Axudas para a subministración aos alumnos de leite e determinados productos lácteos

Resolución do 20 de decembro de 2007 pola que se regula o procedemento para a concesión das axudas para a subministración aos alumnos de centros escolares de leite e determinados produtos lácteos e se convocan para o ano 2008.

O Regulamento (CE) nº 1255/1999, do Consello, do 17 de maio, establece a organización común de mercados (OCM) no sector do leite, coa conseguinte previsión no seu artigo 14 dunha axuda comunitaria para a subministración aos alumnos de centros escolares de determinados produtos lácteos transformados.

O Regulamento (CE) nº 2707/2000, da Comisión, do 11 de decembro, establece as modalidades de aplicación do antedito regulamento, no que atinxe á concesión dunha axuda comunitaria para a subministración de leite e de determinados produtos lácteos aos alumnos de centros escolares.

As modalidades de aplicación da axuda á subministración de leite e produtos lácteos aos alumnos de centros escolares establécense no Real decreto 194/2002, do 15 de febreiro.

Neste contexto a resolución do Fogga do 27 de decembro de 2005 (DOG nº 2, do 3 de xaneiro) estableceu o procedemento para a tramitación e concesión das axudas aos alumnos de centros escolares para o consumo de leite e determinados produtos lácteos no ámbito da nosa comunidade autónoma.

Porén, a última modificación do Regulamento (CE) nº 1255/1999 do Consello, do 17 de maio, introducida polo Regulamento (CE) nº 1152/2007, do Consello, do 26 de setembro, establece unha axuda a tanto global para todos os tipos de leite, co obxecto de simplificar o réxime do leite. Así como, dándose neste momento as circunstancias do inicio do novo curso escolar 2007-2008 e o incremento do custo do leite e de determinados produtos lácteos, fan necesario axustar o prezo máximo á situación actual, e en consecuencia ditar unha resolución que regule o procedemento de concesión destas axudas.

Esta resolución regula na súa sección I o procedemento para a tramitación e concesión das axudas para a subministración aos alumnos de centros escolares de leite e determinados produtos lácteos e na súa sección II a convocatoria das axudas para o ano 2008.

Ademais, ten en conta o procedemento para a tramitación e concesión de axudas nesta comunidade autónoma, de conformidade co previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG nº 121, do 25 de xuño) de subvencións de Galicia, así como no que resulta de aplicación a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; así como o Decreto 132/2006, do 27 de xullo, que regula os rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións administrativas, creados en virtude dos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Segundo a Lei 7/1994, do 29 de decembro, de creación do Fondo Galego de Garantía Agraria -Fogga- (denominado así en virtude da disposición adicional quinta da Lei 7/2002, do 27 de decembro, de medidas fiscais e de réxime administrativo -DOG nº 251, do 30 de decembro-), o Decreto 128/1996, do 14 de marzo, que a desenvolve, e o Decreto 562/2005, do 1 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Fondo Galego de Garantía Agraria, correspóndelle ao dito organismo, entre outras funcións, a execución da política da consellería en relación coas accións derivadas da aplicación da política agrícola común (PAC) e a concesión de axudas para o funcionamento das distintas organizacións comúns de mercados na Comunidade Autónoma de Galicia.

Tamén lle corresponde ao Fogga, en virtude da Orde do 4 de outubro de 2007 (DOG nº 196, do 9 de outubro), a función de organismo pagador dos fondos europeos agrarios en Galicia, de conformidade co previsto no Regulamento (CE) 1290/2005 do Consello, do 21 de xuño, e nas súas disposicións de aplicación.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de Autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confiren a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e tendo en conta o previsto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
1. Mediante esta resolución establécese na sección I, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, o procedemento para tramitar a concesión das axudas para a subministración aos alumnos de centros escolares de leite e de produtos lácteos transformados recollidos no anexo I desta resolución, de conformidade co previsto no artigo 14.1º do Regulamento (CE) nº 1255/1999, do Consello, do 17 de maio, e no Regulamento (CE) nº 2707/2000, da Comisión, do 11 de decembro, así como no Real decreto 194/2002, do 15 de febreiro.

2. Así mesmo, convócanse na sección II as ditas axudas para o ano 2008.
Sección I
Bases reguladoras
Artigo 2º.-Beneficiarios.
1. Serán beneficiarios desta axuda os alumnos que asistan regularmente aos centros ou establecementos escolares, recoñecidos polas autoridades competentes, dos seguintes niveis de ensinanza:

a) Educación infantil, incluídos os xardíns de infancia ou gardarías e outros establecementos de educación preescolar.

b) Educación primaria.
c) Educación secundaria, que comprenderá a educación secundaria obrigatoria, o bacharelato e a formación profesional de grao medio.

d) Educación especial.
2. As axudas concederanse para os días lectivos de desenvolvemento do curso escolar. O número de días lectivos, sen engadir os días de vacacións, será o establecido na Comunidade Autónoma de Galicia pola autoridade competente e, no caso de centros de educación infantil e de educación especial, poderán facerse extensivas aos días lectivos dos meses estivais en que estes centros permanezan abertos.

Os alumnos non se poderán beneficiar da axuda durante a súa estadía en colonias de vacacións organizadas polo centro escolar ou pola autoridade competente.

3. A axuda concederáselle a un solicitante autorizado conforme as disposicións do artigo 7º, para a subministración dos produtos lácteos previstos no anexo I.

Artigo 3º.-Produtos lácteos subvencionables e restricións.
1. A axuda concederase, exclusivamente, para os produtos lácteos a que se refire o anexo I, cando se consuman nas dependencias do establecemento escolar.

A concesión da axuda estará supeditada a que a vantaxe que representa repercuta directamente nos alumnos dos establecementos escolares.

2. Para tal efecto, non se poderán utilizar os produtos obxecto de subvención na confección de comidas, mentres non dispoña o Estado español de autorización da. Comisión Europea, nos termos previstos no artigo 2º.3 do Regulamento 2707/2000.

Ademais, prohíbese a utilización dos produtos obxecto de subvención no servizo de cafetaría dos centros escolares, así como a súa subministración nos ditos centros a través de catering, cociñas centrais, comedores colectivos, residencias de estudantes ou outros establecementos e sistemas semellantes.

3. A axuda concederase unicamente se os produtos previstos no anexo I cumpren os requisitos establecidos no Real decreto 640/2006, do 26 de maio, polo que se regulan determinadas condiciones de aplicación das disposicións comunitarias en materia de hixiene, da produción e comercialización dos produtos alimenticios; e en particular os relativos á fabricación nun establecemento autorizado e á marcación de identificación enumerados na sección I do anexo II do Regulamento (CE) nº 853/2004.

Artigo 4º.-Contía da axuda.
1. Os importes das axudas, por cada 100 quilos de produto de cada categoría, serán os especificados no anexo VIII para cada período.

2. Non obstante o anterior, no suposto de que a axuda sexa superior ao prezo de venda aplicado polo provedor con anterioridade á dedución da axuda, esta minorarase de xeito que se garanta que non supere o prezo do produto en cuestión.

3. No caso de que as cantidades de produtos subministrados se expresen en litros, a súa conversión en quilogramos efectuarase mediante a aplicación dun coeficiente de 1,03.

4. Coa finalidade de que a axuda repercuta directamente nos alumnos dos establecementos escolares, a respectiva resolución de convocatoria das axudas fixará, para cada curso escolar, no caso de que varíe, o prezo máximo que deberá pagar o alumno para os diferentes produtos subvencionables, de acordo co custo medio da materia prima e as modificacións que, se é o caso, se produzan na contía da axuda.

Artigo 5º.-Cantidade máxima subvencionable.
1. A axuda concederase pola cantidade máxima global de 0,25 litros de equivalente de leite por alumno e día lectivo.

Para a aplicación da cantidade máxima indicada no parágrafo anterior teranse en conta as cantidades globais de produtos lácteos susceptibles de axuda durante o período para o que se solicitase a dita axuda, así como o número de alumnos matriculados no centro escolar correspondente ou, no caso dos solicitantes previstos na letra c) do artigo 6º, sobre a base de alumnos inscritos na listaxe do solicitante.

2. No caso dos produtos das categorías VIII e IX previstas no anexo I, o cálculo sinalado no punto anterior efectuarase con base nas cantidades seguintes:

a) 100 kg de produtos da categoría VIII consideraranse equivalentes a 300 kg de leite enteiro.

b) 100 kg de produto da categoría IX consideraranse equivalentes a 765 kg de leite enteiro.

Artigo 6º.-Solicitantes da axuda.

Poderán solicitar a axuda:
a) O centro escolar.
b) As asociacións de pais de alumnos (APA) ou outra organización vinculada ao centro escolar, dentro do seu ámbito de actuación.

c) O provedor dos produtos.
Artigo 7º.-Autorización para subministrar os produtos subvencionados.
1. Os solicitantes de axudas que pretendan subministrar produtos lácteos por primeira vez a centros escolares situados na Comunidade Autónoma de Galicia deberán ser autorizados polo Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga). Os que xa obtiveran a autorización en anos anteriores solicitarán a súa validación. En ambos os dous casos presentarán unha solicitude con anterioridade ao 30 de novembro de cada ano, nos modelos a que se refire o punto 2 deste artigo e será resolta no prazo previsto no punto 3.

2. A solicitude de autorización efectuarase segundo o modelo que figura nos anexos II A (provedores) e II B (APAs e centros escolares), asumindo o solicitante os compromisos que se indican nos devanditos modelos, e presentarase na forma prevista no artigo 9º.1 desta resolución, xunto coa seguinte documentación:

a) Memoria técnica das instalacións de produción e distribución, se é o caso, e/ou almacenamento.

b) Certificación da inscrición no rexistro sanitario de alimentos, para o caso de que o solicitante sexa un provedor.

3. O correspondente servizo provincial do Fogga, á vista da solicitude e documentación presentadas, e logo da constatación de que o solicitante se atopa inscrito no Rexistro de Industrias Agrarias -no caso de que este sexa un provedor-, elevará, a través da delegación provincial do Fogga, a oportuna proposta ao director do organismo, para que este resolva sobre a solicitude de autorización no prazo de tres meses desde a presentación da solicitude, e entenderanse estimadas por silencio positivo aquelas que non sexan resoltas e notificadas no dito prazo.

4. A autorización poderá ser suspendida, por un período de un a doce meses, ou retirada, polo director do Fogga, en calquera momento, atendendo á gravidade da infracción, polo incumprimento dalgún dos compromisos asumidos polo provedor autorizado ou pola existencia das irregularidades previstas no artigo 11º desta resolución, logo de ponderar as circunstancias que concorran en cada caso. No suposto de retirada, transcorrido un período mínimo de, polo menos, seis meses, poderá concederse unha nova autorización, por instancia do interesado, logo de valorar os antecedentes que motivaron a retirada da anterior.

Artigo 8º.-Presentación de datos.
1. Entre os días un e quince, ambos os dous incluídos, do mes anterior ao inicio do servizo ao centro escolar, os solicitantes autorizados presentarán, no respectivo servizo provincial do Fogga, unha relación na cal figuren os datos correspondentes ao/s centro/s escolar/es e aos produtos que subministrarán a cada centro, axustada ao modelo do anexo V, acompañada da certificación de compromisos e de datos do centro, de acordo cos anexos III e IV.

2. Entre o día dezaseis e o derradeiro do mes anterior ao inicio do servizo, o respectivo servizo provincial do Fogga autorizará, se procede, o comezo da subministración aos centros escolares.

Artigo 9º.-Solicitude de pagamento da axuda.
1. As solicitudes de pagamento da axuda, debidamente asinadas, serán formalizadas polo solicitante autorizado, de acordo cos modelos previstos nos anexos VI e VII desta resolución, e presentaranse nos servizos provinciais do Fogga ou por calquera dos modos previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. O prazo de presentación das solicitudes rematará o último día do cuarto mes seguinte ao da subministración dos produtos. Non obstante, admitiranse as solicitudes presentadas no quinto e sexto mes seguinte, e reducirase o seu importe nun 5% se o atraso é inferior a un mes, e nun 10% nos demais casos.

3. Conforme o previsto no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Adminitración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellaría competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia, salvo que o solicitante denegue expresamente o consentimiento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

4. Coas solicitudes de pagamento da axuda achegaranse:
-As correspondentes facturas (orixinal ou copia compulsada), que reflectirán, por separado, o custo total de cada produto subvencionado (base impoñible máis IVE) e o importe da axuda, así como unha proba do seu pagamento.

-Certificado ou recibo do centro escolar das cantidades efectivamente subministradas.

-As certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellaría competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia, cando o solicitante denegue expresamente o consentimento segundo establece o punto 3 deste artigo.

Artigo 10º.-Controis.
1. O Fogga realizará inspeccións periódicas aleatorias, co obxectivo de comprobar a correcta aplicación do programa de leite escolar previsto nesta resolución. Para tal efecto, serán obxecto de control:

a) A calidade dos produtos subministrados.
b) A non-utilización dos produtos na confección das comidas.
c) A distribución correcta (lugar, horario, forma, repartidor, produto, etc.) a todos os alumnos participantes.

d) A observancia dos prezos máximos vixentes.
e) A observancia das cantidades máximas consumidas por cada alumno.
f) A contabilidade específica para este programa.
g) A comprobación da facturación en relación coa solicitude de pagamento das axudas.

h) Calquera outro aspecto necesario para determinar que a axuda repercute directamente en beneficio dos alumnos.

i) E, en xeral, a utilización dos produtos subvencionados de conformidade coas disposicións vixentes.

2. Os controis e inspeccións serán realizados por persoal do Fogga debidamente autorizado, que redactará a correspondente acta de inspección, na cal constarán, con claridade e detalle, as posibles irregularidades detectadas.

Artigo 11º.-Irregularidades.
1. A existencia de irregularidades na calidade dos produtos subministrados, se é o caso, ou distribución incorrecta a todos os alumnos participantes (lugar, horario, forma, distribuidor e produto); ou a utilización dos produtos durante a estadía dos alumnos en colonias de vacacións, o incumprimento dos prezos máximos vixentes, a superación das cantidades máximas de consumo por alumno e día lectivo, os erros cometidos na facturación e/ou na contabilidade, a falsidade de datos, a desviación dos produtos do seu destino e, en xeral, calquera impedimento, total ou parcial, para que a axuda repercuta directamente en beneficio dos alumnos, poderá implicar a suspensión ou retirada da autorización ou, se é o caso, a proposta de suspensión ou retirada, de acordo co previsto no punto 4 do artigo 7º desta resolución, sen prexuízo das responsabilidades de calquera tipo en que puidesen incorrer os responsables do centro escolar, APA e o provedor.

2. Sen prexuízo do anterior, a existencia de calquera irregularidade na execución do programa de leite escolar previsto nesta resolución poderá dar lugar á denegación ou minoración da axuda solicitada.

3. As medidas previstas nos dous puntos anteriores non se aplicarán nos supostos de forza maior, así como nos casos en que se determine que as irregularidades non se cometeron deliberadamente ou por neglixencia, sen prexuízo dos apercibimentos e inspeccións que correspondan.

Artigo 12º.-Tramitación e resolución das solicitudes de axuda.
1. Efectuados os controis pertinentes, os servizos provinciais do Fogga elevarán a oportuna proposta, a través da delegación provincial, ao director do Fogga, sobre as solicitudes presentadas, para que este dite a correspondente resolución.

2. O prazo máximo de resolución e pagamento das axudas será de catro meses desde que a solicitude de axuda entrou no servizo provincial do Fogga.

3. A falta de resolución expresa no prazo anterior, as solicitudes presentadas entenderanse desestimadas por silencio administrativo.

Artigo 13º.-Modificación da resolución de concesión.
1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas previstas nesta resolución e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O importe da axuda concedida non poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas, supere o custo dos produtos obxecto de subvención.

Artigo 14º.-Reintegro da axuda.
Procederá reintegro, total ou parcial, do importe da axuda e mais os xuros de mora producidos desde o seu pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 15º.-Recursos administrativos.
1. Contra as resolucións ditadas, en aplicación desta resolución, polo director do Fogga poderase interpoñer un recurso de alzada ante o presidente do dito organismo, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co disposto nos artigos 107, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Se a resolución non fose expresa, o prazo será de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

Artigo 16º.-Obriga de facilitar información.
Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento lle poidan exixir os órganos correspondentes do Fogga, os beneficiarios das axudas do programa de leite escolar teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polos órganos dependentes do organismo pagador, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lle sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Sección II
Convocatoria para o ano 2008 das axudas para a subministración de leite e produtos lácteos aos alumnos de centros escolares

Artigo 17º.-Condicións e finalidade.
As axudas que con esta resolución se convocan para o ano 2008 concederanse pola subministración, a través dun solicitante autorizado, dos produtos lácteos transformados sinalados no anexo I desta resolución aos alumnos que asistan regularmente aos centros escolares, de conformidade co previsto nos artigos 2º e 3º da sección I da antedita resolución pola que se establecen as bases reguladoras desta axuda.

Artigo 18º.-Solicitude de autorización como subministrador de produtos subvencionados.

1. Os novos solicitantes que queiran participar no programa de leite escolar deberán solicitarllo ao Fondo Galego de Garantía Agraria, segundo os modelos que figuran nos anexos II A (provedores) e II B (APAs e centros escolares) desta resolución, e ser autorizados para operar como tales, ao abeiro do disposto no artigo 7 da devandita resolución.

2. Os provedores xa autorizados polos órganos competentes, logo de validación, poderán participar no réxime das axudas previstas nesta sección.

Artigo 19º.-Proposta de subministración.
Os participantes no programa deberán presentar unha proposta de subministración de produtos lácteos a centros escolares e asumir os correspondentes compromisos, segundo o disposto no artigo 8º.1 desta resolución.

Artigo 20º.-Solicitudes de pagamento.
1. As solicitudes de pagamento presentaranse na forma e prazo dispostos no artigo 9º desta resolución e nos servizos provinciais do Fogga, ou por calquera dos modos previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. De acordo co establecido no artigo 9º.3 desta resolución, e tendo en conta o disposto na disposición transitoria terceira da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sobre exoneración da presentación dos xustificantes de acreditación de obrigas tributarias coa Seguridade Social e débedas coa Administración da comunidade autónoma, será a Lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2008 a que determinará, se é o caso, a exoneración da presentación dos citados xustificantes.

Artigo 21º.-Prezos máximos.
Para o curso escolar 2007-2008, de conformidade co establecido no artigo 4º.4 desta resolución, o prezo máximo que deberá pagar o alumno para os diferentes produtos subvencionables será o indicado no anexo IX desta resolución.

Artigo 22º.-Financiamento.
1. Esta convocatoria tramítase de acordo co previsto na orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, de tramitación anticipada de expedientes de gasto. O seu financiamento efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 11.90.713F.779.0, do proxecto do orzamento de gastos do Fogga para 2008, por importe de 300.000 euros.

2. En todo caso, a concesión das axudas condicionarase á existencia de crédito axeitado e suficiente e limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias, debendo procederse á tramitación do oportuno expediente de xeración e ampliación de crédito no caso de que a cantidade inicialmente consignada non resulte suficiente.

Disposicións adicionais
Primeira.-Sen prexuízo do previsto no artigo 11º desta resolución, seralles de aplicación aos beneficiarios das axudas reguladas nesta resolución o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións previsto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Segunda.-As solicitudes formuladas ao abeiro da Resolución do 30 de xaneiro de 2007 que aínda estean pendentes de resolución poderán terse en conta nesta convocatoria; a tramitación dos expedientes continuará no trámite en que se encontraban no momento da finalización do exercicio 2007.

A concesión e pagamento das axudas á subministración de leite e produtos lácteos previstas nesta resolución que se teñan que efectuar no exercicio seguinte realizaranse con cargo ao orzamento de gastos do Fogga dese exercicio na aplicación orzamentaria sinalada no artigo 22 desta resolución.

Terceira.-Nos termos establecidos no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Fogga publicará no DOG as axudas concedidas, agás no suposto previsto no artigo 15.2º c) en que poderán utilizarse outros procedementos para darlle publicidade. En calquera caso, de conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta resolución, polo que a presentación da solicitude de axuda leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, de ser o caso.

Cuarta.-A esta resolución resultaralle de aplicación o Regulamento (CE) nº 1255/1999, do Consello, do 17 de maio, polo que se establece a organización común de mercados no sector do leite, o Regulamento (CE) nº 2707/2000, da Comisión, do 11 de decembro, que establece as modalidades de aplicación do antedito Regulamento (CE), o Real decreto 194/2002, do 15 de febreiro, polo que se fixan as modalidades de aplicación da axuda á subministración de leite e de derminados produtos lácteos, a Lei 38/2003, xeral de subvencións, e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será de aplicación desde o 1 de xaneiro de 2008.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2007.
Edelmiro López Iglesias
Director do Fondo Galego de Garantía Agraria
DOG 7/01/08
DOG 3/03/08