Axudas para estudantes universitarios galegos que cursan estudos fóra da nosa comunidade

Orde do 13 de febreiro de 2008 pola que se aproban as bases e se procede á convocatoria de axudas a estudantes universitarios con residencia en Galicia que cursan estudos oficiais fóra da nosa comunidade autónoma por non estaren implantados no sistema universitario de Galicia.
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, está a levar adiante unha política de asistencia económica aos estudantes que queda concretada en diversas accións, co obxecto de favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico. Nesta liña, con esta orde preténdese axudar a sufragar parte dos gastos que supón o desprazamento fóra da comunidade autónoma daqueles estudantes galegos que por non estar implantada no sistema universitario de Galicia a titulación que desexan cursar realizan estudos presenciais de carácter oficial e validez nacional nas universidades públicas de fóra de Galicia dentro do territorio español.

Cómpre subliñar que as axudas desta convocatoria son compatibles coas bolsas e axudas ao estudo de carácter xeral convocadas polo Ministerio de Educación e Ciencia, MEC. Como accións complementarias que son, cobren un ámbito de actuación común coas convocatorias de carácter nacional e un ámbito propio que, nalgúns casos e polas súas propias bases, permiten aumentar a cantidade da axuda que recibe o solicitante por parte do MEC.
DOGA 25/02/08