez estudada a nova situación, decide considerar viable a súa participación, e proseguir co contrato ao tempo que volve demandarlle ao Concello a sinatura do convenio pendente.

Ante este pequeno relato dos feitos, xa coñecidos tanto polas ANPA como polo Concello e a empresa, consideramos que as manifestacións na prensa realizadas o pasado día 11 de xaneiro polo concelleiro, señor García-Lores, constitúen unha desleadade pola súa parte coas ANPA, coas nais e pais e, especialmente con esta Federación, que sempre lle mostrou un respecto que non vemos correspondido nin no persoal nin no institucional.

Pola nosa parte non se producirán máis manifestacións respecto deste conflito, salvante que haxa novos incidentes. Na súa solución é no que todos debemos colaborar porque é un servizo público para a conciliación da vida familiar e laboral.

Pregamos que este comunicado sexa coñecido polas directivas da vosa ANPA e que, se o estimades oportuno, o deades a coñecer publicamente aos vosos socios e usuarios do servizos de comedor.

Pontevedra, 13 xaneiro de 2007

A Xunta Directiva
Federación de ANPA de Pontevedra