Axudas para traballadores/as que se acollan á redución de xornada de traballo

Orde do 17 de marzo de 2008 pola que se convocan axudas á conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade para os traballadores que se acollan á redución da súa
xornada de traballo.
A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, como unha medida de fomentar a corresponsabilidade
e de impulsar así o cambio dos roles diferenciados entre mulleres e homes, implicando estes últimos na atención e coidado dos seus fillos e fillas, establece unha axuda económica destinada a aqueles traballadores que se acollan a unha redución da súa xornada de traballo motivada pola atención
e coidado dos seus fillos e fillas menores de tres anos, que comprenden tamén a situación das familias
monoparentais.
En consecuencia, a través desta orde establécense as bases reguladoras do procedemento a través de
convocatoria pública para a concesión destas axudas, a través da modalidade de pagamento único. As
axudas que se establecen no articulado desta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria
05.30.312G.480.0, recollida na Lei 16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade
Autónoma de Galicia para o ano 2008. O importe destinado ás axudas ascenderá como máximo a
580.323 euros.