Campaña Verán 2008

Orde do 13 de marzo de 2008 pola que se regula a oferta de prazas xuvenís dentro do programa Campaña Verán-2008 e se procede á súa convocatoria.

A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, leva a cabo a promoción e organización de actividades de animación sociocultural destinadas á xuventude no ámbito do ocio e o tempo libre.

Co obxectivo de facilitarlle á xuventude a participación en actividades de tempo libre, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, oferta un plan xeral de actividades que se detalla no anexo I desta orde.

As diferentes actividades que integran esta oferta xeral levaranse a cabo tanto en Galicia como nas comunidades autónomas de España, en diferentes quendas de entre unha semana e quince días de duración durante os meses de xullo e agosto.

A información sobre a convocatoria desta campaña, así como de cada actividade e instalación xuvenil onde se desenvolverá, atoparase detallada na páxina web www.xuventude.net. Ademais, os interesados poden solicitar folletos informativos da convocatoria na Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, nos servizos e oficinas locais de xuventude das delegacións provinciais da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, nas oficinas e puntos de información xuvenil da rede galega de información e documentación xuvenil, no Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil, nas oficinas de información administrativa e atención ao cidadán e no teléfono xove (902 15 25 35).

DOG 24/03 /08