A Xunta vai concretando asumir os gastos de mantemento dos centros

A partir do 1 de xaneiro de 2008, será a Consellería de Educación quen asuma directamente os gastos de mantemento dos centros públicos integrados (CPI), e que desde comezos do curso escolar 2007-2008, tamén asumirá as obras de reparación, conservación e mantemento destes.

Existe un acordo entre a Xunta e a FEGAMP polo que a partir do 1 de setembro a Consellería de Educación asume os gastos de gasóleo para calefacción dos colexios de educación infantil e primaria (CEIP)

Deste xeito, a partir do 1 de xaneiro de 2008, finalizada a vixencia do actual convenio entre a Consellería e a FEGAMP para o mantemento dos centros públicos integrados (CIP), será este departamento autonómico quen asuma directamente tales gastos, seguindo os mesmos criterios de xestión que para os Institutos de Ensinanza Secundaria (IES), en base ao establecido no Decreto 201/2003 do 20 de marzo.

Así mesmo, desde comezos do curso escolar 2007-2008, as obras de reparación, conservación e mantemento dos centros de ensinanzas de infantil e primaria de Galicia, os chamados CEIP e CEP, serán asumidas directamente pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Na súa intervención en sede parlamentaria, o presidente galego tamén remarcou que, xa existe un acordo entre a Consellería de Educación e a FEGAMP, que espera que se asine en breve, polo que, a partir do 1 de setembro do 2007 o Goberno galego se compromete a asumir os gastos de gasóleo para calefacción de todos os CEIP e os CEP de Galicia.