Axudas para a cobertura do custo de procesos de mediación familiar en Galicia

Orde do 24 de outubro de 2007 pola que se regulan as axudas para a cobertura do custo de procesos de mediación familiar en Galicia e se procede á súa convocatoria.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á comunidade autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social. A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, inclúe no seu artigo 5.3º b), como unha das áreas de actuación, os servizos de familia, infancia e mocidade, séndolle atribuídas competencias neste sector á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar a través do Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. Así mesmo, a Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, da infancia e da adolescencia establece, noseu artigo 15 a), como unha medida de prevención de posibles situacións de risco, o apoio á infancia e á adolescencia a través de medidas técnicas dirixidas a cubrir as necesidades básicas e a mellorar o contorno familiar. Así mesmo, no artigo 12 a) establece a obriga dos poderes públicos de desenvolver actuacións preventivas e asistenciais que garantan servizos de información e asesoramento ás familias que, entre outras cousas, procuren a busca de solucións adecuadas ás distintas problemáticas que poden darse no seo da familia.

A mediación familiar regulouse en Galicia por medio da Lei 4/2001, do 31 de maio, como unha actividade de interese público promovida pola Xunta de Galicia en razón da indubidable utilidade pública que representa a axeitada organización e prestación deste servizo para as familias e as unidades de convivencia estable. O artigo 17 da lei determina que correspode
exercer a consellería competente en materia de familia, entre outras funcións, a de facilitar o acceso a esta institución como medida de apoio ás familias nas situación de conflito.

Posteriormente o Decreto 159/2003, do 31 de xaneiro, polo que se regula a figura do mediador familiar, creou o Rexistro de Mediadores Familiares de Galicia e estableceu o recoñecemento da mediación gratuíta, recollendo a posibilidade de asinar convenios de colaboración cos correspondentes colexios profesionais ou asociacións para atención da mediación gratuíta.

Despois da experiencia dos anos de funcionamento do programa de mediación familiar, e debido á súa insuficiente rendibilidade no que a número de casos atendidos se refire, fai que sexa necesario impulsar un maior coñecemento e aproveitamento social deste recurso e achegalo a toda a cidadanía, polo que cómpre establecer unha liña de axudas de cobertura de custo dos procesos de mediación familiar (Mediagal) como medio de garantir os dereitos de todos os membros das familias.

Esta orde adáptase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE do 18 de novembro), así como ao seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo (BOE do 25 de xullo), así mesmo, adáptase ao disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financiero orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, así como á Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG do 25 de xuño), de subvencións de Galicia, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade, non-discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos e os demais requisitos exixidos na Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007.

As axudas que se establecen no articulado desta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 05.20.312A.481.1, recollida na Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, destinándose un importe de 68.000 euros, que poderán ser obxecto de incremento segundo a demanda e a dispoñibilidade orzamentaria. Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto a convocatoria e a aprobación das bases polas que se rexe a concesión de axudas económicas para a cobertura dos custos dos procesos de mediación familiar que se realicen dentro do marco do programa Mediagal de «mediación familiar galega» ao longo do ano 2007.

Artigo 2º.-Tipo de axuda.

A axuda convocada consiste na cobertura do custo dun proceso de mediación familiar cun máximo de seis sesións, mediante a adxudicación e entrega ás persoas beneficiarias de cheques de servizo gratuíto cun valor nominal de 40 euros por sesión de mediación e ata un máximo de 240 euros.

Artigo 3º.-Persoas beneficiarias.

Poderán ser beneficiarias as persoas residentes en Galicia unidas por vínculo matrimonial ou que forman unha unión estable de parella, que se atopen nun proceso de separación, divorcio ou nulidade do matrimonio ou ben de ruptura da unión, así como en conflitos de convivencia e que iniciasen ou solicitasen a iniciación dun proceso de mediación a partir do 1 de outubro de 2007 con algún dos e das profesionais inscritas ou inscritos no Rexistro de Mediadiorese Mediadoras de Galicia e estean adheridos ao programa Mediagal de mediación familiar galega.

Artigo 4º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes de axuda presentaranse mediante instancia segundo o modelo oficial (anexo I) subscrita polas persoas solicitantes xunto coa seguinte documentación:

a) Fotocopiado DNI ou NIE da persoa solicitante e do seu cónxuxe ou parella.

b) No caso de matrimonios, copia do libro de familia, noutro caso, declaración xurada de convivencia (modelo anexo II), no caso de que non figure en poder da Adminsitración.

c) Certificado de empadroamento das persoas solicitantes.

d) Declaración xurada de non percibir axudas para igual ou análoga finalidade outorgadas por outras administracións públicas ou, de ser o caso, relación das solicitadas.

e) A acreditación do inicio ou solicitude de inicio do proceso de mediación que xustifica a solicitude de axuda será comprobada de oficio pola Administración mediante a consulta das solicitudes de designación de profesionais mediadores.

Artigo 5º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse no rexistro da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar ou das delegacións provinciais da Igualdade e do Benestar, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo para a solicitude da axuda permanecerá aberto desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 10 de decembro de 2007.

3. Se a documentación exixida no artigo 5º desta orde non estivese completa requiriranse os solicitantes, para que no prazo de 10 días, acheguen os documentos preceptivos con indicación de que se así non se fixese considerarase que desisten da súa petición.

Artigo 6º.-Resolución.

1. Correspóndelle á Secretaría Xeral da Igualdade, a resolución destas axudas por delegación do vicepresidente da Igualdade e do Benestar de conformidade co establecido no artigo 7 Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG do 25 de xuño), de subvencións de Galicia.

A antedita resolución terá lugar no prazo de 10 días, contado a partir do día seguinte ao da recepción da solicitude no Rexistro da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.

2. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da dita resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con anterioridade á interposición
do referido recurso contencioso-administrativo,poderá interpoñerse recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución. Neste caso non poderá interpoñerse o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou por desestimación presunta o recurso de reposición.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 7º.-Procedemento de materialización da axuda. As persoas beneficiarias, xunto coa resolución de concesión, recibirán cheques de servizo cun valor nominal de 40 euros por sesión de mediación, ata un máximo de 240 euros. A axuda materialízase mediante a entrega dos cheques servizo correspondentes ao/a mediador/a designado/ a para o proceso pola súa intervención profesional. A realización da mediación xustificarase coa factura do servizo e coa acta final que puxo fin á mediación asinada polo/a mediador/a e polas partes solicitantes da mediación, que serán achegados polo mediador xunto cos cheques servizo para o seu aboamento á Secretaría Xeral da Igualdade ou, se é o caso, ao seu colexio profesional cando tivese asinado convenio de colaboración coa Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar para o desenvolvemento do programa Mediagal de mediación familiar. Os cheques servizo serán efectivos a partir da data que se fixe na resolución e terán unha validez limitada ao ano 2007.

Artigo 8º.-Obrigas das persoas beneficiarias.

As persoas beneficiarias destas axudas quedan obrigadas a observar o disposto no artigo 11 da

Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG do 25 de xuño), de subvencións de Galicia e ademais especificamente a:

a) Destinar os cheques servizo á finalidade para a que se concede.

b) Comunicar calquera alteración das condicións que motivaron o seu otorgamento.

Artigo 9º.-Reintegro.

Procederá o reintegro, total ou parcial, das axudas públicas, xunto cos xuros de demora devengados segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG do 25 de xuño), de subvencións de Galicia nos seguintes casos:

a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto ou non-adopción do comportamento que fundamentan a concesión da subvención.

c) Incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente, nos termos establecidos no artigo 28 desta lei e, se é o caso, nas normas reguladoras da subvención.

d) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no apartado 3º do artigo 15 desta lei.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 desta lei, así como o incumprimento

das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a
concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) Incumprimento das obrigas impostas pola Administración ás entidades colaboradoras e aos beneficiarios, así como dos compromisos por estes asumidos,con motivo da concesión da subvención, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que se conseguen os obxectivos, se realiza a actividade, se executa o proxecto ou se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

g) Incumprimento das obrigas impostas pola Administración ás entidades colaboradoras e aos beneficiarios, así como dos compromisos por estes asumidos, con motivo da concesión da subvención, distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

h) Adopción, en virtude do establecido nos artigos 87 a 89 do Tratado da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

i) Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

Disposicións adicionais

Primeira.-Apróbase a delegación de atribucións do vicepresidente da Igualdade e do Benestar na secretaria xeral da Igualdade para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento, en relación co disposto no artigo 73 a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Segunda.-A concesión destas axudas terá como límite global as dispoñibilidade orzamentarias consignadas para esta finalidade.

Terceira.-Sen prexuízo do disposto no título sexto da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais, as persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da da Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG do 25 de xuño), de subvencións de Galicia.

Cuarta.-As axudas concedidas ao abeiro desta orde non se publicarán por ser un dos supostos de excepción contidos no artigo 13.6º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Secretaría Xeral da Igualdade para ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Anexos

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2007.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar