Axudas a profesores e alumnos de Formaciòn Profesional

Orde do 20 de decembro de 2007 pola que se convocan axudas para alumnos e profesores de formación profesional de centros docentes sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, que participen en estadías en empresas de ámbito transnacional.

A mobilidade transnacional das persoas que desexan formarse ou contribuír a actividades de formación noutros países permite a mellora das competencias socias dos individuos mediante a aprendizaxe da comunicación e a vida en sociedade, aumenta o respecto á diversidade e fomenta o aumento das competencias lingüísticas e profesionais.

No ámbito profesional a mobilidade é un medio privilexiado de lograr un espazo de emprego e traballo europeo, xa que lle dá a cada individuo a posibilidade de adquirir coñecementos teóricos, prácticos e de comportamento e, dun xeito máis amplo, competencias e cualificacións adaptadas ao espazo sen fronteiras da Unión Europea e á apertura a outros países.

No marco das relacións escola-empresa existen proxectos de colaboración por medio de estadías prácticas en empresas ou institucións. O intercambio de experiencias e as estadías formativas en centros educativos e empresas doutros países son aspectos esenciais para adquirir a visión dun mercado global no que a vida laboral se desenvolve sobre os principios de mobilidade e libre circulación dos traballadores.

Dado que a colaboración con centros educativos doutros países resulta fundamental como medio eficaz de facilitar o desenvolvemento de capacidades do alumnado no ámbito profesional e que as axudas económicas provenientes de programas da Unión Europea resultan insuficientes para atender a forte demanda dos centros da nosa comunidade autónoma, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convoca axudas para a realización de estadías formativas de alumnos e profesores, co fin de posibilitar a mellora da súa competencia profesional.

Así mesmo, o actual proceso de xeralización da formación profesional, estruturada en ciclos formativos e nos que se establece con carácter obrigatorio e avaliable un período de formación en centros de traballo, fai necesario que os profesores e alumnos teñan un coñecemento directo dos procesos produtivos e das novas tecnoloxías utilizadas que, en moitos casos, non se poden coñecer en empresas do contorno inmediato.

En consecuencia co anteriormente exposto, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Obxecto da convocatoria.

Convócanse axudas dirixidas a alumnos e profesores de formación profesional de centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia, sostidos con fondos públicos, que participen en estadías en empresas doutros países durante o ano 2008. Estas axudas concederanse con cargo á partida orzamentaria 09.03.422M.480.0 por un importe total máximo de 220.700 euros.

O gasto que se proxecta está condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos do exercicio do ano 2008, en trámite parlamentario. Esta orde tramítase ao abeiro da Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG do 19 de febreiro), pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto.

Segundo.-Destinatarios.

Poderán solicitar estas axudas os alumnos e profesores de ciclos formativos de formación profesional a través dos centros docentes non universitarios sostidos con fondos públicos.

Terceiro.-Modalidades de axudas.
1. Visitas preparatorias do profesorado responsable da estadía de alumnos na empresa ou centro escolar receptor, co obxecto de facilitar os acordos de colaboración e a preparación axeitada do proxecto.

2. Estadías formativas de alumnos en empresas e centros educativos de formación profesional de países estranxeiros para completar a súa formación práctica e as súas competencias lingüísticas a nivel profesional.

3. Estadías formativas de profesores en empresas e centros educativos de formación profesional de países estranxeiros, para completar a súa formación práctica.

Cuarto.-Requisitos.
1. As estadías formativas de alumnos deberán estar integradas na programación anual do centro. O seu obxectivo básico será o perfeccionamento profesional dos profesores e/ou alumnos.

2. As axudas determinaranse en función dunha contía máxima semanal por alumno/profesor en concepto de reintegro de gastos de transporte, mantenza e aloxamento, tendo en conta a distancia entre os centros, o orzamento global da estadía formativa e a calidade e interese das actividades que se van realizar.

3. As visitas preparatorias serán realizadas por un só profesor de cada centro educativo e terán unha duración máxima dunha semana, agás casos excepcionais debidamente xustificados.

4. As estadías formativas de alumnos en empresas terán unha duración mínima de dúas semanas e máxima de nove, e deberán contar cun titor que supervise o programa formativo que se vai desenvolver. Este deberá estar relacionado coa especialidade que cursen os alumnos. En ningún caso a realización das prácticas suporá relación laboral ou administrativa. A estadía pode formar parte do módulo de formación en centros de traballo (FCT) sempre que se solicite a correspondente autorización expresa da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais con corenta e cinco días naturais, de acordo co establecido na Orde do 24 de maio de 2005 pola que se regula o desenvolvemento de estadías formativas en empresas fóra do Estado español (DOG do 13 de xuño).

5. As estadías formativas de profesores en empresa terán unha duración mínima dunha semana e máxima de catro. Os beneficiarios deberán pertencer a algunha das especialidades do profesorado para impartir módulos de formación profesional específica, segundo o Real decreto 1635/1995, do 6 de outubro, e o Real decreto 777/1998, do 30 de abril, ou estaren adscritos a prazas dalgunha das especialidades indicadas, así como para aqueles que estean impartindo clases en formación profesional específica. En todo caso, a estadía solicitada estará directamente relacionada coa súa actividade docente.

Quinto.-Solicitudes.
1. O prazo de presentación de solicitudes, perante a Dirección Xeral de FP e EE, será dun mes contado a partir do día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes tramitaranse de acordo co modelo establecido no anexo I desta orde e irán acompañadas da documentación que se indica a continuación:

2.1. Axudas para visitas preparatorias:

-Orzamento da viaxe.

-Proposta do proxecto do centro galego, co visto e prace do director.

-Documento de aceptación do centro receptor.

-Certificación de ter ou non ter subvención ou axuda para a mesma finalidade procedente de calquera outra Administración ou ente público.

-Declaración responsable de que os beneficiarios non incorren nos supostos previstos nos puntos 2 e 3, do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2.2. Axudas para estadías de alumnos en empresas:

-Proxecto pedagóxico da estadía, indicando os obxectivos da viaxe, empresas onde se realizarán as prácticas, sistemas de seguimento e preparación que seguirán os alumnos participantes, incluíndo as clases de reforzo de lingua estranxeira.

-Certificación do director do centro ou centros escolares na que conste que a actividade está recollida na programación anual do centro.

-Declaración xurada do director na que se fará constar a contratación dunha póliza de seguros que cubra o desprazamento e responsabilidade civil dos alumnos no estranxeiro. Poderá substituírse por unha certificación no caso de que os alumnos estean en poder do carné xove en vixencia.

-Calendario de actividades.

-Nome do profesor coordinador.

-Listaxes dos alumnos participantes segundo o anexo IV.

-Orzamento detallado dos gastos da viaxe ao país que se visita, aloxamento e mantenza. Deberase indicar o custo global por alumno e o custo global por grupo.

-Documento de aceptación do centro receptor.

-Certificación de ter ou non ter subvención ou axuda, para a mesma finalidade, procedente de calquera outra Administración ou ente público.

-Declaración responsable de que os beneficiarios non incorren nos supostos previstos nos puntos 2 e 3, do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2.3. Axuda para estadías de profesores en empresas:

-Certificación de servizos, segundo o anexo III e méritos alegados segundo o baremo do anexo II.

-Proxecto de formación na empresa, indicando os datos da empresa, relación coa familia profesional, obxectivos da estadía e descrición das actividades que se realizarán.

-Calendario e nomes dos participantes.

-Orzamento.

-Documento de aceptación do centro receptor.

-Declaración responsable de que os beneficiarios non incorren nos supostos previstos nos puntos 2 e 3, do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

-Certificación de ter ou non ter subvención ou axuda, para a mesma finalidade, procedente de calquera outra Administración ou ente público.

3. No caso dos centros privados concertados ademais da correspondente documentación deberase formalizar un convenio de colaboración no que se nomeen como entidades colaboradoras a estes, de acordo co establecido no artigo 13 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Unha vez recibida a solicitude, a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais solicitará un informe ao Servizo Provincial de Inspección Educativa, que será preceptivo á hora de valorar a autorización da solicitude, e que deberá ser remitido no prazo de cinco días hábiles.

5. De conformidade cos artigos 14, 15 e 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención polo interesado levará consigo a autorización á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para recadar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, se fose necesario; igualmente levará implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos básicos dos beneficiarios e da súa publicación na páxina web da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, así como para figurar no rexistro público de axudas, subvencións e convenios. O dito rexistro será de acceso público por procedementos informáticos, nos termos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na Lei orgánica 15/1999, do 17 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Sexto.-Condicións de realización.

1. Os profesores e alumnos realizarán durante a súa estadía na empresa o horario produtivo que esta teña establecido. No caso de alumnos, tanto o horario coma o período de realización das actividades de formación, axustaranse ao establecido na Resolución do 27 de xuño de 2005 (DOG do 8 de xullo).

2. Durante o período de estadía na empresa ou en institucións, os profesores estarán acollidos á Mutualidade de Funcionarios Civís do Estado; se estivesen acollidos ao Sistema Nacional de Seguridade Social terán cuberto o risco de enfermidade cubrindo o formulario E111, que deberá xestionar cada participante. En todo caso, os alumnos e profesores que participen nas estadías deberán estar cubertos por un seguro de accidentes e responsabilidade civil contratado polo centro e incluído na bolsa que reciban.

3. Durante o período de estadía formativa en empresas, os alumnos e os profesores non terán vínculo ou relación laboral coa empresa ou institución de acollida, nin poderán ocupar un posto de traballo dentro do seu cadro de persoal, polo que quedarán excluídos da lexislación laboral.

4. A Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais remitiralles ás delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria unha relación dos centros educativos que están realizando as estadías formativas nas empresas.

5. A concesión de autorización para estadías en empresas implicará a incompatibilidade con calquera outra actividade pública ou privada.

6. O período de realización das actividades recollidas nesta orde será desde o 1 de xaneiro de 2008 ata o 30 de novembro de 2008.

Sétimo.-Presentación de solicitudes.

1. As solicitudes, asinadas polo director do centro, estarán dirixidas á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais e presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, edificio administrativo de San Caetano- 15771, Santiago de Compostela. Tamén poderán utilizarse para a presentación de solicitudes calquera das dependencias previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que optasen por presentar a súa solicitude nunha oficina de correos, farano en sobre aberto para que a instancia sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de ser certificada.

2. De acordo co establecido no artigo 71 da citada Lei 30/1992, do 26 de novembro, naquelas solicitudes que non se acheguen os requisitos exixidos, requirirase ao interesado para que, nun prazo de dez días, emende as faltas ou presente os documentos preceptivos; de non facelo, considerarase que desistiu da súa petición e arquivarase o expediente.

Oitavo.-Axuda económica.

1. Durante a estadía na empresa os profesores seleccionados recibirán os emolumentos correspondentes ás súas retribucións básicas e complementarias.

2. Os reintegros de gasto correspondentes ao alumnado de centros públicos e privados concertados, así como do profesorado de centros privados concertados, en concepto de transporte, mantenza e aloxamento, concederanse tendo en conta a duración, a distancia e o nivel de vida dos países aos que se desprazan os beneficiarios, conforme os seguintes baremos.

Ver referencia pdf "00300D005P018.PDF"
3. As visitas preparatorias do profesorado de centros públicos seleccionados aboaranse de acordo co Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razóns de servizo do persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

4. As estadías formativas do profesorado de centros públicos seleccionados aboaranse de acordo co establecido no Decreto 202/2002, do 6 de xuño, sobre indemnizacións pola elaboración, con carácter non permanente nin habitual, nas actividades formativas organizadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e dirixidas ao profesorado de niveis non universitarios.

Décimo.-Comisión de selección e criterios de valoración dos proxectos.

1. As solicitudes serán avaliadas por unha comisión de selección integrada polos seguintes membros:

Presidente: o subdirector xeral de Ensinanzas Especiais e Formación Permanente.

Vogais: o subdirector xeral de Formación Profesional, o xefe de Servizo de Xestión Integrada de Recursos, Formación en Empresas e Orientación Laboral, o xefe de Servizo de Xestión Económica e Educación de Adultos e un inspector educativo.

Secretario/a: un/unha funcionario/a da subdirección xeral.

2. A comisión reunirase para seleccionar os proxectos tendo en conta os seguintes criterios:

a) Non ter recibido esta axuda, nin outras similares, nas tres últimas convocatorias: 3 puntos.

b) A calidade do proxecto pedagóxico, ata 7 puntos, segundo os seguintes baremos:

b.1) Definición dos obxectivos: ata 2 puntos.

b.2) Xustificación da pertinencia do proxecto: ata 2 puntos.

b.3) Descrición do programa de traballo: ata 3 puntos.

c) No caso de estadías de profesores a selección axustarase ao baremo establecido no anexo II desta convocatoria.

3. A comisión de selección elaborará a súa proposta de adxudicación de subvencións, que elevará á conselleira de Educación e Ordenación Universitaria para que resolva o que proceda.

Décimo primeiro.-Comunicación.

1. A concesión ou denegación da axuda resolverase por orde da conselleira de Educación e Ordenación Universitaria e publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web www.edu.xunta.es/ea. Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

2. As solicitudes entenderanse denegadas de non ditarse resolución expresa no prazo de seis meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

Décimo segundo.-Prazos dos pagamentos.

Para as axudas concedidas que non superen o importe de 6.000 euros e logo da aceptación da subvención, poderá acordarse un anticipo de pagamento de ata un 80%; o 20% restante librarase unha vez finalizada e xustificada a actividade. Nas axudas que superen esta cantidade, o pagamento realizarase integramente unha vez rematada e xustificada a actividade.

Décimo terceiro.-Xustificación da actividade.

1. Rematada a actividade obxecto da axuda, o centro docente deberá, de acordo co establecido no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tramitar a seguinte documentación, no prazo máximo dun mes:

a) Certificación do consello escolar do centro aprobatoria das contas.

b) Relación de gastos efectuados, selada e asinada polo director do centro.

c) Certificación de ter ou non ter subvención ou axuda para a mesma finalidade procedente de calquera outra Administración ou ente público.

d) Certificación do director do centro no que se faga constar a empresa ou centro de acollida e as datas exactas de duración da estadía, o nome e número do DNI dos alumnos e/ou dos profesores participantes, indicando no caso dos profesores se é coordinador ou participante na estadía.

e) Xustificación da totalidade do custo da viaxe de acordo coa axuda concedida. O importe da subvención nunca poderá superar illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da actividade desenvolvida polo beneficiario, tal como dispón o artigo 17.3 da citada Lei 9/2007. No caso de que o custo final sexa inferior á axuda concedida deberase minorar a axuda en proporción á axuda xustificada.

f) Memoria en formato papel ou informático do traballo realizado durante a estadía no país de acollida que incluirá os seguintes datos:

f.1. Visitas preparatorias.-Obxectivos acadados de cara á realización do proxecto, incluíndo un breve resumo deste: descrición, datas de realización, etc.

f.2. Estadías de alumnos.-Programación e avaliación das actividades realizadas na estadía con descricións de procesos produtivos, tecnoloxías utilizadas, posibilidade de realización doutras estadías e aspectos positivos e negativos que hai que considerar.

f.3. Estadías de profesores.-Certificación da empresa ou centro de acollida na que se indiquen as datas e as características da estadía realizada. Memoria do traballo individual desenvolvido, no que se farán constar, entre outros, os seguintes aspectos:

a) Descrición do proceso produtivo. Perfís profesionais que participan, diferenciados segundo os niveis de cualificación.

b) Realizacións máis significativas de cada perfil profesional.

c) Tecnoloxías utilizadas e a súa presenza no equipamento de cada ciclo formativo (Valoración da súa necesidade ou conveniencia de incorporalo).

d) Cambios que se prevén no sistema produtivo (Evolución da competencia profesional).

e) Programa de formación en centros de traballo que se podería realizar nesa empresa e nos diferentes ciclos formativos da súa familia profesional.

f) Posible formación do profesorado que podería desenvolver a empresa ou traballadores que poderían colaborar no plan de formación do profesorado de formación profesional específica.

g) Valoración da estadía de formación: aspectos positivos e aspectos que se deben mellorar.

2. Os proxectos e traballos realizados polos centros seleccionados quedarán en poder da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, reservándose o dereito de difundir os traballos realizados en función da súa orixinalidade e pasando a formar parte dos fondos documentais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Décimo cuarto.-Modificación da resolución de concesión das axudas.

De acordo co establecido no artigo da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a non xustificación da axuda percibida, así como calquera outra alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á revogación ou modificación da resolución da concesión, e levará consigo o reintegro total o parcial, da contía percibida.

Décimo quinto.-Recoñecemento das actividades realizadas.

De conformidade coa Orde do 1 de marzo de 2007, pola que se regula a convocatoria, recoñecemento, certificación e rexistro das actividades de formación do profesorado e se establecen as equivalencias das actividades de investigación e das titulacións, a participación en programas internacionais poderá ter os efectos correspondentes a actividades de formación permanente, expedindo para tal efecto a Dirección Xeral Formación Profesional e Ensinanzas Especiais as certificacións correspondentes, unha vez presentada a memoria e a acta correspondente que se atopará en www.edu.xunta.es/ea, conforme as seguintes equivalencias:

1. Estadías de profesorado en empresas no estranxeiro:

a) Estadías formativas ata 3 semanas de duración: 20 horas de formación.

b) Estadías formativas entre catro e seis semanas de duración: 35 horas de formación.

2. Coordinador da organización das estadías dos alumnos: 50 horas de formación.

Décimo sexto.-Retirada de documentación.

Durante o mes de decembro de 2008 os profesores solicitantes poderán retirar a súa documentación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (edificio administrativo de San Caetano, 15771 Santiago de Compostela), directamente ou a través dapersoa autorizada. Transcorrido o prazo, entenderase que renuncian á súa recuperación, perdendo todo dereito sobre ela.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para adoptar os actos e medidas necesarias no desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Réxime de recursos.

Contra este orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde o día seguinte ao da súa publicación, e potestativamente o recurso previo de reposición perante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes.

Terceira.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2007.

Laura Sánchez Piñón
Conselleira de Educación e Ordenación
Universitaria