Axudas para participar en campamentos.Para mozos/as galegos que residan no exterior

Resolución do 1 de febreiro de 2008, da Secretaría Xeral de Emigración, pola que se convoca e regula o programa de axudas para a participación en actividades de campamentos e campos de traballo dirixidos a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de galegos e que residan no exterior.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece, no título preliminar, no seu artigo 7, o dereito das comunidades galegas de fóra de Galicia a colaborar e compartir a vida social e cultural do pobo galego.

Á Secretaria Xeral de Emigración, órgano dependente da Presidencia da Xunta de Galicia, correspóndenlle, entre outras, as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior así como a programación de actividades dirixidas á promoción e difusión da cultura galega e ao recoñecemento da realidade actual de Galicia no exterior.

A Secretaría Xeral de Emigración ten como un dos seus obxectivos promover a participación da colectividade galega no exterior na nosa vida cultural e social, o desenvolvemento de actividades culturais, de accións solidarias e tempo libre dirixidas á xuventude do exterior, así como o fomento da participación dos mozos e mozas descendentes de galegos nos programas e servizos a favor da xuventude.

Para acadar esta finalidade cóntase coa colaboración da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia a través da súa Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.

En virtude do exposto, e no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de acordo co establecido na Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade e en uso das facultades que a Secretaría Xeral de Emigración ten atribuídas, logo de informe da Asesoría Xurídica e da Intervención Delegada deste órgano,

DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
1. O programa ten por obxecto facilitarlle á mocidade da Galicia exterior o contacto coa realidade galega e o encontro cos seus familiares.

Artigo 2º.-Características.
1. Actividades de campamento: convócanse 336 prazas en campamentos e albergues xuvenís situados en Galicia dependentes da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade (Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar), en dúas quendas no mes de xullo. Estas prazas distribuiranse conforme o establecido no anexo I.

O programa desenvólvese en dúas quendas diferentes con actividades tamén diferenciadas:

a) Na quenda do 1 ao 15 de xullo ten lugar a actividade Galicia: verde e azul, que busca proporcionarlles aos mozos e mozas de fóra de Galicia un mellor coñecemento da nosa terra; residirán os participantes -con idades comprendidas entre os 14 e os 17 anos- en dúas instalacións: unha semana na zona de interior (no campamento xuvenil Os Chacotes, Palas de Rei (Lugo) e outra na zona de costa (no albergue xuvenil de Gandarío-Bergondo (A Coruña), permanecendo en tendas de campaña no primeiro caso e nun albergue, en cuartos compartidos, no segundo.

b) Na segunda quenda, do 16 ao 30 de xullo, teñen lugar as Rotas coñece Galicia, a través dunha actividade de campamento itinerante, residindo os participantes -con idades comprendidas entre os 14 e os 22 anos- en tres instalacións de tipo albergue ou residencia xuvenil (en cuartos compartidos), cunha permanencia duns 5 días en cada unha delas.

As instalacións están situadas nas distintas provincias galegas: en Lugo, a residencia xuvenil Eijo Garay; en Ourense, a R.X. Florentino López Cuevillas; en Vigo (Pontevedra), a R.X. Altamar, e en Bergondo (A Coruña), o albergue xuvenil de Gandarío.

Complemento das actividades son as prácticas deportivas variadas acordes coa instalación en que se atopen residindo en cada momento (náuticas, de natureza, distintos deportes e xogos, marcha, praia, etc.).

Igualmente, prográmanse actividades culturais para o coñecemento da realidade social de Galicia (charlas, proxeccións, visitas a museos ou zonas de interese cultural, etc.).

2. Campos de traballo: convócanse 18 prazas en campos de traballo situados en distintas localidades da Comunidade Autónoma galega, de acordo co disposto no anexo II, para participantes con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, en modalidades tales como: arqueoloxía/social, ambiental e cultural-etnográfica. Trátase de actividades de colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos na procura dun maior coñecemento da nosa cultura, da mellora ambiental do noso contorno e da recuperación do patrimonio cultural e arquitectónico. Ademais do traballo, ofrécese un programa con actividades de convivencia, de animación, de lecer e tempo libre.

Estas prazas distribuiranse entre todas as solicitudes admitidas, para os países mencionados no anexo I.

3. A Vicepresidencia de Igualdade e do Benestar colaborará na execución deste programa poñendo á disposición dos beneficiarios dos campamentos e dos campos de traballo todos os servizos de aloxamento e manutención nos albergues xuvenís, campamentos e demais aloxamentos asignados, así como os medios de desprazamento dos beneficiarios dos campamentos desde o aeroporto de chegada a Galicia ata o albergue xuvenil que lles sexa asignado, no caso das actividades de campamento.

4. Os participantes procedentes de España percibirán unha axuda de custo para a viaxe a Galicia por importe máximo de douscentos vinte e cinco euros (225 €), polo gasto realizado nun medio de transporte público e sempre en clase turista. No caso excepcional de utilizar un vehículo particular a contía para indemnizar será de 0,19 euros por quilómetro, ata o máximo previsto.

De todos estes gastos os participantes deberán achegar a documentación xustificativa e farase cargo destas axudas a Secretaría Xeral de Emigración.

5. A Secretaría Xeral de Emigración tamén se fará cargo do traslado dos participantes do resto dos países, mediante o financiamento do 100% do custo dos billetes de transporte desde o seu lugar de orixe ata o aeroporto de destino en Galicia, así como os medios de desprazamento dos beneficiarios con retorno inmediato desde a instalación en que finalizan a actividade ata o aeroporto de saída. Salvo manifestación en contra dos beneficiarios, a Secretaría Xeral de Emigración farase cargo desta xestión.

6. A Secretaría Xeral de Emigración farase cargo dos gastos da viaxe daquelas persoas que acompañarán os grupos procedentes daqueles países con máis de 25 participantes, propostos polas respectivas entidades colaboradoras previstas no artigo 5º.2 coa conformidade dos pais ou titores dos menores.

7. Con carácter previo á realización da viaxe a Galicia, os mozos e mozas seleccionados asistirán ás sesións informativas que se realicen nos seus países de orixe, especificamente encamiñadas ao coñecemento da realidade galega en xeral e da actividade de campamento en particular. Tamén serán informados das súas obrigas respecto do cumprimento do réxime interno dos campamentos ou albergues en que serán aloxados.

Artigo 3º.-Beneficiarios.
Poderán ser beneficiarios deste programa os mozos e mozas que, residindo fóra de Galicia, cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter nacido en Galicia ou ser descendente de galego ata o segundo grao de consanguinidade.

b) Ter nacionalidade española.
c) Atoparse vinculado con calquera concello galego no censo electoral de residentes ausentes, para aqueles solicitantes que teñan 18 ou máis anos.

d) Ter unha idade entre 14 e 22 anos, o 30 de xuño de 2008, para os participantes en actividades de campamento.

e) Ter unha idade entre 18 e 30 anos, o 30 de xuño de 2008, para os participantes en campos de traballo.

f) No caso dos solicitantes de actividades de campamento, non ter participado en edicións anteriores deste programa.

g) Non contar a unidade económica familiar con ingresos superiores, en renda per cápita, a 2.5 veces o salario mínimo interprofesional ou equivalente, de referencia para 2008, do país de residencia do solicitante.

Artigo 4º.-Solicitudes e documentación.
1. Os solicitantes deberán presentar, no prazo indicado no artigo 5º.4, a solicitude conforme o modelo oficial que figura como anexo A desta resolución, acompañado da seguinte documentación:

a) Fotocopia do pasaporte ou DNI do solicitante.
b) Documentación acreditativa do nacemento en Galicia ou ascendencia galega ata o segundo grao de consanguinidade que inclúa documentación acreditativa do parentesco cando proceda.

c) Unha fotografía tamaño carné.
d) Certificación consular do solicitante, para acreditar a nacionalidade española e a inscrición no Rexistro de Matrícula como residentes, se estes extremos non quedan debidamente acreditados polo pasaporte.

e) Certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensión de calquera natureza que perciba o interesado e/ou membros da unidade económica familiar (ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade). No caso de imposibilidade de presentar esta documentación, poderá constituír documentación suficiente unha declaración xurada responsable (modelo no anexo C). Para estes efectos, entenderase por unidade económica familiar cando o beneficiario conviva con outras persoas unidas a el por matrimonio, por unión de feito, ou por lazos de parentesco de consanguinidade ou afinidade ata o segundo grao.

f) Certificado médico de non padecer enfermidade infecto-contaxiosa e de ser apto para participar, con normalidade, en actividades recreativas e deportivas.

g) Declaración de axudas solicitadas ou concedidas por outras administracións para a mesma actividade. A obtención desta axuda é compatible con outras para o mesmo fin, sen que en ningún caso a suma das axudas obtidas supere o 100% do custo da actividade.

Os solicitantes que foron admitidos a sorteo no ano 2007 non terán que presentar a documentación das letras: a), b), d).

2. Os solicitantes deberán acompañar debidamente cuberto o anexo B desta resolución, en que debe figurar:

a) Preferencia para o regreso en función da quincena en que vai participar.
b) Autorización para viaxar sós, asinada polos pais ou titores legais, para os menores de idade.

c) Unha autorización asinada polos pais ou titores legais para os participantes menores de idade que desexen quedar coa súa familia en Galicia ao rematar a actividade.

Artigo 5º.-Lugar e prazo de presentación.
1. As solicitudes presentaranse, xunto co resto da documentación, na Secretaría Xeral de Emigración ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (entre os que figuran as consellerías de Traballo e Asuntos Sociais, nas seccións de Traballo e Asuntos Sociais das oficinas consulares, así como nos consulados ou seccións consulares das embaixadas correspondentes ao domicilio ou residencia do solicitante). Así mesmo, poderanse presentar solicitudes na Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires.

2. Para a presentación destas solicitudes os interesados poderán utilizar o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, de conformidade co Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se procede á creación do Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e se regula a atención ao cidadán.

Os interesados que así o desexen poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se sinalan a continuación, para a presentación telemática das súas solicitudes:

* En Brasil:
-Peña Galega da Casa de España (Río de Janeiro).
-Real Sociedad Española de Beneficencia (Salvador-Bahía).
-Sociedade Hispano-Brasileira de Socorros Mutuos e Instrução (São Paulo).
-Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficente Rosalía de Castro (Santos).
* En Uruguai:
-Unión de Sociedades Gallegas (Montevideo).
* En Venezuela:
-Hermandad Gallega de Venezuela (Caracas).
A utilización desta vía requirirá unha autorización que o interesado lle outorga á persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude por vía telemática. Esa autorización farase constar no modelo de solicitude.

3. As entidades galegas remitiranlle todas as solicitudes recibidas, xunto co resto da documentación, á Secretaría Xeral de Emigración nos catro días seguintes á data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Este prazo só será ampliado logo de autorización da Secretaría Xeral.

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo fose sábado ou inhábil, o prazo prorrogarase ata o seguinte día hábil.

Artigo 6º.-Financiamento.
1. A Secretaría Xeral de Emigración financiará o custo deste programa con cargo á partida orzamentaria 04.50.312C.226.07.- Actuacións derivadas da Lei de galeguidade, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008. O importe total destinado a este fin será por unha contía de 449.400 euros, que poderá ser incrementado en función das dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 7º.-Instrución do procedemento.
1. A ordenación e instrución do procedemento correspóndelle á Subdirección Xeral de Programas Sociais.

2. Expirado o prazo de presentación de solicitudes e comprobado que as solicitudes reúnen os requisitos establecidos de conformidade co establecido nas bases anteriores, elaboraranse listas provisionais de admitidos e excluídos por países, sinalando as causas de exclusión. Estas listas serán publicadas no prazo máximo de 40 días desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, na páxina web da Secretaría Xeral de Emigración (http:www.galiciaaberta.com), e tamén estarán expostas nos taboleiros de anuncios das entidades colaboradoras citadas no artigo 5º.2.

3. Os interesados disporán dun prazo de dez días hábiles para formular as alegacións que consideren oportunas e para emendar a solicitude. Transcorrido ese prazo sen que se emenden as causas de exclusión considerarase desistido da súa petición, e procederase ao arquivo nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Transcorrido este prazo elaboraranse as listas de admitidos e excluídos que se publicarán na páxina web da Secretaría Xeral de Emigración (http: www.galiciaaberta.com) e tamén estarán expostas nos taboleiros de anuncios das entidades colaboradoras citadas no artigo 5º.2.

5. Nas actividades de campamento, elaborada a relación de admitidos e excluídos, e no caso de que o número de admitidos fose superior ao de prazas convocadas, a selección final de beneficiarios realizarase por sorteo público ante notario, axustándose o número de prazas ofertadas para cada país.

As prazas que queden vacantes á vista da relación do punto anterior distribuiranse proporcionalmente entre aqueles países que teñan un maior número de solicitudes admitidas en relación ás prazas ofertadas, e no correspondente tramo de idade.

6. No caso dos campos de traballo terán preferencia na selección aqueles solicitantes que non participasen anteriormente en actividades de campamento. Se o número de solicitudes admitidas que cumpren esta condición (non ter participado) fose inferior ao número de prazas convocadas, serán seleccionados sen necesidade de sorteo público, procedendo a sortear as prazas restantes entre aqueles solicitantes admitidos que xa participasen nas actividades de campamentos.

No caso de que o número de solicitudes admitidas que non participaran con anterioridade sexa superior ao número de prazas convocadas, será necesario o sorteo para proceder á súa selección.

7. En ambos os dous casos, os non seleccionados no sorteo pasarán a unha lista de reservas, e poderán substituír a aqueles seleccionados que renuncien á praza, nas condicións que determine a Secretaría Xeral de Emigración, para non prexudicar o normal desenvolvemento do programa.

8. No suposto de que algunha persoa presente solicitudes para a participación nas actividades de campamento e nos campos de traballo, estando as dúas admitidas, será seleccionada na modalidade que conte con menor número de solicitudes admitidas en relación ao número de prazas convocadas.

9. Unha vez realizada a selección de beneficiarios, o secretario xeral de Emigración ditará as resolucións oportunas e seranlle notificada aos interesados a adxudicación das prazas. Así mesmo, publicarase na páxina web www.galiciaaberta.com a relación de beneficiarios.

10. O prazo máximo para resolver será de seis meses, que comezará a contar desde a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

11. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio administrativo, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así mesmo, poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, no caso de resolucións desestimadas por silencio administrativo, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 8º.-Obrigas dos beneficiarios.
1. Con carácter xeral, os adxudicatarios das prazas convocadas por esta resolución quedan obrigados a someterse aos requisitos legais e regulamentarios que recolla a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións da Xunta de Galicia, en concreto ás recollidas na Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia.

2. Os adxudicatarios das prazas quedan obrigados a respectar as normas de réxime interior dos campamentos e albergues.

3. Os solicitantes prestan o seu consentimento para incluír e facer públicos, no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios e no Rexistro Público de sancións, creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas.

Os datos referidos integrarán un ficheiro do cal será responsable a Consellería de Economía e Facenda, ante quen se poderán exercitar os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición.

Salvo nos casos sinalados no artigo 9.4º do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a non autorización da obtención de datos ou a súa publicidade poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, se procede, ao reintegro do importe concedido.

4. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Secretaría Xeral de Emigración publicará na súa páxina web www.galiciaaberta.com a relación de beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude comporta a autorización para o tratamento necesario de datos dos beneficiarios e da súa publicación na páxina web www.galiciaaberta.com.

Artigo 9º.-Incompatibilidades, seguimento, modificación da resolución de concesión e revogación.

1. As axudas outorgadas ao abeiro desta convocatoria son compatibles con calquera outra axuda que lle puidese ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que vai levar a cabo o beneficiario.

2. A Secretaría Xeral de Emigración levará a cabo a función de control, avaliación e seguimento das axudas concedidas ao abeiro desta resolución. Para realizar as devanditas funcións poderán utilizarse cantos medios estean á disposición da Secretaría Xeral de Emigración para comprobar os requisitos exixidos nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación, para o cal os beneficiarios das axudas reguladas nesta resolución prestarán toda a colaboración que lles sexa requirida.

3. Os beneficiarios quedan obrigados a comunicarlle á Secretaría Xeral de Emigración, no momento en que se produza, calquera alteración dos requisitos exixidos na convocatoria ou de circunstancias sobrevidas, podendo a secretaría xeral adoptar a resolución de modificación da concesión que corresponda.

Así mesmo, estarán na obriga de prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das funcións de control que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ao Consello de Contas e Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control do destino destas axudas.

4. Procederá o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora, nos casos e nos termos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia.

Artigo 10º.-Recursos.
Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro 2008.
Manuel Luís Rodríguez González
Secretario xeral de Emigración
Corrección de erros
DOG 18/02/08
Ampliación do prazo de solicitudes