Axudas para actividades de inmersión lingüística no verán de 2008

Orde do 10 de xaneiro de 2008 pola que se convocan axudas en réxime de concorrencia competitiva dirixidas ao alumnado de centros sostidos con fondos públicos para realizar actividades de inmersión lingüística no verán de 2008.

A integración plena no contexto europeo exíxenos unha intercomunicación, tanto no plano cultural como no laboral, para a que o coñecemento de linguas estranxeiras se fai imprescindible. A Comisión Europea, dentro do seu programa de traballo «Educación e Formación 2010», considera que a comunicación nunha lingua estranxeira é unha das competencias clave para a sociedade do coñecemento. A competencia en, polo menos, dúas linguas estranxeiras é unha necesidade para os cidadáns do século XXI, pois contribúe de xeito esencial á súa formación integral. A Administración educativa galega, consciente do seu papel nesa tarefa de formación integral do alumnado, deseña actividades que lle proporcionen a oportunidade de enriquecer os seus coñecementos destas linguas e do seu contorno cultural.

Está recoñecido que a mellor maneira de acadar a competencia lingüística é mediante un proceso de inmersión en que a lingua vehicular sexa a lingua en proceso de aprendizaxe. Para que as familias galegas teñan a posibilidade de facilitar aos seus fillos e fillas o coñecemento doutras linguas e doutras culturas, ábrese este eixe de actuación ofrecendo actividades de inmersión lingüística que favorezan a mellora da competencia lingüística e fomenten o interese pola cultura.

DOG 17/01/08
Solicitudes