Axudas a entidades sen ánimo de lucro para a adquisición de equipamento audiovisual

Resolución do 31 de decembro de 2007, da Secretaría Xeral de Comunicación, pola que se convocan axudas a entidades sen ánimo de lucro para a adquisición de equipamento audiovisual e multimedia e para crear medios de información electrónica, para o ano 2008.

A Secretaría Xeral de Comunicación ten entre as súas competencias a de promoción de todos os aspectos que poidan derivar da aplicación das novas tecnoloxías no eido da comunicación.

As actividades que desenvolven as entidades sen ánimo de lucro constitúen unha área propicia para aproveitar as vantaxes e potencialidades das novas tecnoloxías da comunicación e información, polo que cómpre facilitarllelas a aquelas entidades que, polas funcións que realizan e a finalidade que perseguen, necesitan facer uso de ferramentas tecnolóxicas para unha maior eficacia das súas actividades.

Por iso, preténdese continuar coa liña de subvencións que persegue como obxectivo a adquisición de equipamento audiovisual e multimedia, por parte daquelas entidades sen ánimo de lucro, que se traduza en axudas para a adquisición do equipamento audiovisual e multimedia necesario para o desenvolvemento das súas actividades no eido da comunicación.

Tamén se continúa coa liña de axudas para entidades sen ánimo de lucro dirixida a potenciar a creación de medios de información electrónica para que esas entidades creen a súa propia páxina web en galego desde a que se faga divulgación e difusión das actividades que realizan.

Como consecuencia das súas especiais características, vinculadas especificamente á promoción do sector audiovisual galego e á súa situación en moitos casos en poboacións de mediano ou gran tamaño, os cineclubs quedan eximidos do cumprimento de certos requisitos, segundo se prevé no artigo 2º desta resolución, para os efectos de favorecer a participación deste tipo de entidades, carentes xeralmente de medios económicos e infraestruturas suficientes.

Por todo isto, en virtude da desconcentración de competencias operada pola disposición adicional 2ª c) do Decreto 44/2006, do 2 de marzo,

DISPOÑO:

Bases para a concesión das subvencións.
Artigo 1º.-Obxecto.
1. Convócanse dúas liñas de subvención, mediante réxime de concorrencia competitiva, para o ano 2008, dirixidas a entidades sen ánimo de lucro, para:

-Modalidade A: adquisición durante o ano 2008 de equipamento audiovisual, multimedia e outros de natureza análoga necesarios para o desenvolvemento das súas actividades; adquisicións de ordenadores persoais, cando vaian ser destinados pola entidade beneficiaria a actividades de carácter audiovisual, e/ou equipos de comunicación que permitan a conexión aos servizos da internet.

En todo caso, terán como finalidade servir de ferramenta para que a entidade desenvolva axeitadamente as súas actividades no eido da comunicación.

-Modalidade B): crear unha páxina web en galego na internet para a anualidade 2008, que deberá estar referida á entidade solicitante e ás actividades que desenvolve; os contidos da web son da responsabilidade da entidade solicitante da axuda.

A páxina web deberá estar nun dominio propio cun primeiro nivel que sexa «.es» ou «.org». Terá como finalidade servir para facer divulgación e difusión das actividades que realiza a entidade.

2. Quedan excluídos destas axudas a instalación do equipamento e os gastos derivados do acceso e servizo da internet.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán optar a estas subvencións as entidades sen ánimo de lucro que estean legalmente constituídas no momento da publicación desta convocatoria, que persigan finalidades de interese xeral non empresarial, dispoñan dun establecemento aberto para a realización das devanditas actividades, e que teñan o seu domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia, en concellos cunha poboación de dereito igual ou inferior a 30.000 habitantes.

Estes requisitos non se lles exixen a aquelas entidades sen ánimo de lucro que xestionen a actividade de cineclub.

Artigo 3º.-Motivos de exclusión.

1. Quedan excluídos os solicitantes que:

a) Anteriormente recibisen algunha outra subvención das que xestiona a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual e que non xustificasen o seu investimento dentro dos prazos previstos.

b) Fixeran renuncia expresa a algunha das subvencións concedidas por esta dirección xeral nos últimos dous anos.

c) Que percibisen no ano anterior unha subvención da mesma modalidade que a solicitada nesta convocatoria.

Artigo 4º.-Orzamento.

Destínase a cantidade de 288.000 euros, que se imputarán ao crédito dispoñible na aplicación orzamentaria 04.31.461A.781.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, onde existe crédito suficiente, atribuíndose inicialmente o importe de 248.000 euros para a modalidade A e 40.000 euros para a modalidade B, sen prexuízo da distribución definitiva que resulte das resolucións de adxudicación. O crédito non adxudicado nunha modalidade pode aplicarse na outra, ata acadar o límite total sinalado.

Estes importes entenderanse máximos sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte de aplicación dos criterios do artigo 11º destas bases reguladoras.

Artigo 5º.-Contías da subvención.

1. Modalidade A: Subvencionarase ata un máximo do 70%, en termos xerais, do importe total da factura pro forma presentada (IVE incluído), expedida pola entidade subministradora, incluíndo unicamente o valor do material subvencionable adquirido e excluíndo outro tipo de gastos (transporte, instalación, etc.), nunha contía máxima de 1.500 euros por entidade solicitante, e tendo en conta:

a) A axuda máxima por ordenador personal será de 500 euros.

b) A axuda máxima por receptor de sinal de televisión dixital terrestre que incorpore servizos interactivos (MHP) será de 130 euros, e para os receptores de TDT sen MHP será de 30 euros.

2. Modalidade B: a axuda máxima para crear a páxina web en galego será de 400 euros.

Artigo 6º.-Solicitudes e documentación.

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada aos modelos normalizados que se inclúen como anexos I e II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican neste artigo.

2. Os formularios da solicitude de axuda cubriraos e obteraos necesariamente o solicitante a través da aplicación informática segundo o procedemento indicado no artigo 7 desta resolución.

Poderanse cubrir e obter os formularios ata as 24 horas do día da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Os anexos desta convocatoria publícanse no Diario Oficial de Galicia (DOG) exclusivamente a efectos informativos, e será necesario empregar a aplicación informática indicada para a obtención dos formularios da solicitude. A presentación de solicitudes que non cumpran o aquí indicado será motivo de non-admisión a trámite da solicitude.

3. Coa solicitude xuntarase obrigatoriamente a seguinte documentación da entidade:

a) Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal da entidade.

b) Acta e estatutos de constitución, con acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente, con indicación do número de membros da entidade.

c) Poder suficiente do representante da entidade solicitante.

d) Declaración expresa sobre a concesión ou solicitude doutras axudas ou subvencións para o mesmo proxecto e conceptos, procedentes de calquera administración ou entes públicos, nacionais ou internacionais (anexo III).

f) Declaración responsable de que a entidade non incorre en prohibicións para obter subvencións a que se refire o artigo 10.2º da Lei 9/2006, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo IV).

3.1. Para o caso de solicitar axuda por equipamento audiovisual e multimedia, modalidade A, xuntarase ademais:

a) Memoria detallada do equipamento así como o orzamento desagregado para o cal se solicita a subvención.

b) Plan de actividades que se van desenvolver co equipamento para o que se solicita a axuda.

c) Orzamento do exercicio corrente e balance de situación da entidade, sen incluír as partidas das actuacións subvencionables tramitadas.

3.2. Para o caso de solicitar axuda para a creación de páxina web en galego, modalidade B, xuntarase ademais:

a) Acordo social da entidade de creación da páxina web en galego.

b) Declaración responsable da titularidade da páxina web da entidade solicitante e tamén dos contidos da páxina web.

c) Sinalar a URL da páxina web, que deberá estar nun dominio propio cun primeiro nivel que sexa «.es» ou «.org».

d) Plan de actividades que posúe a entidade.

3.3. Segundo o disposto polo artigo 41.1º f) da Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, quedan exentos de achegar os xustificantes do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou ser debedor por resolución de procedencia de reintegro, os beneficiarios das subvencións ou axudas que non superen os 1.500 euros individualmente e se concedan con cargo ao artigo 78, Familias e institucións sen fins de lucro, do orzamento de gastos.

Artigo 7º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes deberán presentarse no prazo de trinta e un días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

2. A presentación de solicitudes poderá facerse, á escolla do solicitante, por vía escrita ou por vía telemática, da seguinte forma:
a). Vía escrita (en soporte papel):

Para formalizar a solicitude, logo de obter e cubrir os formularios de acordo co previsto neste artigo, o interesado presentará a documentación sinalada, orixinal ou copia compulsada, dirixida ao secretario xeral de Comunicación.

Neste caso, as solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, ou polos restante medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b). Vía telemática (por medios electrónicos):

A vía telemática establécese como un mecanismo de presentación nun trámite único ante o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, empregando a sinatura electrónica do representante legal da entidade solicitante cando se reúnan os seguintes requisitos:

-Que o presentador da solicitude sexa quen exerza a representación legal da entidade solicitante, e como tal figure identificado nos formularios normalizados de solicitude. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade da entidade solicitante.

-O presentador deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre – Real Casa da Moeda, conforme co disposto no Decreto 164/2005, do 16 de xuño.

-Xunto aos formularios de solicitude, deberá anexarse en formato electrónico a documentación a que se fai referencia no artigo 6º das bases reguladoras. Para isto no proceso de presentación telemático permitirase anexar á solicitude os arquivos informáticos necesarios en formato.pdf.

-Unha vez asinados co certificado dixital do presentador os formularios normalizados e todos os documentos que se xunten á solicitude, procederase á transferencia telemática desta documentación ao Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, creado polo Decreto 164/2005, do 16 de xuño. Unha vez completado o proceso de transferencia telemática, efectuarase a anotación correspondente no rexistro de entrada, e nese momento, expedirase un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación, empregando as características da aplicación telemática.

Poderá accederse a esta vía de presentación a través da aplicación informática establecida na páxina oficial da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, sita no enderezo da internet http://www.xunta.es/comunicacion/dxca, onde se disporá dos medios de axuda á presentación de solicitudes. Tamén poderá accederse a esta vía desde o enderezo: http://www.xunta.es/servizos/ en Administración electrónica, facendo uso do Rexistro Telemático.

Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polos solicitantes.

En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse á Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, a través do teléfono 981 54 12 30 ou do enderezo de correo electrónico dxca@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación da solicitude.

3. En cumprimento do disposto polo artigo 14.1º letra ñ, ponse en coñecemento dos interesados que se poderán procesar e tratar informaticaticamente os datos dos solicitantes para tramitación do procedemento de axudas, podendo os interesados exercer os dereitos que garante a Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal. Cando se dean algúns dos supostos da letra d) do parágrafo 2 do artigo 15 desta lei orgánica, os interesados poden facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos.

Artigo 8º.-Tramitación e instrución dos procedementos.

1. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

2. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 9º.-Proposta e resolución.

1. A proposta de concesión seralle formulada ao secretario xeral de comunicación por un órgano colexiado, a través do director xeral de Comunicación Audiovisual, que é o órgano instrutor.

2. O referido órgano colexiado terá a seguinte composición:

-O subdirector xeral de Telecomunicacións e Audiovisual, que fará de presidente.

-A xefa do Servizo de Estudos e Análises de Telecomunicación e Audiovisual.

-A xefa do Servizo de Televisión e Radiodifusión.

-Secretario: un funcionario desa dirección xeral.

3. Á vista da proposta formulada a través do órgano instrutor, o secretario xeral de comunicación resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 10º.-Criterios de valoración.

O órgano colexiado do artigo 9º valorará as solicitudes de acordo cos seguintes criterios:

-Dimensión e ámbito de actuación da entidade solicitante.

-Que a entidade sen ánimo de lucro teña como finalidade o fomento dos valores e da identidade cultural e social de Galicia.

-Plan de actividades de carácter social, cultural, formativo e outras de interese xeral.

-Situación nas zonas xeográficas de desenvolvemento tecnolóxico desfavorecido.

Artigo 11º.-Prazo máximo de resolución e recursos contra a resolución.

1. Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta convocatoria será de catro meses, contados desde o día seguinte ao de remate do prazo de presentación de solicitudes nesta convocatoria.

2. De non notificarse resolución no prazo indicado no punto 1, entenderase desestimada a petición correspondente, podendo interpoñerse, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o secretario xeral de Comunicación no prazo de tres meses, ou ben interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de seis meses. Os prazos sinalados para estes casos comezarán a contarse desde que transcorra o prazo de catro meses sinalado no punto 1 anterior.

3. A resolución ditada polo secretario xeral de Comunicación esgota a vía administrativa, e contra a dita resolución poderá interpoñerse potestivamente recurso de reposición ante o secretario xeral de Comunicación no prazo de un mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación; ou ben interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados de igual modo.

4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 12º.-Notificación da resolución de concesión e publicidade.

1. Notificada a resolución de subvención, os beneficiarios deberán manifestar por escrito a súa aceptación no prazo de 10 días naturais, comprometéndose a executar o proxecto subvencionado segundo as condicións establecidas; empregarase para ese trámite o modelo que figura como anexo V, que cubrirá e obterá necesariamente o solicitante a través da aplicación informática segundo o procedemento indicado no artigo 7º desta resolución, utilizando calquera das dúas vías previstas para a súa entrega. De non recibirse a aceptación no prazo indicado, entenderase que o beneficiario renuncia á subvención concedida e procederase, sen máis trámite, ao arquivo do expediente.

2. A publicidade das subvencións outorgadas efectuarase a través da páxina web oficial da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual.

3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Secretaría Xeral de Comunicación publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

4. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistro de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

Artigo 13º.-Pagamentos e xustificación.

Os beneficiarios da subvención quedarán obrigados a xustificar, en todo caso antes do 1 de agosto do ano 2008, o pagamento da totalidade do investimento realizado, achegando, en soporte papel, a seguinte documentación (orixinal ou copia copia compulsada):

1. Para xustificar a adquisición de equipamento (modalidade A).

a) Factura do equipamento adquirido e xustificación do seu pagamento mediante documento de transferencia bancaria, certificación bancaria orixinal ou extracto de pagamento. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

b) Unha nova declaración actualizada de axudas e subvencións solicitadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou entes públicos, nacionais ou internacionais, ou organismos ou entidades privadas ( modelo dispoñible na páxina web oficial da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual).

c) Certificación expedida pola entidade bancaria en que sinale o número completo da conta que posúa o beneficiario onde se deba realizar o pagamento (modelo dispoñible na páxina web oficial da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual).

2. Para xustificar a creación de páxina web en galego (modalidade B).

a) Indicar expresamente a URL da páxina web creada, que deberá residir nun dominio propio cun primeiro nivel que debe ser «.es» ou «.org».

b) Unha nova declaración actualizada de axudas e subvencións solicitadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou entes públicos, nacionais ou internacionais, ou organismos ou entidades privadas (modelo dispoñible na páxina web oficial da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual).

c) Certificación expedida pola entidade bancaria en que sinale o número completo da conta que posúa o beneficiario onde se deba realizar lo pagamento (modelo dispoñible na páxina web oficial da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual).

2.1. Na modalidade B a entidade beneficiaria deberá incluír na propia páxina a referencia seguinte: «esta páxina web en galego recibiu unha axuda outorgada pola Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia» (coa súa imaxe corporativa).

2.2. A Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, con carácter previo ao pagamento, verificará que o contido da páxina web en galego sexa adecuado para a difusión e divulgación das actividades que realiza a entidade beneficiaria da axuda.

3. Procederá a minoración da subvención concedida cando o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto, e sempre que esta minoración non supoña unha realización deficiente do proxecto.

Artigo 14º.-Obrigas do beneficiario.

1. Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos para o obxecto concreto para o que foron concedidos. A Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual poderá realizar as oportunas comprobacións para o mellor coñecemento da efectiva realización do proxecto obxecto de axuda.

2. De igual maneira o beneficiario estará obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

3. Os beneficiarios deberán dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento das actividades e/ou investimentos obxecto de subvención, nos termos que regulamentariamente se fixen.

4. Para o caso de axudas ou subvencións outorgadas co mesmo obxecto, o importe das subvencións concedidas, en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas a través doutras administracións públicas, supere o 100% do custo total da actividade subvencionada.

Artigo 15º.-Incumprimento, reintegros e sancións.

1. O incumprimento das obrigas contidas nesta convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como o aboamento dos xuros de mora correspondentes.

2. Así mesmo, procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que se vaia desenvolver ou, de ser o caso, a porcentaxe máxima de investimento subvencionable que se estableza.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os puntos anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia, e na demais normativa de aplicación.

4. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previstas nos artigos 50º e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na demais normativa de aplicación.

Artigo 16º.-Actos de desenvolvemento desta convocatoria.

Facúltase o director xeral de Comunicación Audiovisual para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta convocatoria.

Artigo 17º.-Réxime xurídico aplicable.

No demais, esta resolución estará sometida a lexislación básica do Estado na materia contida na Lei estatal 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e demais normativa de desenvolvemento.

Artigo 18º.-Recursos contra esta resolución de convocatoria.

Poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o secretario xeral de Comunicación, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados de igual modo.

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2007.

Juan Fernando Salgado García
Secretario xeral de Comunicación

Anexo I-Solicitude A.

Anexo II-Solicitude B.

Anexo III-Declaración expresa das axudas solicitadas ou percibidas.

Anexo IV-Declaración de non incorrer nas prohibicións do artigo 10.2º da Lei 10/2006, do 13 de xuño.

Anexo V-Aceptación da subvención.