Campaña “Hai moito en xogo”

A Secretaría Xeral de Igualdade coa Asociación Socio-Pedagóxica Galega poñen en marcha a Campaña HAI MOITO EN XOGO dirixida ao profesorado, familias e alumnado de infantil de 0-3 anos.

Ninguén discute hoxe que a familia xoga un papel fundamental na formación dos nenos e nenas, é o primeiro núcleo de socialización, o referente esencial a imitar que teñen os nosos fillos e fillas.

Por este motivo, convidámosvos a participar na CHARLA que terá lugar o día 15 de decembro no salón de actos do Edificio Administrativo da Xunta ás 18,00 horas. (R/BENITO CORBAL). 

Esta campaña ten como obxectivo primordial, promover a educación para a igualdade entre os sexos, nunha etapa considerada fundamental no desenvolvemento das persoas, na que se van asentar esquemas de pensamento, actitudes e valores básicos.

Entre outras actuacións, plantéxanse unha serie de charlas destinadas ás familias, impartidas por persoal especializado en educación infantil co obxectivo esencial de dar pautas para abordar aspectos importantes da educación nos que a familia pode influír decisivamente.

Para reflexionar sobre a importancia do xogo e o xoguete para unha educación igualitaria, como medio fundamental de aprendizaxe de nenos e nenas nestas idades, contamos coa presenza de Mª Xesús Enguídanos Floriani, profesora da Universidade de Vigo, especialista en educación infantil e psicomotricista.