A Federación reunirase o luns coa Consellería verbo da xornada escolar

A conselleira de Educación convoca á Federación para coñecer o noso punto de vista sobre a proposta de eliminación dos horarios reducidos nos meses de xuño e setembro.

Aproveitaremos tamén, se hai posibilidade, para obter o maior detalle sobre da proposta da Consellería  respecto da  nova distribución de horas por materias que prevé a LOE.

Segundo informa a prensa, a Consellería de Educación xa ten redactado un borrador de decreto sobre cómo se aplicará en Galicia a LOE. A súa proposta consiste en que os centros impartan cinco horas semanais de Relixión, unha máis do mínimo fixado polo Ministerio. No caso de Música e Plástica, os colexios darán tres horas de clase á semana como asignaturas obrigatorias.

Antón Méixome
Vogal

Información oficial da Xunta sobre o calendario

A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, informou hoxe no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) sobre os asuntos que se abordaron tanto na Mesa Sectorial de Educación, que reuniu esta mañá en San Caetano aos sindicatos con representación no eido do ensino e a representantes da Administración educativa autonómica; como na Xunta Autonómica de Directores que se celebrou este mediodía no MUPEGA. Sánchez Piñón indicou que nestas dúas reunións o departamento que ela dirixe presentou unha proposta relativa ao calendario escolar do próximo curso 2007/08, en virtude da cal “o horario sería o mesmo para todo o ano académico, desde o primeiro día do curso ata o último”, subliñou a conselleira de Educación.

Neste senso, a máxima responsable do departamento educativo galego salientou que “a Xunta Autonómica de Directores valorou moi positivamente esta proposta”, que “era unha demanda dalgunhas provincias da Comunidade”. “Suporía unha mellora para a ensinanza pública, xa que permitiría ofrecer o servizo de comedor todo o curso, conciliando a vida familiar e laboral dos pais”, destacou Sánchez Piñón.

Ademais, a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria indicou que a Mesa Sectorial “volverá a reunirse dentro duns días”, ao tempo que sinalou que “convocaremos formalmente ás ANPAs para ter a opinión de todos os sectores”. Así, Laura Sánchez Piñón indicou que “a semana que vén teremos todas as opinións contrastadas e en función diso tomaremos unha decisión”.