Case un 90% de pais están desgustados coa calidade da ensinanza

Moitas familias españolas están insatisfeitas coa educación que reciben os seus fillos, segundo se desprende do informe sobre ‘Demandas da poboación española sobre a educación’, realizado a partir dunha enquisa entre preto de 5.000 fogares de toda España levada a cabo pola empresa Demométrica.

mosimage Só un 12,7% dos participantes na mostra se confesa plenamente "satisfeito", fronte ó 85,5% que pide algún cambio de rumbo. Desta porcentaxe, o 45,4% declárase "insatisfeito" e pide rectificacións. Deses últimos, o 32,7% reclama cambios fundamentais, e o 12,7% restante, totais, xa que opina que "necesitariamos refacer completamente" o ensino obrigatorio.

Catro de cada dez respostas reflicten que a educación obrigatoria funciona ben pero que é susceptible dalgúns cambios. É dicir, que só 12 de cada 100 entrevistados cren que a educación funciona plenamente ben e non precisa modificacións.

A conclusión é que preto da metade (45,4%) se declara insatisfeito coa educación e o resto (52,8%) estao máis. O 1,8% restante, non contesta.
En canto á evolución da Secundaria Obrigatoria (ESO), menos de dous de cada dez enquisados afirman que foi favorable nos últimos cinco anos, fronte a case a metade (45,5%) que fala dunha evolución negativa. Os índices positivos en Infantil (42,9%) e Primaria (29,9%) son máis elevados.

Segundo explicou Miguel de la Fuente, director xeral de Demométrica, o tramo de ensino secundario é o principal "foco de insatisfacción" entre os enquisados e así, só o 18 % considera que evolucionou favorablemente nos últimos cinco anos.

Gratuidade e máis e mellores profesores

A principal demanda da sociedade española é a gratuidade da educación preescolar e infantil. E entre as medidas máis solicitadas polos entrevistados encóntranse o incremento do número de profesores e o investimento na súa formación, a garantía da aprendizaxe dunha lingua estranxeira e a extensión do acceso a Internet nos centros.

Sobre a relación entre calidade e recursos económicos, máis da metade dos fogares enquisados (60,1%) indica que o que falta é unha mellor xestión dos recursos financeiros e catro de cada dez respostas piden máis diñeiro.

Por autonomías País Vasco (71,5%), Navarra (61%) e Cantabria (60,5%) son as comunidades onde existe unha opinión maioritaria de que a súa educación obrigatoria é mellor que a do resto de España. No ángulo oposto, en Andalucía, Baleares, Estremadura, Galicia e Canarias os enquisados pensan que a súa situación é peor cá do resto das autonomías.

O presidente da entidade, Alfonso del Corral, destacou que as entrevistas se realizaron antes do debate ideolóxico en torno á tramitación da Lei orgánica de educación (LOE) e que, polo tanto, a opinión manifestada polos enquisados estaba "libre" de contaminación política.

Preocupacións: violencia e drogas

Respecto dos principais problemas percibidos pola poboación no ámbito educativo, oito de cada dez enquisados destacan o consumo de drogas e a violencia na escola, con valores medios superiores a 9 (nunha escala na que 10 é a preocupación máxima). Case a metade das respostas conteñen a "falta de tempo dos pais para a dedicación ós seus fillos", o que sitúa esta denuncia como o terceiro dos aspectos máis preocupantes, cunha cualificación de 7,9 puntos.

Fonte: Galicia-Hoxe.com